0 Gardados para despois

“O sector audiovisual está afeito a loitar”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Dolores Ben recibirá este sábado, na gala dos Mestre Mateo, o Premio de Honra Fernando Rey. Con este galardón, recoñécese a traxectoria profesional de Ben, quen é presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e da Asociación de Empresas de Dobraxe de Galicia (AITEGA).

Que significa para vostede recibir este galardón?

Emocionoume moito. É de agradecerlle ao sector este premio. Levo moito traballando e pelexando, levo moito traballado. É unha honra, pero hai moita xente no sector que o merece, porque temos un sector moi bo. É un premio que dá ánimos para seguir, sobre todo nestes tempos. É un esforzo moi grande o que temos que facer nestes tempos. Non só os políticos, nós tamén temos que aprender. E moito que traballar. A ver se saímos adiante, porque está a cousa complicada.

"O bo que temos no audiovisual galego é que é un sector relativamente novo. Houbo xente que comezou cun sector que agora ten sentido, que é o terceiro de España en facturación e produción"

Di vostede que “todos temos moito que aprender”. Fai falla autocrítica no sector?

Sempre. É necesario. O bo que temos no audiovisual galego é que é un sector relativamente novo. Houbo xente que comezou cun sector que agora ten sentido, que é o terceiro de España en facturación e produción. Realmente, no sector audiovisual estamos afeitos a loitar e a buscarnos a vida. Por exemplo, a xente que non tiña cabida aquí, pois buscou o seu espazo fóra e alucinas coa boa imaxe que hai do sector audiovisual galego por alá fóra. En todos os sentidos. Iso é o que me dá esperanza, porque ademais de haber xente moi boa, hai xente nova moi formada e preparada.

Esa xente nova vai ter que partirse os cornos para saír adiante?

Si, pero é que están moi preparados. Saen fóra, estudan fóra e teñen outra visión das cousas. Para nós foi todo doutro xeito, paso a paso... Ademais, preocúpame a situación do sector, non só a nivel galego, tamén a nivel estatal. Os recortes sabíamos que acabarían caendo, pero os que houbo foron brutais.

"Sabía que chegarían os recortes, xa os houbo o ano pasado, pero non eran os desta categoría. Todos os sectores de España dependemos do ICAA. E de verdade, é todo unha incógnita. Tiraron o modelo de súpeto e anuncian outro, pero non o presentan aínda"

O cambio de goberno en Madrid freouno todo?

Si, moitísimo. Sabía que chegarían os recortes, xa os houbo o ano pasado, pero non eran os desta categoría. Todos os sectores de España dependemos do ICAA. E de verdade, é todo unha incógnita. Tiraron o modelo de súpeto e anuncian outro, pero non o presentan aínda. Din que para despois do verán... E mentres que facemos?

Se falamos do terreo galego?

Os recortes, en contía, non foron tan grandes como a nivel estatal. En calquera caso hai unha cousa que non se debe recortar: as axudas ao talento, ao desenvolvemento, aos guións, ás curtas. Iso non se pode quitar. Na Agadic dixéronme que se plantexarían sacalas despois do verán.

"Hai unha cousa que non se debe recortar: as axudas ao talento, ao desenvolvemento, aos guións, ás curtas. Iso non se pode quitar"

Están no aire. Preocupa esta situación no sector?

Si, a todo o mundo. Sobre toda á xente nova, pero tamén ás produtoras. O audiovisual non deixa de ser un laboratorio de ideas. Ás veces hai que axudar un pouco para que determinados proxectos se leven a cabo. Aí fan falla axudas, pero claro... Como non hai cartos! Sempre che acaban botando en cara que é que non hai cartos e que a sanidade e a educación están aí. Calas, sabes que é razoable, pero non deixa de haber algo de demagoxia niso.

Anunciouse a desaparición do Consorcio Audiovisual e dise que a Agadic vai asumir as competencias. Parece que por fin chega a tan esperada e tan desexada...

A tan ansiada ventanilla única! O proceso de desmontar o Consorcio leva tempo, é lento. A min dixéronme que para xuño estaría rematado. As competencias pasarán todas a Agadic.

"O proceso de desmontar o Consorcio leva tempo, é lento. A min dixéronme que para xuño estaría rematado"

É boa noticia?

Boa e necesaria. Agora hai que ver como se organiza dentro da Agadic. Non sabemos aínda como vai funcionar. Ás axudas á produción e ao resto agora únense a comercialización, a distribución e os festivais. Hoxe en día é o máis importante. E agora hai que dicir que estaba funcionando moi ben o Consorcio nese sentido.

"Precisamos un modelo. E ten que estar consensuado por dúas partes: pola administración e polo sector. Temos que saber que é o que queremos e a onde queremos ir"

Hai unha frase que se di moito dende hai moito: O audiovisual é un sector estratéxico. Indo máis alá, podemos preguntar: É un sector estratéxico sen estratexia?

Claro que é estratéxico, é un sector de futuro. Eu non me canso de dicir na Xunta que é un sector de futuro.  O gran problema é a indefinición. Non hai modelo e déronse moitos bandazos. Comezamos dun xeito, logo chegou o bipartito e foi doutro. Hai que dicir neste sentido que eu admiro o traballo que fixo Manolo González. Despois chegou outro goberno e todo goberno novo tarda un tempo en colocarse, ademais está a crise. Está todo iso, pero o que pasa é que precisamos un modelo. E ten que estar consensuado por dúas partes: pola administración e polo sector. Temos que saber que é o que queremos e a onde queremos ir.

Como presidenta da Agapi, nótase a parálise no número de producións en marcha?

Si, totalmente. Noutros anos estarían arrancando catro ou cinco rodaxes de cine. Outros tantos de telemovies e de curtas. Anunciadas que se van facer -ou que eu saiba que se van facer- hai dúas neste momento. Hai parón. Nótase, como non sei vai notar?

"As cousas están moi fastidiadas. Agora é cando hai que ver se o que denomina o goberno como sector estratéxico para eles é de verdade estratéxico"

Con esa falta de traballo, a situación de crise, os recortes... Podemos vivir un ano de peche de varias produtoras e empresas?

Moitas xa caeron. Estamos todos asfixiadas. Eu mesmo estou asfixiada. Teño unha empresa, Cinemar, e se non hai rodaxes nin traballo, que fas? Nesa situación, que fas? Como pagas ás nóminas? As cousas están moi fastidiadas. Agora é cando hai que ver se o que denomina o goberno como sector estratéxico para eles é de verdade estratéxico. Se queren este sector, este é o momento de botarlle unha man.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.