Unión e fronte común para defender o teatro

'Asalto' ao balcón do Salón Teatro CC-BY-SA Alberto Ramos

Unidade perante os problemas comúns. Con esa idea, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu o pasado mes de xuño incorporarse á Confederación de Artistas-Traballadores do Espectáculo (Conarte), entidade nacida a finais do ano pasado e na que se fusionan as dúas federacións de intérpretes do estado, que engloban a quince centrais sindicais da escena. Conarte naceu nun congreso celebrado no mes de decembro de 2013 grazas a alianza, principalmente, das dúas grandes federacións estatais -FAEE (Federación de Artistas do Estado Español) e OSAAEE (Organización de Sindicatos de Artistas do Estado Español)- e agora a AAAG, que non formaba parte de ningunha destas agrupacións, sumarase ao proxecto mantendo a súa independencia, pero buscando unidade ante as severas dificultades comúns que atravesa o sector.

A crise económica, as reformas laborais, o IVE ou os recortes dos apoios institucionais forman parte dunha tormenta perfecta para o sector

A crise económica, as reformas laborais, o IVE ou os recortes dos apoios institucionais forman parte dunha tormenta perfecta para o sector. Os seus ventos, segundo recolle o informe sociolaboral de Aisge (Asociación de Artistas  Intérpretes Sociedade de Xestión), provocan que o 73% dos actores e actrices do estado non poidan vivir do seu traballo e que o 55% non chegue a cobrar máis do salario mínimo cos seus traballos. Por iso, as dúas grandes federacións estatais decidiron unificar os seus esforzos despois de anos de traballo paralelo. E por iso agora a AAAG decide incorporarse á fronte común.

 

Unidade no caso O Faro

Seis meses antes da creación de Conarte, o sector audiovisual enfrontouse ao difícil reto que supuxo O Faro, unha serie promovida por varias produtoras galegas

En xullo de 2013, seis meses antes da creación de Conarte, o sector audiovisual enfrontouse ao difícil reto que supuxo O Faro, unha serie promovida por varias produtoras galegas e que sería emitida por gran parte das canles autonómicas, incluída a TVG.

A creación de emprego que suporía, lonxe de alegrar no sector, espertou fonda preocupación: corríase o risco de que a produción pasase por alto o convenio colectivo e as condicións laborais mínimas. Diante desta situación, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) respondeu e coordinou a reacción dos profesionais para abortar un perigoso antecedente. Daquela, como agora, as reivindicacións eran claras e pasaban por defender o traballo no sector.

“O Faro foi un situación complicada, mais tamén significou un primeiro momento de colaboración e coordinación entre nós e as federacións estatais. A resposta que puxemos en marcha nós para defender o convenio foi un primeiro contacto coas federacións. Despois, estas entidades quixeron convidarnos ao congreso fundacional de Conarte, invitarnos a formar parte”, sinala Guillermo Carbajo, secretario da AAAG, para lembrar aquel proceso no que se conseguiría que O Faro seguise adiante respectando os dereitos laborais dos intérpretes.

Deste xeito, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia asistiu ao congreso de unificación, celebrado entre o 9 e o 11 de decembro, como convidada, mais adiou a incorporación. De feito, malia a decisión tomada pola súa asemblea no mes de xuño, a entrada en Conarte non será efectiva até o 1 de xaneiro de 2015 por motivos prácticos.  

 

Visibilidade e representación 

A partir dese momento, a AAAG unirase á Confederación e comezará a formar parte dun proxecto colectivo cuxos obxectivos pasan -entre outras cuestións- pola colaboración unificada garantindo a independencia de cada unha das entidades integrantes, a defensa dos intereses dos profesionais escénicos, o desenvolvemento laboral ou a protección das condicións de traballo. Tamén a promoción dos afiliados. Deste xeito, a Confederación busca ofrecer unha serie de servizos conxuntos a nivel do estado. “Neste sentido,  Conarte quere contar cun catálogo único a nivel estatal, que permita a visibilización de todos os profesionais e que facilite a consulta e o contacto entre os directores de casting e os actores”, sinala Carbajo, que tamén destaca os servizos xurídicos da confederación.

Un dos aspectos máis relevantes para os intérpretes galegos á hora de sumarse á unión pasa por superar os atrancos que se presentaban á hora de chegar a algúns espazos de decisión

Un dos aspectos máis relevantes para os intérpretes galegos á hora de sumarse á unión pasa por superar os atrancos que se presentaban á hora de chegar a algúns espazos de decisión. “A diferenza do que acontece no teatro, o convenio do audiovisual ten carácter estatal. Por iso sempre foi difícil trasladar a nosa realidade”, explica Carbajo. Agora, a través de Conarte, a AAAG estará informada directamente e poderá achegar as singularidades do sector galego á mesa paritaria.

Con esta incorporación á Confederación de Artistas Traballadores do Espectáculo, a AAAG pretende afondar no seu esforzo de representación, visibilidade e dignificación do sector en Galicia e participa da unidade, dun obxectivo compartido e común: superar a situación, a tormenta perfecta que sacode as artes escénicas en todas as latitudes.

Protesta dos actores e actrices galegas polos recortes © Escena Galega
Manifestación da Plataforma das Artes Escénicas CC-BY Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.