"Se non hai mil familias que se queiran subscribir a Oink!, hai que estar preocupados polo futuro da lingua"

Primeiro número de Oink!, publicado este verán © Oink!

Oink! necesita da túa colaboración para seguir adiante. Oink! A revista do Xabarín Club, unha publicación mensual de banda deseñada e outros contidos, para público infantil e xuvenil e en galego, naceu este verán e despois de catro números viuse obrigada a botar o freo e facer unha chamada pública á súa audiencia (á actual e á potencial) para procurar un sostemento económico para asegurar a súa continuidade. O seu director, Marcos Ferreira, adiantou hai uns días en Praza a intención de lanzar unha campaña de crowdfunding e de subscricións, unha campaña de vén de comezar.

O obxectivo é ambicioso. Oink! busca recadar un total de 36 mil euros, unha cantidade que cobra os gastos dun ano completo: "temos un compromiso cos nosos traballadores e colaboradores, e tamén cos subscritores, non queremos agora pedir apoios para seguir adiante e ter que pechar dentro de dous números", di Marcos Ferreira. A campaña ofrece distintas recompensas, dende as máis modestas mencións na revista (por 3 euros), adhesivos troquelados ou chapas (por 6 euros), ou os catro números publicados até agora (por 15 euros), até outros máis valiosos, como posters asinados por algúns dos debuxantes ou mesmo a matrícula para un curso de banda deseñada no Garaxe Hermético de Pontevedra (a partir de 100 euros).

"Chámannos pedindo que non pechemos a revista, como se fose algo que dependa de nós. Non podemos seguir asumindo este risco económico, pero estas mensaxes demóstranos que hai interese"

Pero o groso da campaña son as subscricións anuais, un total de seis números por 30 euros. E o obxectivo está situado nos mil subscritores, unha cifra que aseguraría a continudade do proxecto. Marcos Ferreira sinala a este respecto que "se non atopamos mil familias que se queiran subscribir á única publicación infantil-xuvenil en galego, pois daquela teremos que estar preocupados polo futuro da nosa lingua".

A campaña diríxese tamén a centros de ensino ou bibliotecas e a súa resposta, destaca Ferreira, está sendo boa: "Chámannos pedindo que non pechemos a revista, como se fose algo que dependa de nós. Non podemos seguir asumindo este risco económico, pero estas mensaxes demóstranos que hai interese". A este respecto, Ferreira sinala un problema técnico que están tendo, pois para poder facer as achegas en Verkami, cómpre ter unha tarxeta de crédito, da que obviamente carecen os centros de ensino. A solución que se buscou, polo tanto, foi a de pedirlles aos centros que se están interesando pola iniciativa que envíen un talón para formalizar a subscrición, e a propia revista encárgase posteriormente de facer a achega no seu nome.

"Estamos todos apretando o cinto, reducindo custes, xa decidimos que a revista vai ser bimestral e non mensual, para recortar os gastos de impresión e distribución", salienta, "pero onde non queremos recortar é na calidade do papel e da impresión". A revista tamén tivo até o de agora unha boa recepción entre os debuxantes, ilustradores e profesionais e afeccionados da banda deseñada en Galicia, como destacaba Eduardo Maroño hai uns días no blog Qadriños. "O esforzo dun programa como o Xabarín Club, que marcou a toda unha xeración, foise esvaendo. E nós o que pretendemos coa revista é recuperar iso", destaca o director da revista.

"Sen xente que desexe unha revista coma OINK! é mellor quedar no cubil e agardar que escampe... Pero logo non te queixes de que non hai nada para a rapazada en galego!"

Marcos Ferreira incide en que están sorprendidos porque "entre os 200 mil nenos e nenas galegas que hai na franxa de idade á que lle falamos non haxa mil familias interesadas" e destaca o potencial educativo da publicación: "Falamos de ciencias, falamos de humanidades e todo en galego. Agora que estamos sufrindo o decreto do galego, creo que o feito de que poñamos na rúa estes contidos é máis importante ca nunca".

Quedan 38 días por diante para que Oink!, acade o seu obxectivo. Na propia campaña salientan que "se non acadamos o obxectivo marcado, os agoiros serán certos. Teremos feito todo o posible para non aceptar a realidade do noso tempo. Sen xente que desexe unha revista coma OINK! é mellor quedar no cubil e agardar que escampe... Pero logo non te queixes de que non hai nada para a rapazada en galego!".

Oink! busca asegurar o futuro da publicación para os vindeiros 12 meses Dominio Público Oink!
A revista pasará a editarse de forma bimestral Dominio Público Oink!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.