Elas len, eles navegan por Internet

Segundo o estudo, as mulleres len máis e utilizan máis as bibliotecas Dominio Público Praza Pública

As mulleres dedican máis tempo a consumir cultura e, ademais, fano cun menú máis rico e diverso. Len máis e tamén acoden en maior medida a bibliotecas, ao teatro e a concertos. Os homes, pola contra, realizan máis o seu consumo cultural a través da rede, ven máis a televisión e miran DVDs. Son as principais conclusións do informe A muller na cultura galegaelaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, a partir sobre todo dos datos recollidos polo INE, pero tamén por outros estudos.

As mulleres galegas son as que máis len, superando os homes en tres minutos diarios (16 minutos, fronte a 13)

O informe destaca que en Galicia, ao igual que no resto de España, as mulleres empregan menos tempo que os homes en ver televisión e DVDs (os homes galegos dedican dúas horas diarias, por unha hora e 47 minutos as mulleres) e en escoitar a radio. Pola contra, as mulleres galegas son as que máis len, superando os homes en tres minutos diarios (16 minutos, fronte a 13) e tamén situándose por riba da media do resto das mulleres españolas, ás que superan nun minuto. Iso si, tanto nos homes coma nas mulleres, a actividade de ocio cultural favorita é, con moita diferenza, a televisión, tanto no que respecta ao tempo empregado diariamente coma á predilección declarada (o 84,1% dos homes e o 78,9% das mulleres sinálana como a súa actividade preferida).

Iso si, segundo o INE, o gusto pola lectura creceu en Galicia nos últimos anos, pasando de ser unha actividade de ocio cultural practicada a diario por un 21,2% en 2003 a selo por un 24,2% en 2010. Este crecemento aséntase sobre todo nas mulleres (entre as que subiu do 19,6% ao 26,3%), mentres que nos homes a afección pola lectura descendeu do 22,9% ao 21,8%. 

Do total do público lector en Galicia (1.079.251), un 58,3% son mulleres

Do total do público lector en Galicia (1.079.251), un 58,3% son mulleres. Hai unha diferenza de 179.286 persoas entre ambos sexos (629.267 fronte a 449.984), sendo elas ademais as que maior número de libros len ao ano. Un 42,2% desas 629.267 lectoras len máis de seis libros ao ano, 2,3 puntos porcentuais por riba dos homes. Do total das lectoras galegas, un 35% utiliza o servizo dunha biblioteca, e fano número moi superior ao dos homes (220.119 mulleres fronte a 149.192 homes).

No que respecta ás publicación periódicas, segundo o INE, as mulleres galegas elixen revistas do corazón (58,8%), de información xeral ou actualidade (42,9%) e de estética, saúde, moda e fogar (41,8%). Pola súa banda, os homes escollen medios de información xeral (44,1%) e deportes (36,1%). Tamén é superior nos homes a lectura de revistas técnicas, científicas, de viaxes, natureza, informática e banda deseñada. 

 

Espectáculos culturais

Os galegos, homes e mulleres, van pouco ao cinema, ao teatro ou a concertos. E entre os que si acoden a espectáculos culturais, as mulleres son maioría, aínda que sexa por pouco. No caso do cinema, o 52% dos galegos e galegas recoñecen non ir "nunca", e case non hai diferenas por sexo. Si as hai, en cambio, no teatro, ao que só van algunha vez o 23% dos cidadáns, unha cifra que é superior nas mulleres (24% fronte a 21%). De igual xeito, só o 14% dos galegos e galegas vai algunha vez a algún concerto, e de novo a asistencia das mulleres é máis elevada (15% fronte a 14%).

 

Sociedade da información e novas tecnoloxías

Entre as menores de 35 anos son as mulleres as que máis empregan o ordenador e Internet (rozando o 100% de usuarias)

As mulleres galegas usan menos o ordenador e Internet ca os homes (64,8% fronte a 68,1% e 62,8% fronte a 67,9% respectivamente), e tamén o comercio electrónico (cunha diferenza mesmo maior: 24,8% fronte a 17,6%). Porén, entre as menores de 35 anos son as mulleres as que máis empregan o ordenador e Internet (rozando o 100% de usuarias). A medida que avanzamos nas distintas fraxas de idade, en cambio, son os homes os que dominan.

As mulleres usan máis e con máis frecuencia as redes sociais ca os homes (úsanas o 77,5% fronte ao 68,7% dos homes), preferindo Facebook, Tuenti e Pinterest; os homes son maioría en Twitter, Google Plus e Linkedin

As mulleres empregan algo máis a mensaxería instantánea (91,3% fronte a 89,7%), sobre todo o servizo de chat do Facebook. No resto de servizos populares, como Whats App, Skype ou Windows Messenger son maioría os homes. De igual xeito, as mulleres usan máis e con máis frecuencia as redes sociais ca os homes (úsanas o 77,5% fronte ao 68,7% dos homes), preferindo Facebook, Tuenti e Pinterest; os homes son maioría en Twitter, Google Plus e Linkedin.

No tocante á participación en foros, as mulleres son menos activas tanto nas consultas como na achega de contidos. No que respecta á suba de contidos á web en xeral, un 37% das mulleres subiu fotos, un 7% vídeos, un 41% comentarios, opinións e outros textos e un 8,9% música. As mulleres son máis activas ca os homes, especialmente no que respecta á suba de textos e música, pero menos proclives a utilizar servizos de almacenamento de arquivos online.

Os homes tenden a consumir a través da rede máis televisión, radio (descargada ou online) e vídeos e tamén descargan máis música e películas. As mulleres, pola súa banda, ven máis cine e series online

A navegación pola web de homes e mulleres tamén é diferente. Os homes tenden a consumir a través da rede máis televisión, radio (descargada ou online) e vídeos e tamén descargan máis música e películas. As mulleres, pola súa banda, ven máis cine e series online. Elas, ademais, realizan máis búsquedas de información relacionada coa saúde, o emprego e a formación, mentres que eles ocupan o seu tempo opinando sobre política e economía, entrando en webs de apostas ou en páxinas para adultos. Oito de cada dez galegas usan o móbil para acceder a internet, case tantas coma homes, pero só un 20% usa a tableta fronte ao 31% dos homes

 

Emprego cultural

As mulleres supoñen un 40% dos empregados culturais, un total de 23.300 en Galicia

O emprego cultural total en Galicia supón 23.300 persoas, un 2,3% do total, segundo datos da EPA, que con todo non ofrece desgloses por sexo para Galicia. Porén, o Observatorio reaiza un cálculo complementario, extrapolando datos doutras fontes estatísticas, que sinalan que e en España as mulleres supoñen un 40% dos empregados culturais, unha porcentaxe algo inferior á do total das persoas ocupadas, que se sitúa en torno a un 45% en España e un 47% en Galicia no 3º trimestre de 2013. Os homes son maioría entre os músicos, actores, cantantes, técnicos, directores de cinema e teatro e artistas plásticos. Pola contra, hai máis mulleres entre as filólogas, tradutoras, intérpretes, bibliotecarias, arquiveiras, xornalistas, técnicas en museos e galerías de arte, ou escritoras.

Capa do informe © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.