Unha 'trampa' normativa permitirá que o Castelo de Monterrei sexa un hotel

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Feita alei, feita a trampa. Sobre todo cando as normas poden ser cambiadas nun ou noutro momento a conveniencia da vontade do Goberno ou de intereses privados. En 2010 o Estado central cedeulle gratuitamente á Xunta o Castelo de Monterrei para o seu uso, especificamente, como "centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, e restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos". Os expertos e colectivos opostos ao proxecto de construción dun hotel de luxo no seu interior levan meses sinalando que as condicións da cesión impedían o uso hoteleiro e ilegalizaban o proxecto, fronte á versión ofrecida pola Xunta, que non advertía contradición ningunha.

O Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido

Porén, semella que algunha contradición si debía existir, e o Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido. O BOE publicaba o pasado sábado a "ampliación do destino previsto na cesión á Xunta de Galicia" co obxectivo de “poder dedicar o inmoble, ademais de aos usos establecidos, á promoción do turismo a través de actuacións concertadas coa administración turística estatal (Turespaña e Paradores de Turismo, SA)”.

O proxecto, grazas a esta modificación normativa de última hora, segue adiante. Faino a pesar da oposición demostrada por unha parte importante dos e das habitantes dos concellos próximos, de expertos e de numerosos colectivos sociais e culturais. O pasado sábado a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei celebrou unha nova acción de protesta, consistente nun abrazo ao castelo, no que ducias de persoas realizaron unha cadea humana ao redor do recinto.

A Plataforma sinala a incoherencia de investir unha importante suma económica na conversión en hotel de luxo do núcleo da fortaleza, habendo un outro Parador en funcionamento, deficitario, e que ten que pechar catro meses ao ano por falta de demanda. De igual xeito, os expertos alertan de que o máis grave do proxecto impulsado pola Xunta é "a ocupación do núcleo do castelo", pois este núcleo "é a esencia do recinto do Castelo e o que caracteriza a fortaleza. Dado o seu carácter de Praza Pública  —Monterrei é como unha pequena cidade— se se altera o seu uso público, transformando o núcleo monumental nun hotel, todo o conxunto se vería desnaturalizado e perdería o seu carácter".

Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro
Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.