Sete días de rebeldía e pallasos en Lugo

Código Morsa será un dos protagonistas na primeira xornada do Festiclown Lugo Dominio Público Praza Pública

Máis de vinte actuacións encherán de sorpresas, risas e compromiso social as rúas da cidade lucense. Ese é o espírito do Festiclown -organizado por Pallasos en Rebeldía e dirixido polo clown Iván Prado-, que ademais neste 2014 celebra o seu quince aniversario. Para festexalo repite por segundo curso consecutivo a fórmula de multisede, de xeito que visita este ano tres continentes. Antes do verán, o festival achegouse a Rivas-Vaciamadrid e Brasil, onde animou unha das favelas máis grandes do país. Xa en setembro, San Fernando de Henares converteuse nunha nova parada e agora o traxecto remata en Lugo e Cisxordania, que recibirán ao Festiclown de forma simultánea.

Lugo recibirá a visita de clowns e artistas de prestixio internacional. Peter Punk, Os Sete Magníficos máis 1, Código Morsa, Circo Chosco, a Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Fanfarria Taquicardia ou o alemán  Djuggledy serán algúns dos artistas que intervirán. Precisamente Código Morsa serán os encargados de abrir este sábado 4 a programación nas rúas co seu espectáculo Supergalácticos, na Praza do Campo ás 17 horas. A partir dese momento arrincará un completo programa de actividades que terá lugar entre o 4 e o 11 de outubro, coincidindo coas Festas de San Froilán.

Peter Punk, Os Sete Magníficos máis 1, Código Morsa, Circo Chosco, a Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Fanfarria Taquicardia ou o alemán  Djuggledy serán algúns dos artistas que intervirán

O Festiclown divide a súa programación nunha serie de apartados. O primeiro deles é a Mostra Internacional, que contará coa participación do clown Peter Punk, da compañía Mundo Mandarina, do mago Miguelillo e do artista alemán Djuggledy. O segundo apartado é o Desclowntrol nas rúas, que se encarga de animar Lugo con pasarrúas, actuacións ao aire libre e música a cargo da Magnifique Bande dos Homes sen Medo, de Fanfarria Taquikardia ou Cé Orquestra Pantasma.

O terceiro apartado é o dedicado ao ámbito social e en Lugo estará constituído por unha mesa redonda, na que se analizará a situación teatral en Lugo e a fronteira entre a escena profesional e a amadora.  Celebrarase o xoves 9. Ademais, o Centro Cultural Uxío Novoneyra acollerá unha mostra sobre as actividades levadas a cabo en Palestina por Festiclown –que estará a disposición do público dende o venres 3 de outubro-. Tamén está prevista o martes 7 a proxección do documental Tres miradas, dous obxectivos no mesmo recinto, unha fita asinada por varios autores sobre a situación nos territorios ocupados.

Un dos apartados máis importantes do Festiclown dende a súa fundación fai quince anos é o dedicado á formación. Neste tempo, realizáronse máis de 150 cursos e obradoiros nos que asistiron preto de dúas mil persoas. En Lugo, será o propio Iván Prado quen imparta un curso en sesión partida entre o venres 10 e o sábado 11 titulado Pallaseando a existencia.

 

En paralelo, en Palestina

Dende o 1 de outubro, ademais, o Festiclown está en Palestina, nas cidades de Nablus, Ramala e Xerusalén, que até o día 9 acollerán distintas actuacións en apoio das vítimas de Gaza

Dende o 1 de outubro, ademais, o Festiclown está en Palestina, nas cidades de Nablus, Ramala e Xerusalén, que até o día 9 acollerán distintas actuacións en apoio das vítimas dos ataques israelís sobre a poboación civil en Gaza. Ademais do prestixioso actor e clown Pepe Viyuela e do propio Iván Prado, tamén participan artistas recoñecidos no ámbito circense, como o escocés Johny Melville, os brasileiros da compañía Traço e os españois Kanbahiota, Pablo Muñoz e Daviz Cebrián, a italiana Laura Mandarina e o arxentino Marcelo González. O músico madrileño Mr. Kilombo tamén se desprazou a Palestina co festival para darlle un toque musical á programación, que se completará coas actuacións de compañías locais.

Código Morsa será un dos protagonistas na primeira xornada do Festiclown Lugo Dominio Público Praza Pública
Programa do festival Dominio Público Festiclown

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.