0 Gardados para despois

"O rural ten moito camiño por percorrer da man do emerxente audiovisual galego"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En xuño celebrarase en Celanova e Cartelle o I Festival Internacional Carlos Velo, un encontro de cinema centrado en curtametraxes, de ficción e documentais, sobre o mundo rural, e organizado polas asociacións Lareira Pop e Arraianos. A iniciativa quere ser tamén "un punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual e un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural" e busca promover a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro.

O encontro reivindica, así mesmo, a figura e o legado do cineasta de Cartelle Carlos Velo, "velaí o punto de partida do proxecto, reivindicando a obra deste gran cineasta como sinal de identidade do novo cinema galego, un home con fondas raizames e con vocación universal, que é a filosofía do propio festival", destacan os seus organizadores.

"Velaí o punto de partida do proxecto, reivindicando a obra deste gran cineasta como sinal de identidade do novo cinema galego, un home con fondas raizames e con vocación universal, que é a filosofía do propio festival", destacan os seus organizadores

Ademais das curtametraxes a competición, haberá proxeccións de obras audiovisuais fóra de concurso. E os seus organizadores están considerando tamén a incorporación de actividades complementarias, como palestras, debates, obradoiros e mesas redondas, "coa idea de darlle ao Festival un sentido global a través de aproximacións multidisciplinares a un mundo rural que esmorece". Afirman estar "moi sorprendidos" pola recepción e interese espertado por un festival que aínda non foi presentado oficialmente (esta presentación está programada para 15 de marzo, no Centro Educativo e Comunitario de Arraianos, nun monte comunal de Celanova). "Xa levamos máis de 12 traballos inscritos. O rural é futuro", destacan.

 

"O rural é futuro"

Aser Álvarez (Arraianos) e Inés Vázquez (Lareira POP), destacan que "a recuperación da memoria e do patrimonio material e inmaterial debe orientar o desenvolvemento económico"

Os seus responsables, Aser Álvarez (Arraianos) e Inés Vázquez (Lareira POP), destacan que "a recuperación da memoria e do patrimonio material e inmaterial debe orientar o desenvolvemento económico" e sinalan que "nunha cultura cada vez máis audiovisual, o documental é un xénero moi útil para amosar, por exemplo, que outro mundo rural é posible, para recuperar o patrimonio material ou inmaterial, así como para contribuír a xerar un intercambio interxeracional que non é doado conseguir sen estas ferramentas e linguaxes".

Aser Álvarez e Inés Vázquez salientan que "o mundo rural é a esencia da cultura galega" e que "nese sentido, o rural aparece, en maior ou menor medida, no audiovisual galego, como parte integrante da nosa realidade como pobo, aínda que con certa tendencia a velo como algo exótico". Lembran que "nos anos 20 a Sociedad de Amigos del Campo dedicouse a percorrer Galicia e a filmar curtas sobre a vida cotiá da xente das aldeas, que hoxe posúen un gran valor. Despois están tamén os traballos de Carlos Velo, Xocas e Toni Román, e pouco máis".

"O rural aínda ten moito camiño por percorrer da man deste emerxente audiovisual galego, un camiño moi prometedor e cheo de posibilidades. Porque o rural é o futuro, polo menos no noso país"

"Actualmente botamos en falla un achegamento máis natural e contemporáneo ao mundo rural, afastado de lugares comúns ou estereotipos. O rural é visto por algúns como algo do pasado, ligado á xente maior. Mais no rural hai hoxe outras realidades interesantes, xermolos de futuro e de dignificación dunha forma de vida que é parte esencial da nosa identidade. E o rural aínda ten moito camiño por percorrer da man deste emerxente audiovisual galego, un camiño moi prometedor e cheo de posibilidades. Porque o rural é o futuro, polo menos no noso país. Ou é así ou deixaremos de ser país", engaden.

 

Carlos Velo

"Carlos Velo foi un de tantos valores intelectuais que Galicia perdeu pola guerra e que nunca chegou a recuperar como debera"

"Carlos Velo posiblemente sexa o mellor cineasta da historia de Galicia", afirman con rotundidade: "Desafortunadamente non tivo a oportunidade de desenvolver a sua carreira cinematográfica en Galicia, pois a causa da Guerra Civil exiliouse en México, mais en México tamén formou a toda unha xeración de documentalistas moi potentes e alí rodou filmes tan extraordinarios como Torero ou Pedro Páramo. En México é considerado un director nacional".

Subliñan que"en España e Galicia ficou esquecido até os anos 80, cando a súa obra foi recoñecida por unha nova xeración de críticos e profesionais da comunicación como pioneira e de grande interese didáctico, artístico e mesmo científico. Carlos Velo foi un de tantos valores intelectuais que Galicia perdeu pola guerra e que nunca chegou a recuperar como debera". Miguel Anxo Fernández conta a este respecto que “de non ter acontecido o drama histórico que o levou ao exilio, a súa curtametraxe Galicia afirmaríase como o punto de partida dunha cinematografía nacional galega de riscos propios e diferenciados, ao marxe da produción cinematográfica convencional". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.