"A nossa toalha é internacional!"

Faixa do Día do Orgulho Lusista e Reintegrata CC-BY-SA DdOoLeR

"Se isto nom se amanha; toalha, toalha, toalha". Esta é unha das moitas palabras de orde do Día do Orgulho Lusista e Reintegrata (DdoOLeR), versión galega do Día Internacional da Toalla, que os fans da obra de referencia de Douglas Adams celebran cada 25 de maio en todo o mundo -desta volta, en 21 estados de todo o planeta-. A coincidencia entre o elemento fetiche da O Guia do Mochileiro das Galáxias e das compras galegas en Valença do Minho e semellantes levou hai oito anos os e as reintegracionistas máis retranqueiros do país a decidir expresar o seu orgullo lusófono toalla en man. Este domingo, xornada electoral, volve suceder.

Incluído na axenda internacional do Towel Day, o programa de actos comezou xa de xeito oficioso o pasado día 23 coa presentación en Compostela do libro DdoOLeR (2007-2014): 8 anos celebrando o Dia da Toalha na Galiza, editado por Através Editora, a editorial da Associaçom Galega da Língua, e coordinado por Suso Sanmartín e Miguel Penas. Dende as cero horas destes domingo os organizados do DdoOLeR animan a amosar o "orgulho lusista e reintegrata" tamén nas redes sociais, "publicando o teu auto-retrato devidamente atoalhad@", isto é, cunha toalla, e "se possível, com algum outro fetiche lusófono", caso por exemplo dun galego de Barcelos, un dicionario ou unha botella de viño do Porto. As etiquetas do día son #towelday, #towelselfie, #diadatoalha e #ddooler2014.

Unha "errática processom" por Compostela e un discurso no Obradoiro son os actos centrais deste Día do Orgulho Lusista e Reintegrata

Unha vez feito isto a segunda suxestión do día é participar, se así se desexa, nas eleccións europeas, "mas nom esqueças a toalha quando tu votares vaias (uó-uó, shá-la-lá, yé-yé-yé-yé)", din. Cumpridos os deberes electorais o momento cumio do día comeza ás cinco da tarde, co encontro de atoalhados e atoalhadas na compostelá porta Faxeira, "tradicional entrada do Caminho Português na cidade de Santiago” e ‘meeting point’ habitual de toda quanta manifestaçom se convoca em Compostela". 

Acto seguido comezará unha breve pero orgullosa peregrinaxe ata a Praza do Obradoiro -O Guia do Mochileiro das Galáxias é o Códice Calixtino; o Caminho de Santiago é a Via Láctea, A Nossa Galáxia, aclaran- previo paso pola estatua dedicada nas inmediacións da Alameda a Ricardo Carvalho Calero, referente académico do reintegracionismo. Dúas horas máis tarde, tras a "errática processom", contra as sete e se o tempo o permite, o escritor Séchu Sende exercerá de padriño do evento dun discurso en pleno Obradoiro. "Não emtrem em pânico!".

Cartaz do evento, con Séchu Sende e Pelegrín CC-BY-SA DdOoLeR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.