Cans estrea camisolas con todo o 'pedigree' do festival

Presentación das camisolas da edición 2014 do festival, este xoves en Compostela © Festival de Cans

Achégase o tempo de Cans. A undécima edición do festival celebrarase do 21 ao 24 de maio e este xoves, a menos dun mes xa do seu comezo, os seus responsables revelaron en Compostela novos detalles sobre o evento, comezando polas xa tradicionais camisolas, que cada ano mudan o seu deseño, e que xa se converteron nun dos elementos identificadores da cita. As camisetas, deseñadas un ano máis por Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo, exploran dous aspectos fundamentais da imaxe do Festival: o “Pedigree” e os “Chimpibuses”, e poderán mercarse nas tendas do Rei Zentolo, a partir da próxima semana, por 12 euros. “Non se trata só dunha maneira de pasear a imaxe do Festival de Cans polo mundo”, dixo Alfonso Pato, “senón que as camisetas tamén son unha fórmula que nos axudan a financiarnos”.

Tamén se anunciou que Cans acollerá a estrea en Galicia do documental Tu voz entre otras mil, que desvela aspectos descoñeciedos da vida de Antonio Vega. A proxección contará coa presenza da súa directora, Paloma Concejero. Ao longo de catro anos, e ante a presenza do escritor Bosco Ussía e a súa gravadora, Antonio Vega foi rememorando momentos da súa biografía, impresións e recordos que poderán escoitarse por primeira vez tal como xurdiron, e que desmenten falsos mitos e rachan a estereotipada imaxe triste e atormentada difundida polos medios.

“Son dúas seccións”, explicou Alfonso Pato, “que nos permiten cumprir un dobre obxectivo: axudar a construír cineastas e permitir que o público vaia vendo como se constrúe unha película dende o principio ata o final”

Na presentación deste xoves tamén participaron Alex Sampayo e Fernando Cotizo, responsables de dúas seccións fundamentais no festival: Fill@s de Cans, onde se ven avances de películas en proceso de montaxe ou postprodución, e A que andas?, onde se len fragmentos de guións na última fase antes da rodaxe. “Son dúas seccións”, explicou Alfonso Pato, “que nos permiten cumprir un dobre obxectivo: axudar a construír cineastas e permitir que o público vaia vendo como se constrúe unha película dende o principio ata o final”. Sampayo e Cortizo están  moi relacionados co Festival de Cans, onde participaron como curtometraxistas e onde presentarán os seus próximos proxectos: Schimbare, a primeira longa de Sampayo, que se estreará a finais de ano e da que se verán as primeiras imaxes no Festival; e Organistrum, a segunda longa de Cortizo, que está en proceso de busca de financiamento e da que dará un anticipo do guión.

 

Kepa Junkera, Pepe Solla e Alonso Caxade, no Jaliñeiro

O Jaliñeiro do Festival de Cans é un espazo moi especial, un lugar para a música presentada de xeito moi singular, en pequeno formato e nun contexto irrepetible. Nos últimos anos grandes artistas pasaron por el e a edición 2014 non ía ser menos: Kepa Junkera e Alonso Caxade tocarán aquí, e o cociñeiro Pepe Solla realiará unha sobremesa cociñada con ingredientes da aldea antes de ofrecer un concerto que descubrirá ao público do Festival as súas habilidades musicais.

Manuel Pazos, un acordeonista galego de 86 anos que desprazará a Cans dende Merexo

Kepa Junkera, un dos máis importantes e influentes músicos vascos, presentará Galiza, un traballo no que viaxa pola tradición e música galegas acompañado dalgún dos seus máximos expoñentes. O concerto será dobremente especial, porque contará coa presenza dun destes expoñentes, Manuel Pazos, un acordeonista galego de 86 anos que desprazará a Cans dende Merexo, na Costa da Morte, e que representa o tesouro do patrimonio da música galega que Kepa Junkera recuperou para Galiza. Será un momento de grande emotividade, unha das poucas ocasións nas que Kepa e Pazos coincidan nun escenario con cadanseu acordeón.

Presentación das camisolas da edición 2014 do festival. Alfonso Pato, no centro © Festival de Cans
Agardando por Cristina Pato no Jaliñeiro Unplugged © Rafa Costas
Pazos e Jepa Junkera © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.