0 Gardados para despois

“No sector cultural estase a facer un ERE multitudinario do que ninguén se preocupa”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Dúas caras ben coñecidas para o público da TVG. Matalobos deulles unha gran visibilidade diante dos espectadores, o cal lles permitiu formar un tándem de éxito para o teatro. O ano pasado estrearon Gaivotas subterráneas, unha obra dirixida por Artur Trillo, de Talía Teatro, que foi enchendo os auditorios de Galicia. Agora, Luís Iglesia e Xabier Deive volven xuntos aos escenarios nun formato diferente. Trátase de Sede de Mal, que mestura música, monólogos, retranca e reflexión. Dirixida a dúas mans e creado coa colaboración no guión de Carlos Santiago, a montaxe xa viaxa polo país dende a súa estrea o pasado ano en La Tuerka da Coruña. As datas da xira desta obra, producida por Boneca Lareta e distribuída por Culturactiva, pódense consultar na web de Sede de mal.

Como lles venderían ao espectadores Sede de mal para que acudisen ás funcións?

Xabier Deive (XD): Nós vendémola como unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida. Isto é debido a que Luís e mais eu saímos con guitarras eléctricas colgadas do pescozo, diante dun micrófono e comezamos a función tocando xa un rocanroll. É unha especie de monólogo... Un espectáculo híbrido en realidade. E moi particular, divertido e falcatrueiro. .

Mesturan música con monólogos...

Luís Iglesia (LI): É un biólogo.

XD: Prodúcese esa comunicación directa co público. Falas cos espectadores, cóntaslles anécdotas, disertas sobre os malos e os bos, de onde xorde o ben e de onde o mal.

LI: Tamén ten reflexión. Como non quere a cousa, inmiscimos no xénero do stand up a retranca. Así facemos autocrítica do país. Recoñecemos que temos cousas boas, pero tamén malas. Tan malas coma a falta de decisión... E temos aí unha explicación histórica que só sabemos nós: todo procede da raza primixenia de Galicia, os suíñas, que eran amantes dun pensamento circular, que non eran quen de saír do círculo. O que ofrecemos é a explicación e a saída dese círculo mediante un personaxe que se chama Anónimo, unha sorte de profeta noso que camiñou polo mundo adiante cunha roda de afiar e que era de Ourense. Foi fuxindo dese pensamento circular mediante a mestura de moitos elementos e, sobre todo, de copiar as actitudes dos malos de Hollywood. Así metemos o cine polo medio, porque unha das cousas que podemos aprender dos malos é que ser malo é moito mellor que ser peor.

"En Galicia hai un dito famosísimo que di: “Deus é bo e o demo non é malo”. Aquí a concepción do mal que teñen noutros lares chegou coa cultura cristiá. Aquí había outra cousa"

De que malos do cine falamos?

XD: Falamos dos grandes de Fredie Kruger, Tiburón, Cruela de Vil, Hannibal Lecter... Facemos un pequeno percorrido por todos eles.

Que cousas boas e que cousas malas temos en Galicia?

LI: Non sei se contestar en broma ou en serio....

Iso é parte da retranca.

LI: En Galicia hai un dito famosísimo que di: “Deus é bo e o demo non é malo”. Aquí a concepción do mal que teñen noutros lares chegou coa cultura cristiá. Aquí había outra cousa. No Antigo Testamento hai unha defensa da maldade, se non é así... hai determinadas cousas que non se entenden.

"Nós temos ese pensamento circular, esa indecisión, que nos leva a ver que vai pasar, o de “ir indo vós, que eu xa vou ver como fago”. Isto freounos, dito xa en serio... Esta gran filosofía freounos e impediunos ir moito para adiante"

Yavhé tiña os seus prontos...

XD: Era manipulador, cruel, preocupado por ver como reaccionaba a xente baixo presión...

LI: Nós temos ese pensamento circular, esa indecisión, que nos leva a ver que vai pasar, o de “ir indo vós, que eu xa vou ver como fago”. Isto freounos, dito xa en serio... Esta gran filosofía freounos e impediunos ir moito para adiante. Un amigo meu ten unha teoría que seguramente é certa, que dicía que o gran problema de Galicia foi sempre a emigración. Ningún pobo atura cento e pico anos de marchar os mellores. Os máis afoutos, os máis tirados para adiante... Ti se lle podas catro ou cinco xeracións dos máis decididos a un país, o que queda non é moito.

Esa actitude e esa filosofía da que fala explótaa moi ben Gadis nos seus anuncios... 

LI: A min resúltame moi molesto isto de que se non se sabe se subimos ou baixamos a escaleira. Espera un pouco, ten paciencia que xa verás se subo ou se baixo.

"Ese especie de relativismo secular que, en poucas doses, non é malo. Relativizar significa que analizas varios puntos de vista dun mesmo problema"

E que cousas boas temos?

XD: Probablemente tamén sexa iso. Ese pensamento circular, que é un mecanismo de defensa que nos outorga a retranca. A defensa reside en non responder a todo o que preguntan os demais. Por outro lado, hai cousas moi boas que somos incapaces de ver, analizar e valorar. Cústanos recoñecernos nas cousas boas. Resulta moi necesario, como resulta necesario mesturar as cousas boas co lado positivo desa actitude. O segredo está na mestura. 

LI: Ese especie de relativismo secular que, en poucas doses, non é malo. Relativizar significa que analizas varios puntos de vista dun mesmo problema. Mais cando caes na indecisión... Había un chiste de galegos que conta como un galego lle di a outro: “Neste mundo todo é relativo.” O outro, simplemente, retruca: “Bueno, iso depende!” [Risos] Esa actitude doe, é pasarse. Meu avó sempre empregaba unha palabra: temperanza. Ás veces somos demasiado temperados, pero un pouco de temperanza é boa cousa... Para o bo e para o malo.

XD: Toda esta actitude, no fondo, tamén inflúe para ter unha calidade de vida, que nos permita ter unha sociedade máis tranquila, que vive con certa harmonía... Aquí vívese ben. Funciónanos.

Por que a dirección é dun tal Pseudónimo.

LI: Porque era seu e dónimo. [Risos] Porque nos autodiriximos... Por iso non podemos dicir quen é o director.

XD: É un ente que aparece no local de ensaio, xorde cando estamos traballando e encárgase de que funcione todo con nós.

Como encaixa Carlos Santiago neste proxecto?

XD: Como guionista, colaborou con nós dende o comezo do proxecto, achegou moitísimas ideas e apoiounos co tema.

Sede de mal aproveita o tirón que tivo o ano pasado Gaivotas subterráneas no teatro, pero sobre todo de Matalobos. Iso é bo ou encasilláronse cos seus papeis?

LI: Nós formamos tamén parte dunha obra de monólogos chamada Sapiens. Despois, está Gaivotas subterráneas e agora temos Sede de Mal. Creo que estas obras xustamente serven para que nos vaian ver e que os espectadores gañen unha visión completamente diferente de nós.

XD: Son espectáculos moi distintos entre si, facemos traballos diferentes entre eles. E cada un deles rompe coas ideas que se poden ter previamente de nós. Nós estamos sorprendidos con toda a xente á que lle gustou Matalobos e que agora quere ver as cousas que facemos en directo. E cando ve unha, acaba por ver todo o demais. Temos persoas que van ver ao teatro todo o que facemos.

LI: E algúns varias veces.

XD: É incrible isto de ter seguidores. Algo curioso e difícil  no teatro. Algún día seremos consciente da xente que responde deste xeito... do bonito que é.

"Dependendo de como estea o público, que a esa altura xa soe estar  moi quente, o espectáculo alóngase máis ou menos. É dicir, tamén depende da recepción do público que a obra sexa máis longa ou non"

O espectáculo dura 70 minutos ou máis, segundo a reacción do público. Hai improvisación ou hai bises?

LI: Bises non hai, que non nos cachen con iso. [Risos] Froito da viaxe que fixo o noso Anónimo por terras americanas, prodúcense mesturas da música americana coa filosofía galega. É dicir, facemos góspel, algo de country... Temos xéneros mesturados como a bluesñeira ou o ghotanroll. Contamos a historia de Anónimo, que era un tipo que lle gusta moito a mestura.  Temos esa bluesñeira, que é un blues pero con letras tradicionais galegas que se mesturan entre si e iso dá moito xogo. E dependendo de como estea o público, que a esa altura xa soe estar  moi quente, o espectáculo alóngase máis ou menos. É dicir, tamén depende da recepción do público que a obra sexa máis longa ou non.

XD: Prodúcese unha fala directa co público. Falas con el directamente e pregúntaslle que lle parece tal cousa ou a outra. É un punto directo do monólogo... Non temos un texto pechado. Iso non o temos.

Que son os malos reais neste país?

LI: Non hai malos neste país, hai peores.

XD: O malo é mellor que o peor.

LI: Os peores xa os coñecemos.

En 70 minutos non entran todos os peores?

LI: Non, pero entra o concepto. E ao final preguntámoslle ao público: Fulanito de tal é malo ou peor?  Comezamos falando de personaxes de cine.

XD: Despois falamos de personaxes senlleiros da política

LI: Curiosamente dende a primeira opción din: “PEOR!” Creo que a xente ten claro quen é malo e quen peor.

"Non será peor os cartos e as subvencións aos bancos? E por non falar da clase política que viven, loxicamente, de cartos públicos e de xeito directo"

Se falamos de malos, deste país e de teatro, acabamos falando tamén da crise no sector. Como ven vostedes as dificultades nun ámbito laboral, o das artes escénicas, no que o 72% dos profesionais non poden vivir do seu oficio? Son datos que achegou a Fundación AISGE no seu último informe. Pregúntollo ademais a dúas persoas que teñen unha xira agora cuns cantos bolos e iso que estamos en tempos de difícil distribución.

LI: Na cultura en xeral emprégase sempre o argumento da crise. Sempre co interese concreto de quen emprega ese argumento. Así escoitamos mentiras ou medias verdades. Fan falla cartos para a sanidade. Dende logo, pero... Que me estás contando? Que ten que ver unha cousa coa outra? Despois chámanlle á xente da cultura subvencionados... Coma se o leite ou o naval non o estivesen!

XD: En todas e cada unha das actividades económicas deste país recíbense subvencións.

LI: Non será peor os cartos e as subvencións aos bancos? E por non falar da clase política que viven, loxicamente, de cartos públicos e de xeito directo. Non obstante, omítense datos importantes, como que a achega do sector cultural ao PIB é maior que o que achega a automoción. Eses datos non se dan. Cal é o problema que vivimos? No mundo da cultura estase a facer unha sorte de ERE multitudinario do que ninguén se preocupa. No noso sector vivimos de traballos eventuais e agora cando rematas de traballar, corres o risco de deixar de traballar... de desaparecer. Estamos a esmagar un sistema teatral e audiovisual que foi un verdadeiro milagre no seu momento. Levantouse en moi poucos anos aquí, en Galicia, cando non había nada... Perdoa, Xavier, que estou aquí acaparando...

"Investíronse moitos cartos que se van estragar. Porque se crearon escolas de imaxe e son, investimos en xeracións enteiras de xente formada no sector, en profesionais punteiros a nivel estatal. Iso custa moito esforzo en facelo e é un milagre total. Todo iso elimínase en dous ou tres anos..."

XD: Non, non estou plenamente de acordo. Porque aquí o que se viviu foi moi admirado e respectado no resto da península. Non entendo por que non se seguiu por ese camiño.

LI: Investíronse moitos cartos que se van estragar. Porque se crearon escolas de imaxe e son, investimos en xeracións enteiras de xente formada no sector, en profesionais punteiros a nivel estatal. Iso custa moito esforzo en facelo e é un milagre total. Todo iso elimínase en dous ou tres anos... O día que queiramos recuperalo, veremos que todo é monte queimado. 

XD: Cando aprendemos, demostramos que podemos facelo como calquera ou mellor en todos os ámbitos. Pensemos, por exemplo, na música. Temos autores que realizan un traballo honesto e recoñecido, xente que actúa de xeito internacional no Womex. Non sei por que non se tira máis disto. Debería ser unha marca representativa deste lugar. Porque o tes aí. Porque xa o temos.

Sobre o PIB da cultura, o Consello da Cultura Galega publicou un informe hai tres anos. As súas conclusións pasaban por que o sector empregaba a 26.000 persoas e achegaba o 2,1% do PIB, o cal superaba á pesca...

LI: A nivel económico é moi doado ver cuestións económicas claras. Pensemos na rodaxe dunha serie con exteriores. Desprázanse cámaras, técnicos, actores, guionistas, un equipo de realización... Móvense, perfectamente, cen persoas. Van a un lugar e xeran movemento económico: fanse compras nos locais das vilas, gástase nos bares, nos restaurantes...

XD: E competimos con dignidade coas producións que veñen do resto do estado e do exterior. A xente aquí responde e demanda ese tipo de produtos nosos.

"O orgullo que sente a xente ao ver algo feito aquí. Iso supera o orgullo que pode haber en Cataluña nos mesmos casos. Entramos nos comentarios de Matalobos e atopamos verdadeiros seguidores, hooligans en toda regra da serie"

Realmente esas ideas, esas impresións están na sociedade? Transcende este tipo de cuestións á xente?

XD: Fáltanos a conciencia de pensar que a cultura é tan importante como o alimento para ser unha persoa... Unha persoa máis completa. Fáltanos esa conciencia. Penso que a cultura é algo imprescindible. Abandonar a cultura permítenos seguir respirando, correcto. Non obstante, fainos menos pobo, menos persoas. 

LI: Alén de que hai intanxibles. Intanxible como por exemplo...  O orgullo que sente a xente ao ver algo feito aquí. Iso supera o orgullo que pode haber en Cataluña nos mesmos casos. Na casa comentabamos o outro día, vendo nun portal de series, esta cuestión. Entramos nos comentarios de Matalobos e atopamos verdadeiros seguidores, hooligans en toda regra da serie. E por que? Porque están orgullosos e din: “os meus fixeron isto e mola.” Iso é intanxible.

O habitual é todo o contrario: non apreciar o que se fai aquí e sobrevalorar o que vén de fóra.

LI: Os fitos que se producen significan chanzos subidos. É dicir, cotizamos máis na escala do orgullo. Matalobos foi un chanzo e despois virán outros que subirán o chanzo seguinte. Na música? Cantos exemplos temos na música? Pois Sés, que nos gusta moito, é un exemplo. Porque está facendo música reivindicativa e blues. Unha rapaza afouta. Baixar eses chanzos e despois querer subilos de novo... Non é cousa boa.

O ano pasado realizáronse mobilizacións teatrais contra a Xunta. Unha ocupación do Salón Teatro, outra no Gaiás. Quico Cadaval díxome o outro día que esas reivindicacións non lle importaban a ninguén. Que se un cidadán vía unha manifestación dos teatreiros, dáballe igual. Se vía unha concentración de despedidos dunha empresa de coitelos, o conto era diferente...

XD: É o que falamos antes: a falta de conciencia. É coma se nós nacésemos así, con todo feito e que nos erguemos un día e decidimos facer un espectáculo. Non é así, é un traballo que custa esforzo facelo. É moi complicado estar neste oficio. E non es un subvencionado nin un folgazán...

LI: Produciuse unha campaña brutal para nos chamar subvencionados. Os medios de comunicación maioritariamente apoian esa movida... O irónico é que eses medios teñen unhas produtoras e nós, os subvencionados, somos os rostros das súas produtoras. Non é fácil de comprender... Para nós é moi difícil desafacer esa imaxe, non temos acceso aos medios aínda que pareza estraño. Agora falamos deste asunto porque nos preguntas, pero maioritariamente non podemos falar destes asuntos.

XD: Vaiamos a un debate público, real, de por que se nos subvenciona, cantos postos de traballo estamos a crear...

LI: A xente non ten acceso a ese debate e a nós cústanos moito traballo que teñan acceso. Entón claro, entre iso e que as nosas manifestación non son as do naval... [Risos]

"A idea de que hai que refundar o estado das cousas soa con forza. Os políticos non han estar moi tranquilos porque o sistema parece que xa non funciona"

O desprestixio nacido dende a clase política cebouse cos actores, pero tamén se centrou noutros oficios relevantes como os profesores ou os funcionarios nos últimos anos. Quizais, agora os políticos, sofren esa mesma cruz de desprestixio constante. E deféndense  coa idea de “non todos somos iguais”. Vailles funcionar?

XD: Eles teñen o seu. Penso que están desartellados. A xente quere unha alternativa, a crise está empurrando a idea de que se rompen as relacións de poder establecidas. A idea de que hai que refundar o estado das cousas soa con forza. Os políticos non han estar moi tranquilos porque o sistema parece que xa non funciona.

LI: Se cadra non tiñamos tan asentada a democracia como pensabamos. Na base profunda, no profundo. Pensemos na idea dos cartos. A xente hai un tempo dicía cousas como: “o alcalde púxome un farol aquí”. Pero como que che puxo un farol aquí? O alcalde non pon nada, poñémola nós cos nosos cartos. Esa idea mudou, a xente xa cambiou esa mentalidade... Pensabamos que viviamos en democracia e que eramos felices sen máis, pero cando nos están tocando os dereitos fundamentais a diario, decátaste das cousas e de como funciona todo... Os chineses teñen unha maldición que di: “Oxalá que che toque vivir tempos interesantes”

XD: E está esoutra frase: “por favor, por favor, que non me toque vivir o feito histórico”.

LI: É moi triste, porque é unha destrución social.

Queda moita xente na cuneta.

LI: Literalmente. Está habendo mortos pola crise. Non é ningunha coña. E para erguer todo isto vai ser...

XD: Hai xente que queda fóra do sistema e é moi difícil que volva entrar.

Li: Ao mellor nos fai pensar socialmente o que nos custa chegar as cousas.

XD: Eu creo que nos vai dar un punto de madurez nun breve espazo de tempo, notaremos esa madurez como pobo. E chagarán ciclos mellores e neses ciclos lembraremos que durante cinco ou seis anos levaches unha hostia. Faiche avanzar. Hai que levala...

"Un día faleino con María do Ceo e dixome: O artista crea moito mellor se ten as fabas garantidas. A motivación sempre está ben, pero a fame non é unha boa motivación"

Para rematar. Como ven a crise do audiovisual?

LI: Pasa o mesmo que socialmente. Neste país non había conciencia de país e non hai conciencia de país no audiovisual por parte de certas persoas. Había moita xente que se metía no noso audiovisual, pero que en realidade quería formar parte doutro audiovisual, o español. A min paréceme ben, pero entón os cartos han de ser do Ministerio de Cultura, non da consellería. Iso era un problema de conciencia enorme e endémico. Non había conciencia de facer nada dende Galicia. Ti podes facer para fóra, pero dende Galicia...

XD: En calquera caso, para poñer un pouco de optimismo, é un momento de inflexión, un momento de cambio, de costa abaixo e chegaremos ao fondo. Dende alí, saíran cousas novas e está internet. De aí poden saír cousas novas e rapaces novos que non coñecemos, pero que poidan despegar. Nun breve espazo de tempo, haberá xente traballando doutro xeito e con dignidade. Son optimista.

LI: Dende o ateísmo dígoche: Que dios te oiga! [Risos]

XD: A miseria agudiza o enxeño.

LI: Un día faleino con María do Ceo e dixome: O artista crea moito mellor se ten as fabas garantidas. A motivación sempre está ben, pero a fame non é unha boa motivación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.