0 Gardados para despois

Semana das Letras: Díaz Castro e moito máis

Redacción | @prazapublica

Co 17 de maio e a fin de semana como epicentro, esta é unha semana de intensa actividade cultural e reivindicativa en Galicia ao redor da lingua e da cultura galega. Entre hoxe e o domingo non haberá un día no que non se celebre algún acto ligado a esta data, e practicamente todas as cidades e vilas do país organizan os seus.

A Semana das Letras é tamén a semana grande da Real Academia Galega, que organiza os actos principais das celebracións ao redor da figura de Xosé María Díaz Castro. O mércores 14 de maio a sede das rúa Tabernas acollerá a presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luznun acto no que tomarán a palabra o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes; o director dodocumental O instante eterno, Xosé Antón Cascudo e os coordinadores da obra: Alfonso Blanco Torrado, Luís G. Tosar e Armando Requeixo. O acto central do Día das Letras 2014 terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz, onde a partir das 12.45 do sábado 17 se celebrará a sesión plenaria extraordinaria e aberta da Academia. No acto tomarán a palabra, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, os membros numerarios Xosé Luís Regueira Fernández, Darío Xohán Cabana Yanes e Xosé Luís Franco Grande.

O acto central do Día das Letras 2014 terá lugar o sábado na Casa Habanera de Guitiriz

Pola súa banda, a Consellería de Cultura celebra no Gaiás o Día das Letras cun recital poético-musical organizado polo Centro PEN Galicia. Así, a Biblioteca de Galicia acolle o 16 de maio ás 19 horas o acto Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo, que inclúe un recital poético a cargo de Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García Bodaño. Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical, convertendo os poemas de Nimbos en cancións.

Pero máis aló dos actos organizados pola Academia e a Consellaría, nestes días están programadas actividades públicas en todo o país, promovidas por outras entidades sociais, Concellos e tamén editoriais. Este mesmo luns, por exemplo o Club Faro de Vigo, na cidade olívica, acolle a charla-coloquio Xosé María Díaz Castro: a beleza que fere, na que participarán Luís González Tosar, Manuel Bragado, Xosé Luís Méndez Ferrín e Armando Requeixo.

Na Coruña a Asociación O Facho concentra as súas actividades este martes 13

Na Coruña a Asociación O Facho concentra as súas actividades este martes 13, comezando ás 12:30 cunha ofrenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, diante do monumento a Curros Enríquez, na que ademais o presidente de O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo, falará sobre Xosé María Díaz Castro. Xa pola tardiña, ás 20 horas, no local de Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22), Xulio López Valcárcel falará sobre tamén o poeta dos Vilares. Tamén na Coruña, a Livraria Suévia organiza dúas actividades o mesmo 17 de maio, que se realizarán ao longo de todo o día no espazo Test Pop Up (rúa Barcelona, 54), con entrada libre. Haberá contacontos e as presentacións dos libros Contra a morte das linguas. O caso galego (Xerais) e A Porta de Annwn. As Crónicas de Bran Vol.2 (Contos Extraños). De igual xeito, o CGAI acollerá ao longo de toda esta semana, entre o martes e o venres, a proxección dos gañadores e finalistas nesta edición dos Mestre Mateo. Ademais, o mesmo sábado 17 proxectaranse alí as curtametraxes elaboradas a partir dos poemas de Nimbos e que forman parte do Proxecto Nimbos, promovido por Acto de Primavera.

En Compostela A Gentalha do Pichel organiza actividades o sábado 17 en diferentes puntos da cidade. Comezarán ás dez da mañá co acto simpólico de gardar O futuro da língua nunha cápsula de tempo, e que se celebrará na escola de ensino galego Semente. Haberá tamén unha Bicicletada pola língua, un xantar popular, unha mostra de música e danza tradicional do alumnado da Semente, Gentalha e Itaca e un Concerto pola língua.

Pola súa banda, Xerais organiza un total de seis actos neste Semana das Letras, comezando este mércores coa presentación en Pontevedra de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, e o xoves coa presentación no mesmo lugar de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz. O venres será a quenda da sinatura de A voz do vento, de Pemón Bouzas, en El Corte Inglés de Compostela e da participación de Pedro Feijoo (A memoria da choiva) na entrega dos Premios Literarios do colexio La Salle de Santiago de Compostela. Xa o mesmo sábado 17 de maio Pemón Bouzas presentará en Boiro A voz do vento, e Miguel Moreira Barbeito presentará na Coruña Contra a morte das linguas.

En Ourense o venres pola noite, na véspera das Letras, celebrarase a segunda edición do evento Cantos de Taberna - Hai que cantar!

En Ourense a Deputación organiza a Semana Escolar das Letras Galegas, que se desenvolverá en 49 centros da provincia, 20 deles da capital ourensá. Haberá actividades como lectura de autores, traballos de redacción, realización dun “mapa de autores” e a creación dun rap referido os 10 autores ourensáns os que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en pasadas edicións. Tamén en Ourense o venres pola noite, na véspera das Letras, celebrarase a segunda edición do evento Cantos de Taberna - Hai que cantar!, que dende as 20 horas até a medianoite buscará "reivindicar os cantos de taberna, que por moi diversos motivos foron desaparecendo dos bares e tabernas do país".

En Lugo, ademais, celébrase esta semana a feira do libro, que se inaugurará este martes e chegará até o domingo

Pola súa banda, a Deputación de Lugo celebra o Día das Letras Galegas cunha exposición multidisciplinar de homenaxe a Díaz Castro na Capela de Santa María, titulada Unha insua para Díaz Castro. En Lugo, ademais, celébrase ao longo desta semana a feira do libro, que se inaugurará este martes e chegará até o domingo. Na inauguración o escritor e académico Dario Xohan Cabana poralle voz a Xosé María Díaz Castro, e o sábado 17 o Concello organiza unha ruta xeoliteraria con saída dende a Praza do Campo ás 11 horas e que percorrerá as rúas da cidade. 

Haberá tamén actividades en moitas vilas e concellos pequenos, entre os que podemos destacar entre moitos outros Narón, O Burgo (cunha verbena protagonizada por Caxade e Malvela), O Grove ou San Sadurniño. As Letras Galegas tamén se celebran fóra de Galicia, grazas á actividade dos centros galegos ou das comunidades galegas no exterior: Madrid, Lisboa, Frankfurt, Vitoria-Gasteiz, Santander, Castellón, Ponferrada, Montevideo, Montreal, Londres, Xenebra ou Caracas organizan estes días eventos relacionados coa lingua e a cultura galega e con Díaz Castro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.