0 Gardados para despois

As axudas ás industrias culturais descenden por segundo ano consecutivo

Redacción | @prazapublica

Este xoves publicouse no DOG a convocatoria de axudas ás industrias culturais que todos os anos realiza AGADIC. O orzamento en 2012 será de 1.290.000 euros, inferior aos 1.370.000 euros do 2011 e moi lonxe dos 2.100.000 de 2010. As subvencións á actividade escénica levan a parte máis importante da convocatoria, con 700.000 euros (cun importante descenso dende os 850.000 do pasado ano). Si se incrementan, en cambio, as axudas á distribución, con 450.000 euros, 150 mil máis que o pasado ano. A asociacionismo profesional, que non recibira nada en 2011, optará a 60.000 euros, e as salas de teatro privadas chegarán a 70.000. 

Axudas ás industrias culturais
  Actividade escénica Distribución Salas Privadas As. Profesionais Outros TOTAL
2008 1.240.000 380.000 200.000 110.000 190.000 2.120.000
2009 1.450.000 385.000 200.000 110.000 130.000 2.075.000
2010 1.450.000 380.000 160.000 90.000 190.000 2.100.000
2011 850.000 300.000 80.000 - 120.000 1.370.000
2012 700.000 450.000 70.000 60.000 10.000 1.290.000

 

Axudas ao audiovisual

O Documento Oficial de Galicia tamén publicou este xoves a convocatoria de axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega. En total, son 2'9 millóns de euros, unha contía igual á da convocatoria do pasado ano, pero moi inferior aos 4'9 millóns euros de 2010. Estas subvencións cobren a fondo perdido até o 50% do investimento das producións. Os e as interesadas en recibir estas axudas disporán dun mes a partir para presentar a súa solicitude.

Segue sen saberse se neste 2012 haberá de novo unha convocatoria para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, como noutros anos. No 2011 o AGADIC destinou 150 mil euros a esta partida, destinada a financiar escritas de guións, curtametraxes en soporte dixital, curtametraxes experimentais e longametraxes en soporte dixital. Tampouco se publicaron, polo de agora, as outras liñas de axudas: desenvolvemento de proxectos (200 mil euros no 2011), contidos interactivos (210 mil) e curtametraxes e videoclips (115 mil)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.