"A risa é unha forma de resistencia"

Capa do número 2 © Revista Mongolia

É martes 26 de abril. O segundo número da revista satírica Mongolia, recén estreada nos quioscos, esgótase seis días despois da súa distribución, o que lles obriga a sacar unha segunda edición de dez mil exemplares. Ese mesmo día Praza ten unha cita con Fernando Rapa, un dos codirectores. "Pregunteille a un quiosqueiro pola revista. Espetoume: 'Foder, macho, coa revista Mongolia. Chegáronme tres exemplares e vendinos o primeiro día. Desde entón veñen en veintenas a preguntar por ela. Non pensei que fora a venderse tanto'". "Que pasada -di Fernando Rapa- Sabiamos que a xente quería un producto así, pero non imaxinamos nunca que sucedería isto".

Mongolia é unha revista satírica de periocidade mensual que entrou de cheo nos quioscos a finais de marzo, no medio dunha tormenta que asola á prensa escrita do país. Lonxe de considerar este feito desalentador, como explicaron no seu lanzamento, é para eles “un aliciente”. “Consideramos que o humor é o mellor antídoto ante as dificultades e o papel un soporte de comunicación que aínda ten moito recorrido se se sabe explotar en sintonía cos novos soportes dixitais”, explican na súa web. Para Rapa, o máis importante de Mongolia é que se trata dun medio feito por profesionais do sector que foron desprazados. “Botáronnos do traballo e ademáis todos vimos como nos últimos anos as colaboracións dos que eran freelance ían quedando fora. O esencial é que creamos a revista que queriamos ler”.

"A xente estaba esperando un produto como Mongolia. O que me máis me gusta ver é como gusta tanto á xente xoven como aos maiores, estes últimos sobre todo porque recordan a época na que tiñan nas súas mans, por exemplo, Hermano Lobo"

Hai quen podería pensar que é unha locura sacar agora un produto en papel.

En realidade, o papel sepultouse antes de tempo. O que sucede agora mesmo é que hai produtos moi semellantes nese soporte, pero ese feito deixa moito espazo para facer cousas diferentes, cousas que aínda non se probaron. A xente estaba esperando un produto como Mongolia. O que me máis me gusta ver é como gusta tanto á xente xoven como aos maiores, estes últimos sobre todo porque recordan a época na que tiñan nas súas mans, por exemplo, Hermano Lobo. Para os primeiros é algo novo.

O máis parecido agora é El Jueves.

El Jueves é outro tipo de humor. Así como en política, deportes... Hai diferentes campos que se poden tocar, no humor tamén. Hai moitos niveis de humor: está o satírico, debuxado... Sucede o mesmo na televisión, onde podes ver por un lado a José Mota e por outro a Muchachada Nui. O satírico desde sempre foi un costume moi español, que non sei por que desde hai un tempo foi quedando só en El Jueves, pero que non é exactamente un satírico. A min gústame definir a nosa revista como un rir e chorar. Tes unha primeira parte moi salvaxe, onde rimos a saco de todo, e logo temos información seria que é para chorar vendo o que está sucedendo. Pero aquí hai lugar para moitas máis publicacións desde tipo. Ogallá salgan máis e fagamos piña.

"O satírico desde sempre foi un costume moi español, que non sei por que desde hai un tempo foi quedando só en El Jueves, pero que non é exactamente un satírico"

Ademáis de Hermano Lobo, cales son os vosos satíricos de cabeceira?

El Satiricón, Mengano, Mad, La Codorniz, as revistas francesas como Le Canard Enchaîné, a revista Barcelona...

Pasou algo en España para que se perdera ese costume dos satíricos?

Penso que todo se debe a situación que se foi vivindo nestes últimos anos. Como en diferentes ámbitos, fomos acomodándonos, apalancámonos. Aquí produciuse un proceso bestial no que a xente comezou a hipotecarse de por vida e de súpeto a máxima preocupación foi únicamente coidar o cu no traballo por un medo fundado de quedar sen nada. Houbo un medo tremendo a perdelo todo, a criticar e que te foderan no curro. Agora a situación está a cambiar. A xente comeza a perder o medo. A min isto recórdame moito ao menemismo en Argentina, cando a xente só pensaba en consumir e en conseguir guita e máis guita. E pasou o que pasou. Pero iso ao final provocou que a xente comezase a dedicarse ao que realmente quería. Non quero entrar no tópico de que a crise é unha apertura de oportunidades pero si que é certo que moitas persoas pensan: “se nos van foder, que sexa facendo o que realmente queremos facer”.

Aquí en España pode haber un despertar similar ao de Argentina. Por exemplo, alí a revista Barcelona naceu despois de todo ese proceso de crise, como agora nace Mongolia. De feito, Barcelona é como unha curmá nosa. Temos moita complicidade con eles. Antes de xurdir Mongolia, falamos e non dubidaron. Dixéronnos que para adiante, que unha revista así era necesaria.

"Aquí produciuse un proceso bestial no que a xente comezou a hipotecarse de por vida e de súpeto a máxima preocupación foi únicamente coidar o cu no traballo por un medo fundado de quedar sen nada. Houbo un medo tremendo a perdelo todo, a criticar e que te foderan no curro"

Pero si parece que a política española non ten moito sentido do humor.

Por desgracia, non. O que pasou cos guiñois franceses foi patético. Tirámonos dos pelos porque uns bonecos de peluche falaron mal duns deportistas. Non se dan conta de que iso é humor? A sátira é vital, necesaria, poder rirse dun mesmo é esencial. Non podemos cortar a sátira. Cando nos rimos en Mongolia, en realidade, estamos a rir de nós mesmos, non doutros. Se rimos dun político, estamos a rir do noso político. Alguén pode pensar que somos antiespañois pero non é certo. Ríome de min mesmo. Non podo rir dunha persoa de Portugal, por exemplo, porque non a coñezo. Eu por exemplo, son arxentino e cágome da risa co humor que hai sobre nós, iso do egocentrismo... É verdade! É moi saudable rir dun mesmo. Nestes tempos de crise, o humor é un remedio vital. Primeiro porque a risa é como unha forma de resistencia e segundo porque tamén serve como crítica.

Tedes constancia dalgunha opinión do Goberno ou da Casa Real sobre a revista?

Non, pero seguro que teremos noticias deles.

"Un secuestro sen dúbida sería bo para publicitar a revista, pero fatal para a idea dun corpus democrático. O retroceso sería bestial. De todos modos, si que temos un equipo de avogados"

Temedes un secuestro?

A verdade é que non me gustaría que pasese, iría en contra de todas as liberdades. Sen dúbida sería bo para publicitar a revista, pero fatal para a idea dun corpus democrático. O retroceso sería bestial. De todos modos, si que temos un equipo de avogados. Foi o primeiro que saímos buscar. Todos sabiamos que cun produto así hai que estar ben preparado. Todo o que publicamos pasa antes por eles, aínda que ata o de agora non nos quitaron máis que algunha coma. Iso é bo.

"Ás veces non nos damos conta de en que locura vivimos coa monarquía. É un símbolo moi patético e está fatal iso de alimentar zánganos"

Unha portada de El Jueves sobre a monarquía foi secuestrada no seu día. E a última vosa... (“El rey podría violarte”, reza a tapa do número dous de Mongolia).

O peor é que máis que un chiste, a nosa tapa é verídica! A constitución di que o rei é inimputable! Ás veces non nos damos conta de en que locura vivimos coa monarquía. É un símbolo moi patético e está fatal iso de alimentar zánganos.

Capa do número 2 © Revista Mongolia
Contracapa do número 2 © Revista Mongolia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.