WOS INC, a cultura nunha incubadora

Imaxe do Wos Inc Dominio Público Praza Pública

Música, monólogos, videoregueifas, coloquios, gastronomía. Zona C, Sala Capitol, Mercado de Abastos. Red Fang, Miguel Noguera, A Place to Bury Strangers, El Hematocrítico, Jupiter Lion, Chicharrón, El Mundo Today... Ao longo de toda esta fin de semana Compostela convértese nun escenario de creación cultural, nunha incubadora de ideas ou máis ben unha cocteleira na que todo se mestura. O festival WOS INC celebra a súa primeira edición, inzando a cidade de propostas moi escollidas, na vangarda da cultura galega e de fóra.

A música é fío condutor e o prato forte dunha programación moi ampla, que ofrece debates, artes escénicas ou exposicións fotográficas distribuídas por todo o centro da cidade, dende o CGAC ao Teatro Principal, a Fundación Granell ou a Igrexa da Universidade. "Wos Inc nace como incubadora de ideas, a partir dunha proposta que facemos dende a produtora Work on Sunday, pero na que despois entra a traballar moita outra xente de Compostela e de toda Galicia, de distintos ámbitos culturais. Vimos que estabamos facendo cousas moi interesantes por separado, e a idea era unirnos e traer unha proposta que fose máis aló dun festival", explica Cristina Miranda, responsable de comunicación da produtora, que destaca a boa acollida que tivo entre o público. "É un tipo de evento que até agora non se fixera en Galicia, tomando como referencia o SXSW de Austin, salvando as distancias: un evento que propón crear contidos utilizando como escenario o conxunto da cidade", engade.

O festival comezou este venres, pero vivirá este sábado e o domingo os seus dous días máis fortes (pódese consultar a progración aquí). "Tentamos traer cousas que habitualmente é complicado ver en Galicia, propostas que son minoritarias e que nos parecen interesantes", explica Cristina Miranda, que incide na vontade do festival de combinar propostas "tanto de fóra coma de aquí, para establecer un diálogo no que as propostas de fóra sirvan para alimentarnos aos que traballamos aquí na cultura, e para que se dean a coñecer as moi interesantes propostas que se están a facer en Galicia".

Deste xeito, canda aos Red Fang, A Place to Bury Strangers, White Hills, Cave, James Blackshaw, Ensemble Economique, Jupiter Lion ou Sonic Jesus, atopamos unha boa selección dalgunhas das bandas emerxentes máis destacadas de Galicia: Unicornibot, Guerrera, Orquesta Metamovida, Chicharrón, Puma Pumku, Grampoder, Músculo!, Camarada Nimoy ou Jay. A proposta musical complétase co WOS INCLUBBING, "un mini festival dentro do propio evento" e que este sábado pola noite pechará a xornada na Fundación SGAE.

O WOS INC nace con vontade de asentarse, e os seus responsables xa teñen na cabeza unha segunda edición na que, destacan, queren incrementar o peso e a calidade das propostas artísticas non musicais

O WOS INC nace con vontade de asentarse, e os seus responsables xa teñen na cabeza unha segunda edición na que, destacan, queren incrementar o peso e a calidade das propostas artísticas non musicais. De todos, os xeitos, canda aos concertos e DJ's, o festival permitirá ver por vez primeira en Galiciael o Ultrashow de Miguel Noguera, ou o monólogo ¡Pelea! do escritor Kiko Amat ou as performances de Carolina Fernández.

Ou coloquios sobre o humor, coa participación de Xavi Puig (creador e director de El Mundo Today), El Hematocrítico, Iago Fernández (periodista e editor de VICE en Madrid) ou Manuel Bartual (debuxante, guionista e director de Caramba! Comics). De igual xeito, na xornada do domingo a zona C acollerá unha videorregueifa entre os personaxes de dúas das webseries máis seguidas en Galicia: El Viudo Quiere Mimos e Ángelica & Roberta

Miguel Noguera Dominio Público Praza Pública
A Place To Bury Strangrers Dominio Público Praza Pública
Cartaz do Wos Inc Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.