Pequenos proxectos colectivos sentan alicerces para a mudanza de modelo na arte contemporánea galega

La siesta de a razón. Ángel Cerviño © Culturagalega.org

Alén do contexto de crise, o que está a ocorrer no mundo da arte é que experimenta, nos últimos anos, unha fonda transformación. Deste xeito, o sistema anterior queda obsoleto, mentres o novo está aínda por construír. É o profesor da Universidade da Santiago Antonio Garrido quen achega esta reflexión, que pode servir para encadrar o debate xerado no Consello da Cultura nas xornadas sobre o estado da cuestión da Arte Contemporánea en Galicia. 

Avances houbo, malia todo. “En 20 anos a arte fíxose moito máis visible. Creáronse os museos, e isto repercutiu no número de profesionais: comisarios, montadores... Antes non había máis espazos para a arte contemporánea que unhas poucas galerías e os das caixas de aforros. Tamén xurdiron novas titulacións na Universidade, como Belas Artes, e despois os másters...”, sinala o tamén profesor da USC Miguel Anxo Rodríguez, que participou nunha das mesas do encontro.

Desde a base social están a artellarse novos proxectos que permiten albiscar o inicio dun cambio de modelo.

Máis recentemente, desde a base social están a artellarse novos proxectos que permiten albiscar o inicio dun cambio de modelo. Deles falou, na súa intervención, o artista Ángel Cerviño. “Se o que pretendemos é poder seguir desenvolvendo o noso traballo nas novas condicións debuxadas polo colapso do Sistema da Arte que ata agora coñeciamos, imponse a necesidade dun esforzo colectivo por repensar e reformularse -de arriba abaixo- o papel de cada un dos axentes implicados: produtores, exhibidores, comercializadores, críticos, compradores, ...e mesmo xestores e administradores públicos”, explicou.

E ese obxectivo pasa, ao seu ver, por crear “un novo tecido social ao redor das prácticas de produción artística e elaboración simbólica", cun mercado da arte “non especulativo” nin sustentado “sobre unha construción ideolóxica: a do artista xenio que, tocado pola graza divina da inspiración, crea obras dun valor incalculable e un prezo desorbitado”. Neste sentido, sinalou, iniciativas individuais ou colectivas están a experimentar “outras formas de produción, exhibición e comercialización da actividade artística”.

Iniciativas individuais ou colectivas están a experimentar “outras formas de produción, exhibición e comercialización da actividade artística”

É o caso do espazo de Vigo Halcón Milenario, que “nace da espontánea actividade dun grupo de artistas que nun momento determinado decide abrir o piso que compartían como taller e club para as súas reunións privadas, á exposición de obras doutros artistas"; do FAC Peregrina (Furancho de Arte Contemporánea) en Compostela ou de Amalgama, iniciativa que acaba de botar o peche tras dous anos de andaina. No debate posterior ao relatorio, unha representante do colectivo santiagués Baleiro aclarou que non se trataba de proxectos privados, senón “abertos, comunitarios, colaborativos”, nin pretendían ser “alternativos”, senón un elemento máis do universo artístico.

A autoxestión é, porén, unha fórmula que os artistas veñen ensaiando desde hai décadas. “Tamén Atlántica xorde como un grupo de xente que decide unirse para facer cousas. Daquela non había institucións, non había museos... Agora volve ese modelo, se cadra en parte por desafección cara ás institucións que agora xa hai, por descontento coa liña que están a seguir”, comenta Rodríguez. O artista Suso Fandiño mencionou, tamén, iniciativas semellantes que se consolidaron xa no Reino Unido e outros países. “Son sobre todo espazos recuperados, moitas veces fábricas”, lembrou.

Se cadra os artistas non están a saber aproveitar a “democratización do acceso á cultura”, que ten en internet, coa venda de produtos “máis asequibles” para todo o mundo

Sinalou, por outra banda, que se cadra os artistas non están a saber aproveitar a “democratización do acceso á cultura”, que ten en internet, coa venda de produtos “máis asequibles” para todo o mundo, unha das súas expresións. “É o museo o que fai a camiseta de Miró, e leva así a parte que lle correspondería ao artista”, indicou. Deste xeito, concluíu, “non estou cen por cen a favor de que os artistas actuemos como Pemes, pero tampouco estou cen por cen en contra”.

 

As prioridades do sector público

A procura de alternativas é aguilloada tamén polas eivas nas políticas públicas. “Temos un sector público que non marcou unhas estratexias culturais”, senón que “nos viu como artes decorativas", subliñou nas xornadas a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira. En confluencia con ela, a artista Mar Caldas denunciou a instrumentalización da cultura “por parte do poder”, e reivindicou unha maior cohesión no sector, -como a acadada en Vigo pola Plataforma contra a Demolición da Cultura- para facer posible a independencia dos creadores, así como un “dobre fluxo de relación entre periferia e centro”.

“Temos un sector público que non marcou unhas estratexias culturais”, senón que “nos viu como artes decorativas", subliñou nas xornadas a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira

Nun sentido diferente, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, opinou que “o investimento público non debía pasar dun 30 ou 40 por cento, non poden ser o elemento substancial". O MARCO ou o CGAC son dous dos centros que viron o seu orzamento diminuído no contexto da crise. Malia todo, non todo é negativo, xa que “conseguimos unha afluencia estable e crecente” de público, segundo sinalou o director do MARCO, Iñaki Martínez.

Rebaixas como as que afectan aos principais museos do país teñen que ver, tamén, coas prioridades que o Goberno establece. “Necesitamos unha exposición dun millón de euros sobre a pedra en Galicia na Cidade da Cultura?”, preguntaba o comisario e crítico Pedro de Llano. “Non é só iso”, matizaba Suso Fandiño. “A realidade é que Administración diche que só traballa con tal ou cal empresa. Se a Xunta quere traerte do Reino Unido e ti queres vir con Ryanair, dinche que só pode ser con Iberia, entón gastan 400 euros no que podía custarlles 50“, asegurou.

“Estaría ben o que di Fasero, que houbese maior investimento privado en arte, pero non hai conciencia nos empresarios galegos. Inditex, por exemplo, non inviste nada en cultura"

A redución da dependencia do mercado da arte respecto das institucións públicas -en canto a compra de obras- ten que ver con outra das cuestións que trataron as xornadas: a febleza do coleccionismo privado galego. “Estaría ben o que di Fasero, que houbese maior investimento privado en arte, pero non hai conciencia nos empresarios galegos. Inditex, por exemplo, non inviste nada en cultura. E se pasa isto, vamos deixar a investigación e a arte á súa sorte”, reflexiona Miguel Anxo Rodríguez. Esa debilidade do coleccionismo é, segundo Antonio Garrido, o motivo da ausencia de arraigamento no país dunha feira das artes como puido ser Espazo Atlántico. “O problema é, máis ben, que houbo moita xente que foi á feira sen crer nela”, retruca ante este argumento Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta. “É mentira que non haxa coleccionistas”, afirmou, o que non hai, ao seu ver, é “unha clase media cultural”. 

 

As dificultades do coleccionismo

A coleccionista Sofía Santos incidiu, coincidindo con Asunta, na necesidade de deixar de identificar o coleccionismo cunha práctica elitista dunha burguesía adiñeirada, e reclamou medidas para impulsar o coleccionismo como a rebaixa do IVA cultural, ou a modificación da lei de mecenato. Amosouse de acordo con ela a directora da Fundación María José Jove, Marta García-Fajardo, para quen ademais “a lei de patrimonio española é moi restritiva”, o cal dificulta especialmente a compra de arte por parte de clientes estranxeiros. A directora xeral de Moret Art Consultores, Nuria Blanco, recordou pola súa banda que “a administración ten moitos contedores baleiros de contido”, ademais da capacidade de “fomentar a difusión do que se está a facer a nivel artístico”. Advertiu, tamén, de que “os galeristas teñen que modernizarse, ter a páxinas web actualizadas, ter presenza nas redes sociais”...

“Estamos chegando a aquilo que presentaba Fahrenheit, unha sociedade produtiva pero iletrada”, sostivo Fandiño

A comunicación é, precisamente, un dos elos da cadea que están a fallar, segundo sinalaron boa parte dos participantes nas xornadas. “Todo vale para chamar a atención dos medios”, denunciou Asunta Rodríguez, moi crítica coa espectacularización da arte. Suso Fandiño remarcou a “falta de respecto e rigor” na información da prensa diaria sobre a arte contemporánea, e mesmo asegurou que “os medios de comunicación estannos barrendo, satanizando”. En relación con iso, a involución da formación en humanidades foi outro dos temas abordados nas mesas. “Estamos chegando a aquilo que presentaba Fahrenheit, unha sociedade produtiva pero iletrada”, sostivo Fandiño.

A crise do sistema artístico non é, por suposto, un fenómeno exclusivamente galego. Mais a relación dos galegos coa súa propia cultura engádelle un maior grao de complexidade. O crítico e profesor Xosé M. Buxán Bran expresou a súa disconformidade co “papanatismo” que, na súa opinión, amosa a tendencia por parte da dirección dos centros de preferir comisarios de fóra. “É que non hai tantos comisarios en Galicia”, respondeulle o tamén curador Juan de Nieves. Desde o público, o profesor Federico López apoiou a análise de Buxán, e sinalou que o mesmo “papanatismo” se atopaba detrás do costume da Xunta de chamar investigadores estranxeiros esquecendo os das universidades galegas.

O crítico e profesor Xosé M. Buxán Bran expresou a súa disconformidade co “papanatismo” que, na súa opinión, amosa a tendencia por parte da dirección dos centros de preferir comisarios de fóra

Nesta discusión participou tamén, co seu discurso habitual arredor do tema, o director do CGAC, Miguel Von Hafe, quen defendeu non “un tratamento de cota” para os artistas do país, senón atender á “calidade e profesionalidade” como criterio, dando aos galegos a oportunidade de facerse máis visibles ao compartir exposición con artistas de renome internacional. Reclamou tamén unha crítica de arte rigorosa que axude a vencer a desafección do público. Ao respecto, Miguel Anxo Rodríguez subliñou a importancia de facer un esforzo maior desde os departamentos de educación deste tipo de centros para facer máis comprensible unha arte sempre cambiante sen ter que baixar o nivel de calidade das mostras. “Temos un gran potencial”, concluíu Asunta Rodríguez, quen lembrou a elevada presenza das galerías galegas en ARCO en termos relativos ao que representa a poboación galega. Só que é necesario adaptarse ás mudanzas do sistema.

 

Unha das mesas de debate celebradas no Consello da Cultura. Miguel Anxo Fernández, Juan de Nieves, Camilo Franco, Buxán Bran e Pedro de Llano © CCG
La siesta de a razón. Ángel Cerviño © Culturagalega.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.