"Actuamos no Gaiás porque temos que reapropiarnos do público"

Labregos do tempo dos Sputniks CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Labregos do tempo dos Sputniks doarán os mil euros que recibiu por actuar na Cidade da Cultura á escola galega Semente. A formación participou esta fin de semana nunhas xornadas dedicadas a Celso Emilio Ferreiro, dentro do ciclo Ceo das LetrasGarcía MC, líder de Dios ke te Crew e membro de Labregos, xunto con Leo i Arremecaghona, explicou que cando recibiron o convite "xurdiu un debate no grupo", unha contradición entre o modelo de cultura que defenden e o que representa o complexo do Gaiás, por unha banda, e a admiración que senten polo poeta de Celanova, de cuxos poemas procede o nome da banda e cuxos textos compoñen boa parte do seu repertorio.

"A reacción das autoridades durante a actuación foi de respeto, pero creo que tampouco lles fixo moita gracia, pois escollemos algúns textos de Celso Emilio que son moi potentes, coma o Poema da merda"

Finalmente decidiron actuar, nun acto no que interviron Luís Ferreiro, fillo do poeta, o crítico Ramón Nicolás, biógrafo, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. "A reacción das autoridades durante a actuación foi de respeto, pero creo que tampouco lles fixo moita gracia, pois escollemos algúns textos de Celso Emilio que son moi potentes, coma o Poema da merda, que manda á merda os membros do Padroado". O texto do poema di, por exemplo: Merda adequerida ou herda, merda dediante i en pos, grandes palleiros de merda acugulada en montos. Merda disposta en estiba, merda por baixo e por riba.

García explica que cando reciban os mil euros que cobrarán pola actuación, realizarán un evento para escenificar a súa entrega a Semente, consumando o que denominan unha "expropiación económica". Nunha nota difundida polo grupo, denuncian que a Cidade da Cultura é "un panteón faraónico que soterra boa parte do presuposto público nun lugar afastado da poboación e das necesidades básicas a nivel cultural. Púxose en marcha coa construción inacabada deste complexo un auténtico espolio de fondos públicos (máis de 400 millóns de euros ate o de agora) en beneficio de uns poucos e en detrimento dunha auténtica activación da programación cultural nas aldeas, nas vilas e nos barrios onde a cultura está viva e faltan medios e propostas".

Labregos do tempo dos Sputniks CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.