"Os filmes familiares son un cinema absolutamente existencialista, retratan o acto de existir na súa esencia máis clara"

A maior parte dos filmes corresponde a gravacións cotiás e familiares © Agrupación Cinematográfica Galega

As imaxes da memoria teñen movemento, teñen sons, teñen cores e texturas. Nos últimos anos numerosas iniciativa puxeron en marcha procesos de recuperación e catálogo de arquivos fotográficos, alén doutros ligados a publicacións impresas e outros documentos. Pero a memoria audiovisual galega polo de agora redúcese principalmente ás imaxes do No-Do, aos arquivos de TVE ou da TVG, xa a partir de 1985 neste caso. Está aquí a memoria oficial, a memoria institucional, así coma o relato xornalística. Pero que pasa coa memoria do cotiá, coas imaxes familiares coas olladas non oficiais? As cámaras de cinema comezáronse a facer populares e domésticas coa extensión do Super 8. Só uns poucos afeccionados contaban con algunha, pero as súas gravacións supoñen hoxe o arquivo máis fiel de como se vivía na Galicia dos anos 50, 60 ou 70. 

O que ofrecen é a dixitalización de balde do filme, que lle entregan de volta aos seus propietarios xunto coa película orixinal. Eles só quedan cunha copia dixitalizada

Os promotores da Agrupación Cinematográfica Galega, con sede en Vigo, botaron a andar recentemente o Arquivo Galego de Cine Doméstico, un repositorio, dispoñible online, no que irán colgando e xeolocalizando as películas que vaian recuperando, ben como resultado das súas procuras, ben porque os seus propietarios se puxeron en contacto con eles. O que ofrecen é a dixitalización de balde do filme, que lle entregan de volta aos seus propietarios xunto coa película orixinal. Eles só quedan cunha copia dixitalizada, para a súa difusión na web ou simplemente para o seu arquivo (se os donos rexeitan difundila).

"Somos un grupo de xente que sempre nos dedicamos ao audiovisual, sexa como freelances, sexa como contratados, e na nosa actividade sempre fomos traballando con formatos antigos nas nosas pequenas producións", destaca Pablo Gómez, un dos seus promotores. Entre os filmes que xa se poden ver na web, destacan a imaxes dun safari gravado en África en 1975 ou outra película filmada por un galego en Bulgaria. Ademais, no seu arquivo hai moitos materiais que proceden de galegos emigrados, por exemplo en Venezuela, traballando en vilas de produción petrolífera, ou en Arxentina. Tamén as imaxes dunha balea disposta a ser despezada nunha vila mariñeira galega. Ou a visita da rei Juan Carlos a unha localidade galega en plena Transición.

"Hai cousas marabillosas", conta Pablo Gómez, "vodas, comuñóns, bautizos, festas, comidas no campo... Cine familiar completamente, pero estes filmes son un cine absolutamente existencialista, retrata o acto de existir na súa esencia máis clara"

Pero, sobre todo, hai imaxes do dia a día, vídeos familiares que foron gañando valor co paso dos anos e das décadas, e que vistas dende o presente adquiren unha grande importancia mesmo antropolóxica. "Hai cousas marabillosas", conta Pablo Gómez, "vodas, comuñóns, bautizos, festas, comidas no campo... Cine familiar completamente, pero estes filmes son un cine absolutamente existencialista, retrata o acto de existir na súa esencia máis clara". Engade que "son películas que teñen todas as características do cinema privado: o tipo de gravación, o punto de vista, a ubicación da persoa que grava. Por exemplo, na película da visita do rei, o estilo é o punto de vista é moi diferente á da gravación institucional". 

"Temos moito traballo de dixitalización por diante, pero como aínda non temos financiamento, máis que o que achegamos nós mesmos, imos moi de vagar", explica: "Temos a esperanza de conseguir dentro de pouco unha máquina dixitalizadora, para escanear fotograma a fotograma, porque até agora viñemos dixitalizando a través de proxección.  Daremos un salto importante en termos de calidade". Tamén teñen a intención de poñerse en contacto cos colectivos de emigrantes galegos noutros países, para atopar máis material fílmico. Pablo Gómez engade que "non temos apoios institucionais, polo de agora. Non os buscamos nin eles nos buscaron a nós. Pero non nos interesa a axuda institucional se perdemos autonomía. Queremos manter a nosa independencia".

En calquera caso, si que botan en falla un meirande compromiso das institucións no proceso de recuperacións destes materiais. Semella que a memoria audiovisual é a grande esquecida, e polo se agora só se está arañando a superficie: "Hai moitas iniciativas de recuperación de arquivos fotográficos, pero parece que non pasa o mesmo cos arquivos fílmicos. Parece que as institucións non o entenden, cando en realidade é o mesmo: 24 fotografías por segundo", di Pablo Gómez. 

"Hai moitas iniciativas de recuperación de arquivos fotográficos, pero parece que non pasa o mesmo cos arquivos fílmicos. Parece que as institucións non o entenden, cando en realidade é o mesmo: 24 fotografías por segundo"

Outra xente está a traballar nesta mesma dirección, un camiño no que os coruñeses Lili Films (Ángel Rueda e Fernando Pujalte) foron pioneiros hai uns anos, e no que tamén está inmerso o Proxecto Socheo da Guarda. O seu responsable, Xurxo Chirro, destacaba que “vivimos nunha sociedade onde hai unha profusión desmesurada de imaxes e, para darlles maior utilidade, hai que atopalas, clasificalas, ordenalas e poñelas a disposición de posibles interesados. A idea e intentar rescatar o pasado, reestruturalo no presente e redimensionalo cara ao futuro”. E sinalaba que o proxecto quere sinalar tamén a "fraxilidade" da memoria, que pode ser salvada e difundida grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles.

Captura de pantalla da web © Agrupación Cinematográfica Galega
A maior parte dos filmes corresponde a gravacións cotiás e familiares © Agrupación Cinematográfica Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.