0 Gardados para despois

“Se de aquí a medio ano non duplicamos o número de socios, a Academia do Audiovisual morre. Así de radical”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Antonio Mourelos preside dente o ano pasado a Academia do Audiovisual cunha executiva que inclúe pesos pesados do sector como Jorge Coira, Emma Lustres ou Luís Tosar. Este sábado, na Coruña, afronta a súa primeira gala dos Mestre Mateo. Nesta ampla entrevista con Praza reflexiona ao redor das dificultades do sector, a situación da TVG e o futuro da entidade que preside. 

Anda a ultimar o discurso que pronunciará como presidente da Academia do Audiovisual na gala dos Mestre Mateo. Será unha intervención reivindicativa ou seguirá máis o espírito da cerimonia, que pasa por lembrar que “toda crise pasada foi peor”?

En primeiro lugar, será un discurso curto. A intención é que sexa directo, claro e conciso. Máis que reivindicativo e de pelexa, vai ser un discurso para pedir máis compromiso á profesión, un discurso que pida máis unión. Basicamente, porque nestes tempos, a unión vai ser o único que nos quede. Ou estamos unidos ou vai ser moi difícil que teñamos apoio de ninguén. Por iso, o discurso seguirá a liña de reclamar unión. Nós falamos dentro dun sector que engloba case a 3.000 traballadores. Temos que demostrar que os somos, demostrar que existen eses 3.000 traballadores. Fai falla unión. Non é tanto tirar contra a administración.... Penso que durante anos parecía que os únicos culpables eran as administración e que nunca mirabamos para dentro. En definitiva, vai ser un discurso sen grandes ataques, pero quen queira entender, vainos entender.

"Fai falla unión. Non é tanto tirar contra a administración.... Penso que durante anos parecía que os únicos culpables eran as administración e que nunca mirabamos para dentro"

O anterior presidente da Academia, Xosé Manuel Olveira Pico, antes de deixar o cargo reflexionaba sobre a Academia do Audiovisual e dicía que se precisaban moitos máis socios, máis membros...

Iso é fundamental. Cando falo de unión, falo diso tamén. É prioritario agora mesmo que a Academia duplique o número de socios.

Cantos ten agora mesmo?

Uns 250 membros.

"Precisamos ser 500 como mínimo para ser minimamente independentes e para poder tirar adiante con esta Academia"

Ou sexa 250 de 3.000 traballadores?

Si. Precisamos ser máis. Precisamos ser 500 como mínimo para ser minimamente independentes e para poder tirar adiante con esta Academia. Hai moitísimas cousas que podemos facer, e que estamos a facer, pero precisamos máis apoios, non vale co axuda da administración. Porque a administración... Francamente, eu non confío na administración. Non confío en que vaia apoiar de novo. A realidade é que se de aquí a medio ano non duplicamos o número de socios, a Academia do Audiovisual morre. Así de radical.

Tan mal pintan as cousas?

Si, porque a redución das axudas é drástica e non confío en que estas axudas se vaian manter. Non teño confianza. Non teño confianza na clase política. Persoalmente creo que van ter cartos para a tauromaquia, pero para o cine non. Así de radical son. Seguro que apoian a festa nacional... Pero o cine? Non. A eses rojos de la ceja non os vai apoiar ninguén.

"Persoalmente creo que van ter cartos para a tauromaquia, pero para o cine non"

A Academia vai facer unha campaña para conseguir novos socios?

Non, hai unha campaña entre nós. Aínda non a hai, pero si que é un dos temas máis prioritarios da axenda. Agora o prioritario é sacar a gala dos Mestre Mateo, porque tivemos moitos problemas, e  ten que saír ben polo traballo de moitísima xente que se está partindo a alma para facela. Despois, o obxectivo inmediato é conseguir máis socios e máis financiamento externo. Se non o conseguimos...

Diso depende a supervivencia da Academia?

Si, creo que si. Tampouco quero ser tan radical, pero creo que é o que hai.

Se falamos de axudas ao sector, a semana pasada a Agadic publicou a liña de axudas á produción e coprodución, pero as outras liñas quedaron no aire. Ademais, os 2,9 millóns de euros que se destinan van repartidos en diversas anualidades. Esta situación xera incerteza?

Hai unha preocupación absoluta. E sobre todo nas outras liñas de axuda, sobre todo para a xente que comeza e  quere facer curtas. Todo se vai ver moi resentido. Agora mesmo, todo o que sexa potenciar a creatividade e os novos talentos está moi limitado, no aire. O sector ve todo moi fastidiado. Eu son realista e pesimista, pero tamén neste sentido son optimista. Nas crises sempre se agudiza a creación e o talento. A creatividade florece nestas situacións. Por iso son optimista coas novas xeracións e a xente que vai buscar maneiras diferentes para contar historias. Esta xente vai partirse a cabeza e buscarse a vida, porque non van ter subvencións a fondo perdido e por iso van buscar a maneira de seguir contando historias.

"Agora mesmo, todo o que sexa potenciar a creatividade e os novos talentos está moi limitado, no aire. O sector ve todo moi fastidiado. Eu son realista e pesimista, pero tamén neste sentido son optimista. Nas crises sempre se agudiza a creación e o talento. A creatividade florece nestas situacións"

Coa crise e os recortes, nótase a parálise no sector?

Nótase, si. Só hai que ver programación da TVG e as candidaturas dos Mestre Mateo. Hai moi pouca produción nova e no caso da televisión non hai moito... Está Escoba e pouco máis. O resto? Padre Casares, Matalobos e Libro de Familia. Son produtos que teñen xa tres anos. Se miramos nas telefilmes... Non sei cantos proxectos hai, pero moi poucos. Realmente no audiovisual pasamos de facer moito -e seguramente non todo era bo- a non facer practicamente nada. O sector a nivel técnico e artístico esta a pasalo mal. Falas coa profesión e hai moitos problemas, problemas serios, de non poder pagar os recibos. O sector audiovisual está realmente mal.

"A TVG é o motor do sector. Se a TVG para, apágase o motor. Xa podes ter a mellor carrocería  e o mellor deseño, que dá igual"

O futuro da TVG é incerto, a privatización está a chamar a porta, e a reformas da lei de Televisión Española chegou con polémica. Todo isto como afecta ao sector audiovisual galego?

A TVG é o motor do sector. Se a TVG para, apágase o motor. Xa podes ter a mellor carrocería  e o mellor deseño, que dá igual. E temos a mellor carrocería, os mellores actores, os mellores técnicos... Podemos ter iso, que como falle o motor, todo se para. Hai unha incerteza absoluta. Se me preguntan que vai pasar de aquí hai un ano... Non sei. Vai ser privatizada? Non o sei... É que non o sei. O que pensas hoxe pode cambiar rapidamente. Despois escoitas xentes e algún ministro facendo comentarios moi alegres sobre a cultura, sobre a TVG... Declaracións moi alegres, pero que non son gratuítas. Se as televisións autonómicas van camiño de desaparecer ou de privatizarse? Se cadra si e haberá que dicir que non. Nunha reunión con nós, Feijóo comprometeuse a que a TVG seguiría alí mentres el estivese de presidente.

"Agora coas escusas dos recortes e coa crise permítense case todo e con total impunidade"

E dixo se seguiría como ente público ou como privado?

Tanto matiz non fixo. El insistía na intención de defendela, parecía que esa intención si que había... Pero as opinións e os compromisos dos políticos duran pouco. Agora coas escusas dos recortes e coa crise permítense case todo e con total impunidade. Quen garante que non peche ou se privatice a TVG ou Canal 9 mañá? Ninguén, calquera compromiso político desfaise agora e xa está.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“Se cadra a TVG non lle gusta institucionalmente a Gala dos Mestre Mateo porque somos belixerantes”

Nun principio, os Mestre Mateo ían celebrarse en Lugo. Que pasou?

Había vontade por parte do Concello e da Deputación de Lugo. A executiva tiña máis que ganas de que fose en Lugo, porque nos parecía de xustiza. Pero esta cidade non conta cunha infraestrutura minimamente axeitada. O Gustavo Freire non reúne as condicións necesarias. Alí non se podía facer. Había outras opcións, o palacio de congresos que teñen ao lado do río. Alí había que montar o escenario, colocar as cadeiras, a infraestrutura e disparaba o orzamento unha barbaridade. Intentouse até o último momento mirando noutros locais. Que pasou? Os locais eran demasiados pequenos e hai que pensar que esta gala conta con 700 convidados como mínimos. Nos locais de Lugo podían entrar 300. En Lugo non será viable até que teñan un auditorio en condicións.

Vaina retransmitir a TVG. De gratis?

Si. Achega os medios. A TVG dirá que non é gratis, que achegan os medios, a iluminación... Poñen os recursos, pero non pagan.

Institucionalmente a TVG non apoia a gala. Non sei por que será. Poden dicir que é porque non ten audiencia, pero non estou de acordo. Os datos están aí e audiencia si hai

En edicións anteriores pagaban?

 

O ano pasado non, pero en anos anteriores si. Non era que pagase a gala, pero si daba cartos suficientes para botar unha man. Este ano nótase moitísimo a falta de apoio da TVG nese sentido. A gala verase reducida. Eu penso que a título particular, Sánchez Izquiero e Rosa Vilas, que son académicos, gustan da gala e a título particular si que a apoian. Pero institucionalmente a TVG non apoia a gala. Non sei por que será. Poden dicir que é porque non ten audiencia, pero non estou de acordo. Os datos están aí e audiencia si hai. O público gusta desta gala. Se cadra a TVG non lle gusta institucionalmente a Gala dos Mestre Mateo porque somos belixerantes. Non o sei! Se cadra é iso.

“Roberto Varela tiña outro talante, con el tiñamos un camiño aberto”

A Academia nota variacións na relación coa Xunta co cambio na consellería e co anuncio da eliminación do Consorcio do Audiovisual?

Non notamos gran cambio. Agora ben... Con todo o que se diga de Roberto Varela, a verdade é que el tiña outro talante e con el tiñamos un camiño aberto. Varela estaba interesado en moitas cousas. Amosara interese cunhas actividades que queríamos recuperar que eran os cursos de Cero en conducta, que no seu día funcionaran moi ben. Ou tamén amosaba moito interese polas máster class. Había interese... Todo iso desapareceu xa. Varela tiña un talante de diálogo e entendíame moi ben con el.