"Vivimos nunha resaca da que nunca houbo borracheira"

Terbutalina CC-BY-NC-SA Ux

Os muradáns Terbutalina serán os protagonistas do Festival Vitaminas para o Galego, que se celebrará este venres na Gentalha do Pichel, en Compostela, e que busca chamar a atención sobre a necesidade de potenciar os medios de comunicación en galego. Haberá tamén un recital poético, no que participarán Olalla Cociña, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, todo presentado por Xia Arias. As entradas custan apenas 4 euros (5 na porta do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis, cun custe de 10 euros.

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego. No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. 

Falamos con Terbutalina, banda de Muros que hai uns meses sorprendeu cun álbum, -Broncodilatador-, ruidoso, fresco e divertido, con temas imposibles de quitar da cabeza durante días, como Canto Moderno, Cartos ou Rubia, ou a singular R.A.J.O.Y (Rajoy, yo te quiero/ pero no te lo digo en gallego).

Tedes problema de asma? Nos concertos non o parece

Somos cinco rapaces con asma. Nos concertos nótase ben, a verdade. Por iso facemos temas tan curtos, para que nos dea tempo a coller aire e meterlle un chute de Terbasmin. Estamos respondendo isto por escrito e xa me está faltando o aire, imaxinádevos!

Que é o Gastropunk?

Algo que o noso guitarrista lle escoitou nun Festeiro Rock a Rafa Anido: ir tocar como ben se poida e que che dean de comer. Agora estamos deconstruíndo un -ismo que defina un pouco o noso estilo, xa que pensamos que temos superado o Bizarrismo, o Postmodernismo e todo iso. Nós sentímonos máis cómodos dentro do Turismo: ir por aí adiante para ver qué pasa.

De quen vides sendo? Como foi a historia de Terbutalina?

Somos todos froito da endogamia que padecemos na costa e da ría chea de antibióticos das gaiolas de salmón. E si, cada un de nós ten unha evidente tara, algunhas bastante divertidas, outras máis tristes. A nosa historia é ben sinxela. Un día Carlos, o noso batería, decide abandonar a Orquestra Nicaragua coa que estaba a tocar e chama a Brais e Mon para montar un grupo de versións de Wham, feito que agora pode parecer sancionable, pero que na altura era un oco por encher dentro do panorama musical galego.

"Agora estamos deconstruíndo un -ismo que defina un pouco o noso estilo, xa que pensamos que temos superado o Bizarrismo, o Postmodernismo e todo iso. Nós sentímonos máis cómodos dentro do Turismo: ir por aí adiante para ver qué pasa"

Despois duns primeiros ensaios lamentables, que rematan con toneladas métricas de empanada de xoubas polo chan da cabeceira na que ensaiaban, póñense en contacto con Miguel e comigo, que acababamos de abandonar por inútil o noso anterior proxecto, Marta del Castillo e os que a buscan con rastrillo. Miguel mais eu exercemos de supernannys e reconducimos a banda mediante unha terapia sistémica baseada, principalmente, en rimas en infinitivo e cancións cun acelerón ao final. Un par de semanas despois tocamos en Catoira, gravamos o Live in Catoira e, despois diso, xa foi todo igual. Again and again.

Como vedes o panorama de musica na Galiza, e sobre todo de música feita en galego?

Nós, pasar, pásamolo moi ben. Supoñemos que a complexa problemática do panorama musical pódese estender á cultura galega. Vivimos nunha resaca da que nunca houbo borracheira.

Que grupos galegos vos gustan?

Pois así, de entrada, diriamos Familia Caamagno e John Happy Driver, dous grupos que son unha pasada. Tamén nos prestan ben os Deseqilibrio Mental, Telephone Rouges, Monstruo, Metralletas Lecheras, as Ataque, Gendebeat, Noise Project, Sally Arachnophobic... Variedade, calidade e espírito. Cerebro, estómago e pulmóns.

O voso disco é rápido e curto. Que facedes para alongar os concertos?

Non os alongamos. Os nosos concertos son como a vida: curtos e cheos de suor. Agora en serio, tocamos 70 temas en cada bolo, pero o oído humano non o aprecia de entrada. Despois, cando o público vai durmir, reproduce oniricamente un concerto que pensaban que non escoitaran.

Enviáchedeslle a Rajoy o disco?

Pois si. Como sabemos que está tristeiro por non pasar tanto tempo na terra que tanto quere e defende, mandámoslle un paquete anti-morriña por Seur co disco metido nun pen, unha botella de Mencía e farlopa.

Cambiou algo en Muros, agora que se chega antes dende Noia e Compostela?

Non.

"Tras uns tempos desalentadores, sobre todo no marco da prensa escrita, parece que estamos a ver un rexurdir da man de Praza, Dioivo, Sermos..."

Como vedes o panorama dos medios en galego?

Tras uns tempos desalentadores, sobre todo no marco da prensa escrita, parece que estamos a ver un rexurdir da man de Praza, Dioivo, Sermos... Mais tamén hai que pensar nas experiencias que continúan a funcionar dende xa hai tempo garantindo un espazo de reflexión e óptica máis que necesario, como é o caso do Novas da Galiza. Despois, en radio e podcast, máis relacionados coa música, hai cousas xeniais, desde clásicos como Planeta Furancho ou Commons Baby a programóns como Nin puta idea.

Supoñemos que até que as empresas non comecen a poñer banners en todo portal canto hai, publicidade na radio e prensa... pois aquí continuaremos igual, polo menos grazas a gobernos como o actual e a todos os galegos de merda que os votan e teñen medo de deixarse a si mesmos seren aquilo que lles negaron, sen máis. Podemos saludar a La Voz de Galicia? Hola, chicos!

Cal é o futuro de Terbutalina? Que proxectos inmediatos tedes?

Andamos metidos en varias liortas das que inda non sabemos como sairemos. Nas próximas semanas comezaremos a gravar o que será o noso primeiro videoclip, que servirá como presentación dun EP con 7 temas novos e que levará como título Hostias para tod*s. O disco sairá, coma sempre, en formato dixital e, coma sempre, estará dispoñible para libre descarga. Ademais, tamén colaboramos cun tema inédito no recopilatorio Galician Bizarre II. E despois, cumprir co que nos corresponde: non parar de tocar. O venres na Gentalha, para Vitaminas para o Galego; o sábado en Vigo e despois festivais como a Festa TrezeCatorze, Reperkusión, Brincadeira... Non podemos parar de bailar.

Terbutalina CC-BY-NC-SA Ux
Capa do disco © Terbutalina

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.