"Hai quen pensa que as novas medran en Google e que os xornalistas non comemos"

Reinero recibe o premio © Deputación de Ourense

Este sábado era o Día da Liberdade de Prensa e en Ourense reivindicouse o xornalismo. Foi no marco da entrega do premio Xosé Aurelio Carracedo, que neste 2014 recaeu no xornalista David Reinero polo seu libro Angrois: o AVE en anacos, coeditado por Praza Pública. No acto, celebrado na sede da Deputación ourensá, que organiza anualmente o certame, o autor aproveitou para reivindicar o oficio xornalístico nun tempo no que "hai quen pensa que as noticias medran gratis en Google e que os xornalistas non precisamos comer".

Distinguido pola visión "ampla, crítica e obxectiva" do accidente ferroviario do Alvia en Compostela, Reinero eloxiou que este galardón, "fronte a outros que premian formatos concretos, como os artigos de opinión" ou "medios ou sistemas de difusión puntuais", sexa "tan amplo como para acoller calquera proposta co único requisito de que sexa xornalismo". Porque, isto, precisamente, é o que fixo na súa obra, que "non é un libro, senón unha reportaxe xornalística longa", un "relato divulgativo contextualizado que recapitula o traballo xornalístico diario que me permiten facer en El País desde que cheguei ao lugar do accidente á media hora de que se producira".

Reinero recolleu o Xosé Aurelio Carracedo por 'Angrois: o AVE en anacos'

Acompañado polo presidente da Fundación Praza Pública, Manuel Martínez Barreiro, Reinero agradeceu que o xurado "premiou o xornalismo" cando "non son bos tempos" para esta profesión". De xornalismo falou tamén no seu discurso o presidente ourensán, Manuel Baltar, quen encadrou o relato xornalístico de Angrois: o AVE en anacos na "xornada, previa ao noso día nacional, onde a solidariedade e a reacción da sociedade amosou unha Galicia humana e altruísta".

"A xente ten dereito a coñecelo todo, a que se comparta toda a información, á máxima transparencia", sinala, e por iso "debe ser obriga das administracións facilitarlles todos os datos posibles" á prensa "e dos xornalistas, actuar como vehículo do acontecido". "Os xornalistas, ante todo, son cidadáns, como os gobernados pero tamén como os gobernantes e hoxe é un magnífico día para reivindicar o papel do xornalismo e a súa necesidade como piar fundamental dunha democracia consolidada", sinala.

Reinero recibe o premio © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.