Literatura que alimenta na Praza dos Libros de Carballo

Cartaz da Praza dos Libros © Concello de Carballo

Literatura, gastronomía e, de convidado, o bo tempo. É o menú que ofrece o Xardín Municipal de Carballo dende este xoves e ata o domingo nunha nova edición da Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural da capital de Bergantiños. Co obxectivo de "achegarlle á cidadanía a creatividade galega a pé de rúa" o Concello carballés prevé celebrar unha morea de actividades culturais e lúdicas nas que o libro é o gran protagonista, incluíndo "dúas publicacións en primicia": Contos de taberna, obra colectiva con textos e ilustracións baseados en bares da vila, e Os Bolechas en Carballo, para a xente miúda da casa.

Autores e autoras como Rosalía Fernández Rial, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Mercedes Leobalde ou Ramón Vilar pasarán nestes días por Carballo para presentar as súas obras nunha feira na que, unha vez máis, "un dos puntos fortes é a participación infantil". Pensando na infancia celébrase un obradoiro de xogos musicais, este venres pola mañá, a animación da Ciclobiblioteca, o mesmo día pola tarde e, xa o sábado, obradoiros creativos ou contactos. Para a tarde do domingo fica outro dos pratos fortes, o pasarrúas d'Os Bolechas.

Para que as letras saiban mellor a Praza dos Libros conta con dous ingredientes gastronómicos. "Hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita...", din dende a organización. Así, este xoves a feira cultural conviviu coa feira tradicional de Carballo e o domingo fará o propio co feirón de verán, "con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e  de tempada". Nese mesmo día "os libros virán cun pan debaixo do brazo", sinalan, xa que "durante toda a mañá repetirase, por oitava vez, a experiencia Un libro, un pan, na que "todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo.

O domingo a feira cultural convivirá co feirón de verán, "cos mellores produtos alimentarios locais"

Ademais das presentacións e actos culturais a Praza dos Libros ten tamén un espazo para a venda de exemplares. Desta volta son sete as librarías "que traerán a creatividade galega para que, quen queira, tamén a poida levar para a casa": Brañas e Trasgo e Ler, de Carballo, Roget, de Vimianzo, Pedreira, de Compostela, á Lus do Candil, de Arteixo e Couceiro, da Coruña, terán os seus postos abertos de once a dúas da mañá e de cinco e media da tarde a nove e media do serán. En todos os postos, como adoito nas feiras, os libros teñen un desconto do 10%.

Cartaz da Praza dos Libros © Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.