"A xente engánchase a Enemigos coma se fose unha droga dura"

Dominio Público Praza Pública

Volven Los Enemigos. Despois de dez anos da súa xira de despedida, regresan nunha revolta que os traerá dúas veces a Galicia: a finais de xuño no Derrame Rock de Ourense, e este venres en Vilagarcía, nun Festival do Norte que reúne un ano máis unha selección do mellor pop do Estado: Fangoria, Love of Lesbian, La Casa Azul, Klaus & Kinski, El Columpio Asesino, Pegasvs ou os composteláns Disco las Palmeras.

Pouco máis se pode dicir de Los Enemigos. Unha traxectoria de case vinte anos e dez discos fai difícil engadir cualificativos. Naceron en Malasaña, nos últimos anos da movida, aínda que eles estaban noutra onda: Rock en castelán, básico, sen aditamentos, con letras cruas e naturais, pero dotando eses estilos garaxeiros e canallas dun refinamento, un estilo propio. Los Enemigos non inventan nada, pero soan a Los Enemigos. Levan case trinta anos na música (a última década cada un polo seu lado) e son un clásico, si, pero un clásico vivo. 

El mundo gira y al caer, se muerde la cola. ¿Por qué has tenido que crecer? Maldita la hora. Nas súas letras está tamén a reflexión sobre o paso do tempo, pero á vez, todas convidan a mirar cara adiante. E a bailar, claro. Falamos con Chema, batería da banda

"Non eramos simples funcionarios da música, deixámolo precisamente para non ser iso, funcionarios"

Podedes volver porque a separación foi amigable e a vosa relación seguiu sendo boa?

Digamos que mantivemos unha relación como de parella, aínda que fósemos catro, de moito afecto e moito cariño entre os catro e iso fai que agora poidamos volver. Non eramos simples funcionarios da música, deixámolo precisamente para non ser iso, funcionarios.

Pero dixestes nalgunha entrevista que volvíades tocar xuntos “polos cartos”, porque é o voso traballo. Faise raro escoitar iso nunha banda, e non outros argumentos máis románticos...

Xúntase un pouco todo. Os cartos son importantes, sobre todo nestes tempos, pero tamén estamos un pouco tolos saíndo de xira nun ano no que non hai cartos para ninguén. Non sei se somos románticos ou se estamos pirados, directamente. Pero si, é o noso traballo, polo amor á arte fanse poucas cousas hoxe en día.

"Cando empezas non es consciente do pouco que sabes nin do que implica subir a un escenario e tocar para a xente. Agora sabes que se crean expectativas, que hai expectación por saber como vai ser a revolta, como estamos despois de dez anos..."

Como foron as sensacións nos concertos que xa destes nesta xira. A pesar dos anos segue habendo nervios?

Moitos nervios, a verdade. Creo que mesmo foi peor que as primeiras veces que tocamos. Porque cando empezas non es consciente do pouco que sabes nin do que implica subir a un escenario e tocar para a xente. Agora sabes que se crean expectativas, que hai expectación por saber como vai ser a revolta, como estamos despois de dez anos... E tampouco sabíamos como ía ser o recibimento. Sabemos que temos uns fans moi fieis, pero pasou unha década...

"Os fans de Enemigos foron sempre a nosa mellor promoción, son os que lles meteron as nosas cancións polas orellas aos seus colegas"

Pero nesta década, ademais, supoño que naceu unha nova xeración de seguidores de Enemigos, non? Sorpréndevos que vaia xente moi nova a estes concertos?

Si, esa é a maior sorpresa coa que nos atopamos, que temos novos fans, xente nova que nos coñeceu durante estes dez anos de ausencia e que teñen apenas vinte anos. Os fans de Enemigos foron sempre a nosa mellor promoción, son os que lles meteron as nosas cancións polas orellas aos seus colegas. A xente engánchase a Enemigos coma se fose unha droga dura, e despois é difícil quitarse. Temos que dar, por iso, as grazas a eses irmáns maiores ou a eses pais que influíron nas novas xeracións para que estes tamén fosen os nosos fans.

Seguides descartando que ao remate desta xira poida haber cancións novas e entrar no estudio outra vez?

Aínda non pensamos niso. En principio non o faremos, en principio publicaremos unicamente o recompilatorio e o DVD co último concerto que demos na Riviera.

"Do que se escoita comercialmente, a verdade é que non me tira moito. Non che podo dicir nin un só grupo que a min me chame"

Que vos parece a música que se está facendo nos últimos anos en España, e as tendencias que houbo e que está habendo no rock?

Do que se escoita comercialmente, a verdade é que non me tira moito. Non che podo dicir nin un só grupo que a min me chame. Nun momento Pereza parecíanme moi potentes en directo, moi frescos, aínda que en disco xa eran outra cousa, pero do que saíu nos últimos anos é o que máis respecto. O resto soa todo igual, con dúas tendencias, unha máis dura, sobre todo no norte, e outra máis pop-rock, cada vez máis pop. Outra cousa son os grupos máis pequenos, que non están nos circuítos comerciais. Por exemplo, As my world burns.

Nalgún momento dixestes que a separación se debía a que a música de Enemigos non encaixaba nese momento co que se estaba facendo, cos gustos e tendencias de hai unha década. Seguides pensando o mesmo? Non encaixaría Enemigos na actualidade?

Si que nos preocupaba iso e de feito agora ao volver tiñamos medo de tocar as cancións daquela época e parecer que estabamos tocando temas de Elvis. E non, o feedback que recibimos foi todo o contrario, moita xente dicíndonos que “facía falla unha banda así neste momento”

"Se Josele vivira no Século de Ouro agora estarían todos mercando os seus libros"

Que fai especial a Enemigos? Que é o que fai que esa lexión de fans vaia en peregrinación aos vosos concertos?

Unha das cousas é a heteroxeneidade e a honestidade. A nós puxéronnos todo tipo de etiquetas: grupo de rock, grupo de blues, grupo garaxeiro, grupo de pop-rock..., e iso é porque non temos unha etiqueta que nos defina, somos Los Enemigos, nunca fixemos concesións, fixemos sempre o que queríamos facer. E afortunadamente gusta, porque temos unha voz de ouro, como é a de Josele, e as súas letras, que se vivira no Século de Ouro agora estarían todos mercando os seus libros. Enemigos é iso, honestidade, puro corazón e vísceras.

Sodes un grupo moi galego, non? Á marxe das relacións persoais, sempre tivestes unha relación especial con Galicia...

Si, como dis, hai moita relación persoal, Josele viviu varios anos en Galicia e nós tocamos moitas veces alí. E agora mesmo o noso manager é galego, Carlos Mariño. E eu mesmo teño familia en Vilagarcía.

"Non temos unha etiqueta que nos defina, somos Los Enemigos, nunca fixemos concesións, fixemos sempre o que queríamos facer·

Supoño que nos vosos concertos pasouvos de todo, anécdotas e incidentes dos anos heroicos, dos primeiros anos. que supoño que agora xa non vos pasan...

Si, de todo. Pero si, unha das condicións que puxemos para esta xira era que puidésemos contar cos medios para facer bos concertos, medios que nunca tivemos na nosa carreira, só nos últimos concertos que déramos na xira de despedida. As anécdotas dos case vinte anos de traxectoria enemiga nin as podes imaxinar. Dende tocar baixo a chuvia en Tijuana, sufrindo a vinganza de Moctezuma, onde aguantamos tocando en condicións terribles. Ou o concerto do Festimad, no que pasou á inversa, e viamos os fans baixo unha manta de auga. Esperemos que non chova en Vilagarcía.

Pois o Festival do Norte ten a lenda negra de que sempre chove. Menos mal que hai carpa...

Ah, pois grazas por avisar, mellor levo o bañador (risas).

Los Enemigos regresan en 2012 para dar algo máis dunha ducia de concertos Dominio Público Praza Pública
Dez anos atrás Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.