O Festival de Cine Rural Carlos Velo presenta os seus dez finalistas

Cartaz da edición 2014 do festival © Festival de Cine Carlos Velo

Entre o 20 e o 22 de xuño celebrarase en Cartelle o I Festival Internacional de Cine Carlos Velo, un encontro de cinema centrado en curtametraxes, de ficción e documentais, sobre o mundo rural, e organizado polas asociacións Lareira Pop e Arraianos. Os seus directores deron a coñecer este mércores a relación dos cinco finalistas en cada categoría a concurso.

No caso do documental, os finalistas son: Hijos de la Tierra, de Patxi Ruiz; Trazos en la Cumbre, de Alejandro Victorero; Espés, de Tànit Fernández Ciria e Isaac Rodríguez; La selva invisible, de Albert Pérez e Concejo Abierto, de Carmen Comadrán. “Trátase de traballos de gran calidade centrados en comunidades no rural como Espés, no que se narra a situación dun pobo do pireneo aragonés na voz dos seus últimos catro habitantes, ou Selva Invisible, centrada nas comunidades indíxenas da marxe do río Ampiyacu, na amazonía peruana. En grave perigo de desaparición tamén. Son realidades transversais que encaixan perfectamente co noso festival”, explicou o director do certame, Aser Álvarez.  

Pola súa banda, os cinco finalistas en la categoría de ficción son Epitafios, de María Ballesteros; Porsiemprejamon, Ruth Díaz; Mi ojo derecho, de Josecho de Linares; Al otro lado, a cargo de Alicia Albares; e Trío de Ases, de Virginia Valderve y Javier Gallego.

O festival busca promover a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro

A iniciativa quere ser "un punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual e un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural", como destacaban os seus responsables en entrevista publicada por Praza hai uns meses, e busca promover a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro. O encontro reivindica, así mesmo, a figura e o legado do cineasta de Cartelle Carlos Velo, "velaí o punto de partida do proxecto, reivindicando a obra deste gran cineasta como sinal de identidade do novo cinema galego, un home con fondas raizames e con vocación universal, que é a filosofía do propio festival", destacan os seus organizadores.

Cartaz da edición 2014 do festival © Festival de Cine Carlos Velo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.