Alguén nos tiña que dar croques na caverna!

Fotograma de 'Alps' © Giorgos Lanthimos

Etiquetar fai parecer o mundo máis sinxelo. Se o palabro inventado soa ben e é de doada dixestión, mesmo creas unha moda. O máis 'trendy' nos circuítos festivaleiros desta tempada? Lévase a 'Greek Weird Wave' (Ola Grega Rara). Ás veces as palabras xorden antes que o cinema. Se un rebusca un pouco, atopa títulos de dubidoso impacto cinéfilo como Wasted Youth ou Knifer. Se cadra ata dá cun antigo mito do cinema gai dos 90, como é Panos Koutras, que resucita co seu último filme, Strella. Attenberg, de Athina Rachel Tsangari, funcionou ben o pasado ano, empezando polo premio á mellor actriz en Venecia.

Pero se todos estes filmes chegaron ata aquí, foi grazas ao éxito de Canino no festival de Cannes en 2009. Ao seu director Giorgos Lanthimos caeulle o apelativo de novo Michael Haneke (non sen razón) antes aínda de que tivese que comezar a desmentir que el non era a cabeza visible dun movemento que non existe. O que si se pode apreciar é a clara evolución dunha ollada dende a súa longa Kinetta (2005) ata Alps (2011), de estrea hoxe nas salas españolas. Falaría do resto desta nova (suposta) vaga sen moito coñecemento de causa, mais hai algo que é indiscutible. Lanthimos é un dos autores europeos máis refrescantes e prometedores do panorama actual.

Que o fai tan especial? Pois claramente a súa capacidade para crear atmosferas inquietantes, ateigadas dun fino humor negro, que intentan, a partires de situacións de estrañeza, desvelar as patoloxías ocultas dunha sociedade enferma como a europea. Os gregos son o noso berce en todo, pode que tamén sexan os pioneiros da caída do estado de benestar e a súa substitución por un novo sistema que será tan ridículo coma o anterior. Iso Lanthimos teno claro. As súas tres ficcións poñen ao descuberto o sen sentido de estruturas sociais que encerran ao individuo nunha gaiola mental, que el racha mostrando primeiro as sombras para conducirnos despois ao sol. Como un guía un pouco malicioso na caverna de Platón, que nos vai ensinando a vida golpes, Lanthimos usa sempre unha estrutura narrativa semellante que parte duns feitos estraños parcialmente mostrados para ir desvelando aos poucos a trama. Xoga co espectador e báteo para que este se pregunte sobre o significado das súas imaxes, os seus diálogos e os actos dos personaxes.

As súas ficcións poñen ao descuberto o sen sentido das estruturas sociais que pechan o individuo nunha gaiola mental

O seu elenco debe interpretalos dende a 'performance' -cada unha é un símbolo- e cun ton neutro e frío -o guión como bisturí da realidade que disecciona-. Esta particularidade, unida a unha posta en escena -que foi afinando dende Kinetta- medida, metódica, simétrica, fea e impersoal; son as razóns de que o comparen co Michael Haneke de Funny Games ou La pianista. Coma o austríaco, pon os seus personaxes en situacións límites e surrealistas para evidenciar o ridículo das convencións sociais contra as que bate. Diría que é máis sutil e feminista que Haneke. As mulleres de Lanthimos asumen sempre o rol de submisas, por forza ou por vontade propia, contra un home aparvado, frustrado e inoperante. A tensión de moitas das súas escenas resólvese cun acto sexual mecánico no que a muller realiza a función de obxecto participante.De novo, a execución impersoal dun acto repetitivo e mirado con frialdade provoca a repulsa do espectador e provoca un efecto de inversión. Os personaxes de Lanthimos están engaiolados xunto ao espectador polos recursos narrativos do director heleno. Son estes mesmos recursos os que nos acaban emprazando a tomar distancia, decatándonos da mentira na que viven os involucrados na trama.

Mais os filmes de Lanthimos son espellos do real. Se en Canino tecía unha enfermiza rede de sobreproteccionismo paterno en torno a dúas irmás que saían aos poucos da caverna na que vivían; en Alps dános a outra cara da moeda, a dun grupo de persoas que precisan crear unha ficción para enfrontarse a algo tan natural como a morte. E isto dá moito máis medo. Da protección do Gran Irmán ao Mundo Feliz de Huxley. O heleno opta por parodiar a distopía dos produtos 'ready-made' consumidos con ledicia polos engaiolados. Algúns quixeron ver no filme unha metáfora da situación económica de Grecia. Modas. Titulares. Lanthimos é moito máis intelixente que iso. Os seus filmes falan da condición humana, e por iso perdurarán, porque non se dedican a poñer etiquetas, senón a rachalas para observar que hai detrás, aínda que sexa moito máis complexo e non queiramos velo. Alguén nos tiña que dar croques na caverna!

Cartel promocional do filme © Giorgos Lanthimos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.