A USC prepara un curso de experto en xestión cultural

O curso conta con tres módulos independentes Dominio Público Praza Pública

A Universidade de Santiago (USC) está a piques de poñer en marcha un Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, de 160 horas de duración, que nace co obxectivo de dotar a profesionais e activistas da cultura "de novas ferramentas para mellor deseñar e coordinar toda clase de proxectos culturais, facilitar o acceso ao financiamento preciso para facelos viables, e dotalos da notoriedade e proxección social para que cheguen con nitidez aos públicos". A inscrición pode realizarse a través da propia web do curso.

Componse dun módulo de Xestión de Proxectos Culturais (60 horas) e de dous módulos de perfeccionamento: Financiamento Cultural (50 horas) e Marketing Cultural e Xestión de Públicos (50 horas)

O curso está impulsado pola profesora de Economía Aplicada Isabel Neira, e os xestores cuturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago e contará con 30 expertos e expertas de toda a Península. Insírese nos programas de formación continua da USC, polo que presentará un enfoque eminentemente práctico. Está destinado a profesionais en activo, desempregados, dinamizadores e amantes da cultura e estudantes que queiran orientar a súa vida laboral neste eido. Componse dun módulo de Xestión de Proxectos Culturais (60 horas) e de dous módulos de perfeccionamento: Financiamento Cultural (50 horas) e Marketing Cultural e Xestión de Públicos (50 horas). Cada un dos módulos pódese cursar de forma independente, buscando unha flexibilidade no acceso e unha mellor compatibilidade coa actividade laboral ou educativa.

Os responsables do curso explican que "para o día a día dun profesional da xestión de proxectos resulta imprescindíbel contar cunha rede de expertos colaboradores e aprender a traballar de xeito horizontal e aberto". Cada bloque temático inclúe tamén visitas a espazos culturais e mesas redondas con presentación de experiencias e exemplos de boas prácticas.

"Para o día a día dun profesional da xestión de proxectos resulta imprescindíbel contar cunha rede de expertos colaboradores e aprender a traballar de xeito horizontal e aberto"

Entre o profesorado encargo de impartir as distintas materias no curso destacan Fátima Anllo (directora do Máster en Xestión Cultural da Universidad Complutense de Madrid), Juan Freire (ex-decano da Facultade de Bioloxía da UdC e fundador de Team Labs), Pau Rausell (experto en economía da cultura e profesor da Universidade de Valencia), Roberto Gómez de la Iglesia (fundador do grupo empresarial vasco Xabide e consultor en innovación cultural) ou Susana Marques (socia da empresa de xestión cultural Setepés e profesora da Escola Superior Artística do Porto). Entre o profesorado galego, atópase Encarna Lago (xerente da Rede de Museos Provinciais de Lugo), Natalia Balseiro (ex directora do Centro Coreográfico Galego), Fuco Sanjiao (profesor titular da USC e secretario do Museo do Pobo Galego), Julio Gómez (empresario cultural e promotor de Sinsal Audio), Juan Paz (brand manager de Estrella Galicia), Paulo Rodríguez (director do Teatro Rosalía de Castro e presidente da Red Española de Teatros y Auditorios) ou Manuel Gago (profesor da USC e director de www.culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega).

O curso conta con tres módulos independentes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.