Play Doc: “superar tantos anos é un logro”

Fotograma dunha das curtas de Bogdan Dziworski © Play-Doc

Brais Romero, un dos responsables do blog Cinema na Praza, escribe a crónica da primeira xornada do Festival Internacional de Documentais de Tui, que comezou este mércores. Poderedes seguir no blog e en Praza o desenvolvemento do festival, que rematará o domingo.

Un tímido sol despedíase da tarde tudense cando o teatro comezaba a encherse de xente desexosa de escoitar o disparo inicial á decima edición do Play Doc. Un curioso cóctel tiña lugar na entrada do Teatro: xente nova e xente… menos nova, xente do sector e cinéfilos. O resultado era moita xente agardando a que o festival arrincase e enchese a enorme sala do teatro de Tui do mellor cine documental.

"Superar tantos anos é un logro", apuntaba Angel Sánchez que tivo tamén palabras, igual que a súa compañeira, para dar as grazas a todos os que están detrás do Play Doc

Pouco despois das oito e media, Sara e Ángel, responsables da dirección do festival, subían ao escenario arroupados por unha grande ovación. Mentres un pequeno pase de diapositivas lembraba os dez anos do festival na pantalla da sala, Sara contaba como todo comezou en Valencia como unha idea e, unha década despois, estaban inaugurando outra edición máis e preparando unha viaxe a New York cos mellores documentais. "Superar tantos anos é un logro", apuntaba Angel Sánchez, que tivo tamén palabras, igual que a súa compañeira, para dar as grazas a todos os que están detrás do Play Doc, así coma para as institucións que apoian ao festival. Media hora de presentacións, agradecementos e palabras de apoio ao festival, que se poden resumir nunha frase da deputada provincial Ana Isabel Blanco: o Play Doc xa demostrou que é unha cita imprescindible e de importante repercusión. Pensamento, sen dúbida, compartido por todos os alí presentes.

Para comezar esta edición, o festival escolleu tres filmes do director polaco Bogdan Dziworski que xa visitou Tui na edición do 2009

Finalizado o acto previo de inauguración, era o momento das películas. Para comezar esta edición, o festival escolleu tres filmes do director polaco Bogdan Dziworski que xa visitou Tui na edición do 2009: Kilka Opowiesci o Czlowieku, Dwuboj Klasyczny e Szapito. A miña sorpresa é máxima ante o que acontece nos seguintes minutos. A obra do director polaco hipnotízame e arrástrame a unha especie de ensoñación surrealista que responde ao que na pantalla ve. Sen diálogos, e os poucos que hai están en polaco sen subtitular, podo adentrarme ao completo nas sensacións que a película transmite.

Esquiadores en silencio, un circo sen público, un home sen brazos… Os protagonistas de cada película son en si únicos e irrepetibles. Gravados dunha forma milimetrada, ningún plano está demais nin falta ningún. Abraia tamén o tratamento do son que o director realiza, illando sons e privando á escena de todo o seu ambiente. O resultado, como dicía ao inicio, e hipnótico.

O filme de Gonçalo Tocha recollía a vida, a historia, a xente da illa do Corvo, unha pequena illa nas Azores na que viven menos de cincocentas persoas nun clima que recorda ao galego

Tres curtas que saben a pouco e que deixaban vinte minutos antes de que comezase a próxima. Na zona do bar habilitada na zona baixa do teatro, a xente recuperaba forzas mentres comentaba, sobre todo, a duración do seguinte filme, e é que eran as 22.30 e É na Terra não é na Lua dura 180 minutos.

Fóra do Teatro comezaba a chover, e na película tamén. O filme de Gonçalo Tocha recollía a vida, a historia, a xente da illa do Corvo, unha pequena illa nas Azores na que viven menos de cincocentas persoas nun clima que recorda ao galego: choiva eterna e sol de cando en cando. Nun inicio pensado como un proxecto para elaborar unha memoria da illa, a implicación do equipo da película e a aceptación dos veciños da illa dos mesmos acabará por crear un mosaico de historias, costumes e anécdotas que se moveran entre moitos tipos de documental. Cunha naturalidade espontánea, é imposible non contaxiarse da familiaridade dos habitantes da illa e pasar a ser un máis.

Fotograma dunha das curtas de Bogdan Dziworski © Play-Doc
Fotograma de 'É na Terra não é na Lua' © Play-Doc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.