0 Gardados para despois

Cibrán, Milhomes e o Bocas regresan a Auria

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os Cibrán, Milhomes e Bocas da adaptación cinematográfica d'A Esmorga xa teñen rostro e nomes: Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán Morris, o trío que recreará as 24 horas de borracheira polas rúas de Auria recollidas na novela de Eduardo Blanco Amor. "Custoume tres meses atopalos, fixen moitas probas con cantidade de actores de toda Galicia e do resto do Estado", explica Ignacio Vilar, director do filme, que destaca que non foi doado en absoluto: "Os tres teñen que estar todos os días de rodaxe, están sempre xuntos e cando elixes a un, tes que pensar nos outros dous". 

Morris (Milhomes), Miguel de Lira (Cibrán) e Karra Elejalde (Bocas) falarán en galego na película (a rodaxe realízase integramente na nosa lingua) e, ademais, con sotaque de Ourense, unha preocupación por axeitar a lingua dos personaxes á localización das historias que Vilar xa amosou en Pradolongo ou Vilamor. E unha dificultade engadida, non só para o vasco Karra Elejalde, que hai semanas que está traballando o seu galego coa axuda dun lingüísta, senón tamén para os outros dous actores, que deberán mudar a súa fala de Lira e Vigo para seren ourensáns por uns meses.

Morris (Milhomes), Miguel de Lira (Cibrán) e Karra Elejalde (Bocas) falarán en galego na película (a rodaxe realízase integramente na nosa lingua) e, ademais, con sotaque de Ourense

A rodaxe comezará este 12 de febreiro, con tempo aínda para que o inverno marque o ambiente da película, e durará tres meses, polo que o filme podería estar listo a finais de ano. Outro dos aspectos que Ignacio Vilar está coidando con máis detemento son as localizacións e escenarios da historia, para "captar a atmosfera da novela". A Praza Maior de Ourense transformarase para volver á Auria de hai 50 anos, para rodar os exteriores, e habilitaranse dúas das tendas máis coñecidas dos arredores da Casa do Concello. Aproveitarase tamén, como destaca Vilar, que "a ruta da Esmorga consérvase casi na súa totalidade, practicamente nun 80%" e no filme aparecerán tamén As Burgas, a capela do Cristo e a Catedral, despois de obter o permiso do Bispado. Tamén se rodará no Pazo de Tor, en Ferreira de Pantón, e moitas das escenas interiores da taberna narrada por Blanco Amor serán filmadas na Taberna Papuxa de Ribadavia, que aínda conserva mesmo o chan de terra.

Buscarase que o filme transmita a "atmósfera" tan peculiar xerada por Blanco Amor, na que para Vilar é “unha das grandes da literatura universal”, que ademais ten un ritmo e un estilo "moi cinematográficos"

O filme conta co apoio do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia, a través de Agadic, a Deputación Provincial de Ourense e da Editorial Galaxia, propietaria dos dereitos da novela. Este mércores, na presentación do filme en Ourense Francisco Castro en nome da editorial salientou "a ledicia de poder formar parte desta viaxe dirixida polo mellor dos comandantes".

A película, destaca igualmente Ignacio Vilar, quere ser o máis fiel posible á historia narrada na novela, que xa conta cunha versión cinematográfica (La Parranda, Gonzalo Súarez, 1977), pero non tan axustada ao texto orixinal. Buscarase que o filme transmita a "atmósfera" tan peculiar xerada por Blanco Amor, na que para Vilar é “unha das grandes da literatura universal”, que ademais ten un ritmo e un estilo "moi cinematográficos". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.