0 Gardados para despois

Rocha Forte: A maior e máis descoñecida fortaleza de Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


De todos os tesouros que Compostela posúe, posiblemente a fortaleza da Rocha Forte é o menos coñecido. Construído no século XIII e destruído en 1467 no marco das revoltas irmandiñas, o castelo pertencía ao Arcebispado de Compostela, servía para controlar tanto a entrada na cidade dende Noia coma dende Padrón e Pontevedra, e en varias ocasións foi utilizado polos sucesivos arcebispos para refuxiarse das varias revoltas protagonizadas nese tempo pola incipiente burguesía compostelá contra o poder feudal. Pouco coñecida polos propios habitantes de Compostela, atópase no lugar da Rocha Vella, a carón da vía do ferrocarril, e a medio camiño hoxe entre Santiago e o Milladoiro. 

Nos últimos anos distintos traballos de escavación foron revelando a historia e os segredos desta fortificación, que dende hai unhas semanas pódense consultar nunha web. Rochaforte.info, realizada por A Navalla Suíza, foi ademais recoñecido este venres co premio Eganet ao mellor proxecto de Comunicación Dixital. A web ofrece un amplo número de recursos sobre a historia e os traballos de recuperación desta fortificación, dende unha liña de tempo cos principais acontementos que tiveron lugar ao seu redor, unha galería coas biografías dos seus personaxes máis importante, mapas e unha biblioteca coas fontes documentais que nos achegaron a información que coñecemos na actualidade e outra serie de contidos, a xeito de breves retallos de historia sobre este lugar e a relación que tivo no crecemento e nas loitas de poder na cidade de Santiago de Compostela. 

Tamén ofrece unha serie de informacións máis técnicas e especializadas, pensadas para o uso de arqueólogos e afeccionados á Arqueoloxía e á Historia, como por exemplo detalladas explicacións e mapas sobre as escavacións, ou sobre os obxectos achados en cada lugar, memorias técnicas, planos e alzados, e resultados da prospección arqueolóxica da zona. A web acompaña pois os traballos que dende hai anos buscan descubrir, estudar e restaurar o recinto intramuros da fortaleza e os sectores externos máis próximos: a antemuralla ou falsabraga e a zona de canalizacións hidráulicas, todo co obxectivo de acondicionar e poñer en valor o castelo.

 

Dous séculos con moita historia

A web nace para contar a "vida e morte da fortaleza máis grande de Galicia", un castelo catalogado como Ben de Interese Cultural tamén coñecido como Castelo dos Churruchaos. Cunha orixe documentada no ano 1240, era o refuxio dos arcebispos de Compostela, unha fortificación onde refuxiarse das revoltas e protestas dos habitantes da zona e un lugar perfecto para controlar a entrada e saída da cidade de xentes e mercadorías, xa que se atopa nas proximidades do antigo camiño que unía Santiago con Noia e do camiño de Padrón, o Camiño portugués, que seguían os peregrinos a Santiago dende o sur de Galicia.

A comezos do século XIV, o Papa Xoán XXII nomeou o dominico francés Berenguel de Landoria arcebispo de Santiago de Compostela. Cando Berenguel chegou a Santiago no 1318, atopou as portas pechadas pois a cidade estaba levantada en armas contra o Arcebispado. Os burgueses composteláns querían conseguir que o Concello pasara a depender da Coroa no canto da Igrexa, coa intención de obter as vantaxes de ter a fonte de poder señorial máis afastada. Berenguel refuxiouse no Castelo da Rocha e dende alí iniciou as negociacións cos burgueses. Despois de meses de enfrontamentos, o 16 de setembro de 1320, unha embaixada de burgueses en representación do Concello de Santiago acudiu á Rocha para negociar. Os soldados do arcebispo pecharon as portas do Castelo e asasinaron os representantes da cidade. Días máis tarde burguesía e Arcebispado asinaron a paz e este recuperou o control da cidade.

Xa no século XV o castelo converteuse nun símbolo da opresión exercida polo Arcebispado sobre os labregos da zona, o que levou a que en 1467 se convertese nunha das primeiras fortificacións destruídas pola revolta irmandiña. No ano 1469, Alonso II de Fonseca venceu os sublevados na Batalla da Almáciga, coa axuda de Pedro Madruga, pero a diferenza doutros castelos, o da Rocha non foi reconstruído

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.