0 Gardados para despois

“As guerrilleiras eran mulleres cun compromiso político inequívoco”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que darlle explicacións a ninguén". Quen fala así é Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’, unha das protagonistas do ensaio de Aurora Marco ’Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ (Laiovento).

Os golpistas chamábanlles as ‘queridas’ dos ‘bandoleiros’. E exercían sobre elas unha sorte de represión que engadía á absoluta brutalidade empregada cos homes un elemento patriarcal, do que a máxima expresión era o abuso sexual. Querían escarmentar a unha caste de mulleres que desafiaban o réxime coa súa liberdade. Que transgredían o rol tradicional na que o franquismo quixera confinalas.

Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas

Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas. Vivía nos chozos da Cidade da Selva, en Casaio, no medio da precariedade. Ela e a súa irmá Antonia foran enlaces desde que os seus irmáns se botaran ao monte no 1939. E chegou un momento no que tivo que escoller entre subir ela tamén ou morrer. E historias como a de Chelo hai máis. Só que non foran contadas. A profesora Aurora Marco decidiu, entón, romper co silencio. Co esquecemento. E durante catro anos realizou unha investigación cuxos froitos recollen o libro ‘Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ e o documental ‘As silenciadas’, dirixido por Pablo Ces.

A participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime

Marco ten claro que a participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Independentemente das relacións familiares e/ou sentimentais que puidesen unilas cos homes. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime. O perigo que entrañaba calquera apoio á guerrilla -familias enteiras foron fusiladas por facelo- obriga a descartar, segundo a autora, a imaxe que delas quixo proxectar a ditadura, como “amantes” dos guerrilleiros. “Eran mulleres cun compromiso político, e público, inequívoco”, sinala.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“É tan importante ou máis a retagarda que a vangarda"

Por que o seu papel na guerrilla non foi, daquela, recoñecido como merecían?, pregúntase a investigadora. En realidade si se publicaran algúns libros, como ‘Letras armadas: as vidas de Enriqueta Otero Blanco’ do historiador Ángel Gallardo, ou ‘Testimonio de la guerra civil’ de Isabel Ríos, xunto con estudos sobre Josefina Gallego Abeledo, Manuela López ou a propia ‘Chelo’. Só que no relato que se foi construíndo sobre a guerrilla, a relevancia das mulleres foise recoñecendo de xeito máis tardío que a dos homes.

Aurora Marco formula varias hipóteses sobre os motivos. Un, a concepción militarista da guerrilla, que a define en termos de combates. “Nunha guerra de guerrillas, é tan importante ou máis a retagarda que a vangarda. As enlaces ou guerrilleiras da chaira non só se ocuparon da intendencia. Trasladaban cartas, avisaban da chegada da Garda Civil, abrían novas casas para refuxio dos guerrilleiros... ”, salientou.

Foron poucas, en termos estatísticos, as que subiron ao monte. E as que o fixeron participaron nos combates, nos golpes económicos, nas discusións políticas e nos órganos de propaganda... “Eu creo que houbo, en xeral, moito respeto por elas. Camilo de Dios, por exemplo, recoñeceu que a supervivencia da guerrilla foi posible grazas ás mulleres”, lembrou. Francisco Rey Balbís ‘Moncho’ amósase de acordo con esta percepción no testemuño que del recolleu Xosé Neira Vilas en ‘Guerrilleiros’.

En termos semellantes xulga o papel das mulleres un dos historiadores de referencia sobre o tema, Hartmut Heine, para quen sen elas a guerrilla non chegaría a durar nin un ano. Malia que na súa obra 'A guerrilla antifranquista en Galicia’, unha das pioneiras, publicada por Xerais a primeiros dos anos 80, non lles prestase moita atención.

Unha transición deslexitimadora da loita armada contra o fascismo

Os prexuízos patriarcais non afectaron só a óptica franquista, -e esta é outra das hipóteses da autora-. Tamén aos propios guerrilleiros. Algunhas veces, a vía foi a mitificación do guerrilleiro como gran sedutor -excepcional, segundo Marco-. Outras, unha concepción das mulleres centrada na súa vida persoal máis que na súa actividade no ámbito do público, do político. Cando Marcelino Fernández Villanueva ‘Gafas’ é entrevistado polo xornalista Carlos Reigosa para o libro ‘O regreso dos maquis’, o guerrilleiro fala de “ciumes” entre compañeiros cando había mulleres no monte.

Alén diso, haberá, seguramente, historias que non se queren contar. Porque se as autoridades franquistas sabían que a guerrilla non podía sobrevivir sen o apoio das mulleres, a presión que sobre elas exerceron deu lugar a capítulos non tan heroicos. O propio Carlos Reigosa encárgase no libro antes citado de limpar a imaxe de Alida González, que fora acusada de traizoar a Manuel Girón. Por outra banda, a guerrilla viviu varias etapas, e foi perdendo apoio social cara ao final, cando o traballo dos e das enlaces se fixo especialmente arriscado.

Outra cuestión é a percepción das propias mulleres sobre o seu papel na guerrilla. O historiador Julio Prada achega a súa visión sobre isto no libro ‘As mulleres en Galicia no século XX’, (Ir Indo). Apunta a “escasa predisposición das mulleres á hora de reivindicar a súa experiencia como participantes na loita armada contra o franquismo”. E sinala varios factores que poderían explicalo. Dunha banda, a proscrición que este xeito de resistencia padeceu, reforzada cunha transición sacralizadora do “consenso" na que o uso das armas contra o fascismo “non foi ‘lexitimada’ social e institucionalmente”.

Cando a consolidación da democracia fixo posible a “recuperación da memoria”, -engade Prada-, o papel das mulleres foi “minusvalorado”, pois o relato resistente presentou como os “auténticos loitadores antifascistas” aos homes botados ao monte. E aínda máis: tanto os guerrilleiros como as autoridades franquistas -asegura- tenderon a non consideralas suxeitos autónomos, senón compañeiras dos combatentes: nai, irmá, noiva...

No imaxinario colectivo quedaron, ademais, -reflexiona Prada- sinaladas como as “queridas” dos “roxos”. Por iso, -comenta-, a súa reivindicación da súa dignidade como mulleres e do seu vínculo sentimental cos homes, por riba mesmo do seu propio compromiso ideolóxico, pode entenderse como unha esixencia de desagravio, un acto de afirmación fronte á perspectiva oficial imposta polo franquismo.

“Os fascistas chamábanlles as ‘queridas’ porque relegar as mulleres era parte da súa ideoloxía”

O ex-guerrilleiro Francisco Martínez López, ‘Quico’, ten claro que “o papel das mulleres na guerrilla foi fundamental polo seu traballo na clandestinidade, como enlaces. Nun primeiro momento, ‘disimulaba’ máis se o facían as mulleres. Algunhas subiron ao monte despois. Tiñamos a guerrilla de monte e a de chaira, e elas traballaron moito por exemplo no servizo de información. Os fascistas dicían que eran só as ‘queridas’ porque era a súa mentalidade. Porque relegaban sempre as mulleres, e iso era parte da súa ideoloxía. Eran mulleres republicanas; podían non ter parte delas unha posición política moi definida, pero o mesmo pasaba cos homes. Eu mesmo aprendín moito na guerrilla, e a composición ideolóxica da Federación era moi plural. Non importaba tanto con que partido concreto te identificabas”.

O investigador Alejandro Rodríguez, que realiza unha tese sobre a Federación de Guerrillas de Galicia-León, amósase de acordo con Quico. “O papel das mulleres como enlaces foi fundamental, e nese aspecto foi igual de relevante que o dos homes. No monte tiveron menos presenza. E fixérono máis tarde, non desde o 36 senón máis adiante, cando sabían que podían volver ao cárcere, volver ser torturadas, que podían matalas... Na guerrilla podemos distinguir unha primeira xeración, desde os primeiros meses da guerra ata o 39-40. E unha segunda, na que as mulleres tiveron máis protagonismo, nos 40. Tamén dependía un pouco da persoa: ‘Chelo’ decidiu coller as armas, pero súa irmá non quixo”.

O profesor Emilio Grandío subliña, ao respecto, as distintas fases da guerrilla. “O papel das mulleres foi, sobre todo, o de enlace. É a partir do 41-42, e sobre todo do 45-47, cando entran as mulleres cun obxectivo político claro”, di. Así, botando un ollar á propia evolución da guerrilla, vese que as pautas non foron tan diferentes das masculinas. Tamén os homes foron primeiro fuxidos que subiron ao monte, tras o golpe do 36, para evitar que os matasen. As estruturas organizadas xurdiron despois. No 1942, coa Federación. E a partir do 1946, co Exército Guerrilleiro, no que o Partido Comunista tivo a hexemonía ideolóxica. “É certo que a historiografía, nun primeiro momento, se centrou moito máis no monte que na chaira. E sen a xente da chaira, mulleres e homes, a guerrilla non tería futuro”, sinala Rodríguez. Do mesmo xeito, había tamén máis homes na chaira que no monte.

“Non quedou máis espazo público que o oficial"

Emilio Grandío é tamén o coordinador doutra obra arredor da memoria histórica que Laiovento acaba de tirar do prelo. Trátase de ‘Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil’ (1936/1939), que axuda a comprender o grao de control ao que estivo sometida toda a sociedade, enlaces incluídos.  “Non quedou máis espazo público que o oficial. A poboación foi permanentemente controlada, vixiada”, sinala o historiador. E este é un dos factores que explican a permanencia da ditadura durante 40 anos.

“O obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que o Estado era unha especie de ‘gran hermano’ vixiante. Non se admitía o debate, nin a discrepancia, nin a controversia. Todo era oficial. Só había unha única opinión, amplificada logo nunha cadea social de transmisión xerarquizada”, explica no limiar da obra. Así, -indica-, a imaxe da Galicia “pacificada” revélase falsa á luz dos informes do propio Estado, que máis ben apuntan na dirección da “desconfianza na sociedade”.

Javier Rodríguez esculca, nesta obra, nos procesos de control social e a importancia da propaganda tradicionalista, ultracatólica, ultranacionalista, antiliberal e antiparlamentaria, así como da complicidade de elementos da oligarquía rural ou da Igrexa; Grandío percorre a formación e desenvolvemento dos servizos de vixilancia e investigación; Manuel Pérez detense na praxe do control, concluíndo que o sistema era o característico doutros réximes totalitarios da Europa do momento; Rosalía Regueiro analiza o ficheiro da Delegación de Orde Público da Coruña; María del Pilar Mera repasa a represión da masonería e Xurxo Pantaleón apunta ao intento de construción, desde o primeiro momento, dun réxime autoritario, de marcados trazos “totalitarios e integristas”.