0 Gardados para despois

Unha homenaxe ao poeta obreiro e emigrante

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Manuel Oreste Rodríguez López, nacido en Paradela (Lugo) en 1934, foi chamado en moitas ocasións "o poeta emigrante" ou "o poeta obreiro". Emigrou a Barcelona aos seis anos e alí viviu e traballou toda a súa vida (até o seu regreso a Lugo en 1987), sobre todo como xefe administrativo do departamento de persoal nunha industria siderometalúrxica (OSSA). Nunca perdeu a súa conexión con Galicia e coa lingua e cultura galegas, e completou unha gran produción poética, tamén narrativa e ensaística nos últimos anos, ademais de múltiples traballos xornalísticos.

Dende esta semana pode verse no Museo do Pobo Galego (Compostela) unha exposición dedicada ao poeta, unha mostra que xa se puido ver en distintos lugares da provincia de Lugo, e que en maio viaxará a Catalunya. A mostra está formada por 8 paneis dobres nos que se expoñen de xeito moi gráfico anacos da vida e obra do escritor de Paradela.

Deixou poemarios como Poemas populares galegos (1968), Saudade no bulleiro (1970), Soldada mínima (1979), Onte e hoxe vivencial (1995) e unha tradución ao galego do poema épico do catalán Jacint Verdaguer A Atlántida. Gañou numerosos premios literarios e os seus poemas foron musicados, por exemplo, por Suso Vaamonde (Que ten o meniño) ou Xerardo Moscoso. A súa obra acadou unha grande importancia, sobre todo, para a comunidade galega emigrante, por exemplo cos seus libros Galegos en Catalunya. Como xornalista, foi correspondente en Barcelona de Faro de Vigo e de El Ideal Gallego, colaborou tamén con El Progreso, con La Voz de Galicia e con varias revistas arxentinas. Ademais, foi Cronista Oficial do Centro Galego de Barcelona e mantivo unha correspondencia frecuente con Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Darío Alvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro ou Ánxel Fole.

Na súa poesía, directa e popular, falou sobre todo da nostalxia da terra natal e da vida do emigrante proletario, que coñecía de primeira man. A completa web Manuel Rodríguez López. Emigrante galego. Poeta Obreiro busca difundir a súa obra e traxectoria persoal, acompañando a mostra que estes días se pode ver no Museo do Pobo Galego. O vindeiro ano está prevista a edición da súa Obra Completa, a edición dun DVD e a realización dunha campaña de difusión a través dunha oficina móbil.

 

Negareime

Pra que vou a cantar do burgués,
larpeiradas, enchentas e frores?
Como pode empolar o meu peito
unha cántiga ollando mil dores?
Mariñeiros que engulen os mares,
silicosos mineiros que morren,
picariños que están sen escolas,
sen futuro, sen xeito e sen norte...
Con que liras pregades que cante
cando todas están desacordes?

 

Castrapo. Si, meu neno

...

A unión da nosa caste
fará o miragro;
desvencellados, somos
parias escravos.

...

Se iles son dunha caste:
"O cacicado"
nos somos doutra caste:
?A do traballo"

Se iles falan e pensan
no seu Castrapo;
nosoutros falaremos
o Idioma Patrio.

Vencellados, meu neno,
Nos "Os escravos"
crevarémolo Sino
en mil anacos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.