0 Gardados para despois

“O traballo das asociacións culturais na emancipación de Galicia merece ser recoñecido"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Chamábanlle a Campaña do peso. A Asociación Cultural O Galo impulsou unha colecta popular, peto de barro en man, para recadar fondos e poder así recoñecer, co Premio Castelao, a mellor obra de teatro en galego. Foi un éxito, e a marca bateuna o grupo de Pontevedra. No Diario de Pontevedra publicáronse dúas entrevistas en galego sobre o tema. Radio París dedicoulle tamén un programa. E en poucos días a Tino Caamaño, cuxo nome saíra varias veces, chegoulle un recado ameazante da Xefatura da Falange.

Así estaban as cousas a primeiros dos anos 60. O galardón, creado no 1963, nacera en resposta á marxinación do galego nun certame de teatro que organizaba o Sindicato Español Universitario (SEU), no que se admitían as outras tres linguas do Estado. O fallo do Premio Castelao converteuse nun acontecemento cultural no que participaban boa parte dos principais nomes do galeguismo, cunha cea literaria que se celebraba no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago.

O fallo do Premio Castelao converteuse nun acontecemento cultural no que participaban boa parte dos principais nomes do galeguismo, cunha cea literaria que se celebraba no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago

O Galo foi o primeiro, pero houbo moitos máis. Nas últimas décadas do franquismo desenvolveuse un moi activo asociacionismo cultural en Galicia, que o Consello da Cultura e a Fundación 10 de Marzo analizan na exposición Un canto e unha luz na noite. O Museo do Pobo Galego acolle esta mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, ata o vindeiro 13 de maio. Máis de vinte mil documentos, a maioría gardados polos que foron os directivos das asociacións ou por coleccionistas, foron escaneados para elaborar este proxecto, para o que tamén se realizaron vinte entrevistas persoais.

"As minorías compostelás, case todas elas formadas por estudantes universitarios, manteñen contacto permanente con Ramón Piñeiro nuns casos, co arqueólogo, etnógrafo e poeta Fermín Bouza Brey e co pintor Carlos Maside noutros"

O campo fora aboado por iniciativas anteriores, como a editorial Galaxia. “As minorías compostelás, case todas elas formadas por estudantes universitarios, manteñen contacto permanente con Ramón Piñeiro nuns casos, co arqueólogo, etnógrafo e poeta Fermín Bouza Brey e co pintor Carlos Maside noutros, dando saída algúns deles aos seus escritos nas páxinas do xornal santiagués La Noche”, conta Manuel Caamaño no libro-catálogo que complementa a exposición.

No 1958 xurdira en Madrid o grupo Brais Pinto. Un dos creadores de O Galo, Antón Santamarina, subliña como antecedente os “minervalistas” de finais dos 50: Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Franco Grande, López Nogueira, Rodríguez Mourullo e outros que sen seren concursantes ás Minervais formaban parte do cenáculo político-literario: Xosé Manuel Beiras ou Gustavo Docampo. O paso para fundar o Galo deuse -lembra Santamarina no libro antes citado- coa xeración seguinte: Xulio Maside, Ventura Cores, Salvador García-Bodaño, Aurichu Pereira ou Mercedes García.

Noutra exposición que precedeu á organizada agora polo Consello da Cultura, O Galo lembraba así a súa fundación: “Intereses e arelas comúns eran as súas armas intelectuais para materializar expectativas artísticas e culturais con ánimo de chegar á sociedade galega, fóra da tutela e o “control” do holding Galaxia, como xa tiña acontecido con grupos como Brais Pinto en Madrid. Non hai que esquecer a proposta que lles fixera Piñeiro de organizar asociacións de Amigos de Galaxia, que non tivera éxito organizativo entre a mocidade”.

Despois viñeron A Agrupación Cultural O Facho na Coruña, a Asociación Cultural de Vigo, o Club Cultural Valle-Inclán en Lugo, a Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, a Agrupación Cultural Auriense en Ourense, o Ateneo de Moaña, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia...

O Galo iniciou a súa andaina no 1961. E despois viñeron A Agrupación Cultural O Facho na Coruña, -aínda en activo, como O Galo-, a Asociación Cultural de Vigo, o Club Cultural Valle-Inclán en Lugo, a Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, a Agrupación Cultural Auriense en Ourense, o Ateneo de Moaña, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia, e xa nos 70 a asociación Francisco Lanza en Ribadeo, Sementeira en Viveiro, Castelao en Monforte, Os Cigurros na Rúa, Avantar no Carballiño, Alexandre Bóveda na Coruña...

O nacionalismo, reconstruído na clandestinidade pouco despois de nacer O Facho, atopou nas asociacións culturais galeguistas o osíxeno que necesitaba”, asegura Harguindey

A Lei de asociacións de 1964 abrira un oco -malia que establecía que os principios de calquera colectivo debían estar “de acuerdo con las normas inspiradoras del Movimiento nacional”- que os galegos souberon aproveitar. Cóntao no libro que acompaña á exposición Henrique Harguindey: eran os tempos do que algúns chamaban, con retranca, a “dictablanda”, pero a represión non rematara. “Entre censura, dificultades administrativas, prohibicións, control policial e unha serie de intimidacións que constituían o pano de fondo moitas veces oculto, comezou O Facho a súa andaina”, apunta.

“Este asociacionismo deixou un impresionante froito cultural en Galiza. Iso xa sería abondo para que figurase remarcado na nosa historia contemporánea. Pero, ademais, por mor das circunstancias e ante a prohibición dos partidos políticos e a falta de liberdades, desempeñou un papel decisivo no avance sociopolítico do pobo galego. O nacionalismo, reconstruído na clandestinidade pouco despois de nacer O Facho, atopou nas asociacións culturais galeguistas o osíxeno que necesitaba”, asegura Harguindey.

María Dolores Villanueva sinala que nestes colectivos participaron persoas que despois serían líderes ou integrantes de POG, PSG ou da UPG. Camilo Nogueira foi presidente da Asociación Cultural de Vigo, como despois Ferrín

Tamén María Dolores Villanueva sinala que nestes colectivos participaron persoas que despois serían líderes ou integrantes de POG, PSG ou da UPG. Camilo Nogueira foi presidente da Asociación Cultural de Vigo, como despois Ferrín. Unha das achegas deste colectivo foi o programa de radio en galego Raíz e tempo. “Na emancipación nacional e social de Galiza, o traballo de todas as asociacións culturais, das persoas lembradas e doutras moitas que viviron estas circunstancias merece ser recoñecido”, sostén Nogueira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“Non era infrecuente que nos rexistrase a policía”

O Galo comezou a súa actividade cunha exposición de pintura galega que abriu Vicente Risco cun relatorio sobre Galicia e a revolución estética. As clases de galego, a Escola Galega de Teatro, grupos de música e danza ou ciclos de conferencias foron outras das propostas máis salientables da programación desta asociación compostelá, que tivo unha ampla participación na vida universitaria da época. En Lugo fundouse no 66 o Club Cultural Valle-Inclán. Xesús Alonso Montero sitúa na tertulia do café Méndez Núñeza a orixe de moitas actividades como a celebración dun “reivindicativo” Día das Letras no 63. 

O Facho celebrou na Coruña -a terra de Cova Céltica ou das Irmandades da Fala- cursos de galego, recitais de poesía, ciclos de conferencias, grupos de teatro, concursos de contos ou exposicións. A andaina desta asociación comezara tras unha convocatoria realizada a través dos medios de comunicación, despois da creación, por parte da Academia Galega, do Día das Letras. A Asociación Cultural de Vigo impulsou iniciativas como relatorios sobre política e economía, concertos ou campañas en favor do uso do galego. “Non era infrecuente que nos rexistrase a policía, nos chamasen a declarar ou nos impuxesen multas”, salienta Camilo Nogueira no libro da exposición.

En Pontevedra naceu Os Novos, agrupación que non contou coa autorización do Ministerio de Gobernación. Xermolou despois o Ateneo. En Ourense xurdiu a Agrupación Cultural Auriense, que segundo o relato que achega Afonso Vázquez Monxardín, evolucionou cara ao “soberanismo antiautonomista e rupturista”, o cal fixo que membros do antigo PSG se fosen afastando. No Ateneo de Ourense confluíron persoas que procedían de distintos colectivos, -malia que a proposta de crealo viñera do propio Ministerio de Información e Turismo, daquela con Manuel Fraga á cabeza-.

Da Mostra de Ribadavia ás Xornadas de Cine de Ourense

As asociacións culturais tiveron, así, un relevante papel na dinamización do teatro, o cinema ou a música. A Agrupación Cultural Abrente creou a Mostra de Teatro de Ribadavia. O dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo dirixou o grupo de teatro do Facho. As Xornadas de Cine de Ourense naceron por impulso da Auriense e o Cineclub P. Feijóo. O movemento cineclubista dos 50 foi un dos piares dos que agromaran despois a asociación Valle-Inclán de Lugo ou Abrente de Ribadavia. Do mesmo xeito, o activismo cultural contestou a imaxe folclórica que o franquismo, a través da Sección Feminina, quixo darlle á música e a danza galega.

Nos anos 70, a militancia nacionalista organizada desenvolve como parte da súa estratexia a “entrada” nas asociacións culturais, -o Frente Cultural, por exemplo, será un dos eixos de acción da AN-PG-. A exposición ‘Un canto e unha luz na noite’ interpreta á luz desde feito os “receos e desavinzas” que xorden así no asociacionismo cultural, con diverxencias entre “comunistas” e “nacionalistas”. Xa antes, as discusións no seo do galeguismo afectaran dun ou outro xeito á actividade asociativa.

O Galo comentaba na exposición que organizou o ano pasado que se producira, a primeiros dos 60, un parón da súa actividade relacionado coa “frustrada tentativa de activar o Consello da Mocidade, a maiores de certas intrigas e excesos de celo co fin de impermeabilizar O Galo «dalgunhas correntes ideolóxicas» que podían desequilibrar a correlación de forzas e, consecuentemente, «perturbar» os obxectivos da nacente agrupación”. No Consello da Mocedade integráranse membros de Brais Pinto situados á esquerda do anticomunista Ramón Piñeiro. Despois foron expulsados, e esta ruptura terá moito que ver coa fundación da UPG.