O teatro galego responde a Manuel Guede

Manuel Guede e Jesús Vázquez © Xunta

“Evidentemente, o teatro evoluíu, e evoluíu moito". É a primeira resposta que Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), dá as declaracións que este martes realizou en Vigo Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego. Guede responsabilizou da perda de espectadores do teatro en Galicia a que o sector non foi quen de evolucionar e adaptarse aos tempos, "como se fixo en Catalunya", segundo recolle La Voz de Galicia. "En 1973, cando naceu o teatro en Ribadavia, era un teatro de circunstancias enmarcado na loita antifranquista, pero chegou o momento de dar un paso para incorporar o gran teatro de repertorio, o que se estuda nos libros, e non se fixo. Eu non cualifico a escolleita pero si digo que o público non o recoñece como o gran teatro", afirmou Guede.

"Nas únicas cousas nas que o teatro galego non é homologable ao catalán é en capacidade orzamentaria, no apoio das administracións públicas que deben poñer os medios para que o teatro creza, e na visibilidade ofrecida polos medios de comunicación"

“Evidentemente, o teatro evoluíu, e evoluíu moito" -responde Avelino González- "O teatro galego é homologable en canto a temáticas, tipo de espectáculos e autores co resto de teatros da nosa contorna, e dende logo co catalán. E tamén no que respecta á búsqueda de públicos: en Galicia faise teatro para todo tipo de públicos". González engade que "nas únicas cousas nas que o teatro galego non é homologable ao catalán é en capacidade orzamentaria, no apoio das administracións públicas que deben poñer os medios para que o teatro creza, e na visibilidade ofrecida polos medios de comunicación".

Manuel Guede sinalou, en concreto, a ausencia de "teatro de repertorio", que é o que atraería "a clase media". Para González, "o gran teatro de repertorio é algo que está feito en Galicia dende hai anos". O presidente da Asociación de Actores e Actrices tamén destacou que "o teatro galego é maduro dende o seu nacemento e dende o comezo de Ribadavia. Aí o teatro galego xa estaba en pé de igualdade temática artística e de talento co resto dos teatros do Estado", sinalou González. Para Salvador del Río, presidente da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), "o teatro galego non é comparable co catalán, ou co francés ou co canadiano: ten unha realidade moi complexa", pero en calquera caso destaca que "hai un esforzo por parte da maior parte das compañías galegas por chegar ao público. Ninguén fai teatro para espantar a xente. Hai compañías especializadas en distintos tipos de público, e a clase media non se nos escapa, por suposto"

"O teatro galego é maduro dende o seu nacemento e dende o comezo de Ribadavia. Aí o teatro galego xa estaba en pé de igualdade temática artística e de talento co resto dos teatros do Estado"

Salvador del Río cre que Guede "fixo esas declaracións aproveitando para promocionar ese espectáculo do CDG e seguramente non reflexionou sobre as declaracións que podería ter". "Porque realmente non é certo que o teatro galego non evolucionase. E se a evolución pasa por incorporar os grandes autores da dramaturxia universal, iso si que existe no teatro galego", subliñou. Para Salvador del Río, as razóns do descenso no número de espectadores hai que buscalas noutros elementos, como a ausencia en moitas cidades e vilas dunha programación teatral estable. "E despois hai unha causa fundamental, que a xente ten menos cartos, e destina menos diñeiro a ocio e cultura, porque ten outras necesidades", concluíu.

Para Salvador del Río, as razóns do descenso no número de espectadores hai que buscalas noutros elementos, como a ausencia en moitas cidades e vilas dunha programación teatral estable

Para Avelino González, con estas declaracións Manuel Guede "non contribúe a gañar público, nin para o seu espectáculo nin para o teatro galego en xeral". O máximo responsable da AAAG afirma que prefire falar "de cousas máis agradables" e de boas novas para o teatro galego, "que as hai". "As compañías de teatro galego non se preocupan dese estigma e só se preocupan de facer espectáculos bos e de facelos chegar a todo tipo de públicos”, concluíu.

*A información contiña un arquivo de audio coas declaracións de Avelino González, que foi retirado a petición do entrevistado, que non fóra advertido de que a nova ía incluír esta gravación. O entrevistado tamén solicitou a modificación da frase "hai compañías de teatro galego que non se preocupan dese estigma e só se preocupan de facer espectáculos bos e de facelos chegar a todo tipo de públicos” por "as compañías de teatro galego non se preocupan dese estigma e só se preocupan de facer espectáculos bos e de facelos chegar a todo tipo de públicos”.

Manuel Guede e Jesús Vázquez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.