Tres sábados marabillosos no Outono Festival

Hanna Williams © La Diapo

Tres sábados marabillosos. Iso nos regalou Raíña Productions e A Reixa, co patrocinio de Martín Códax... Outro Outono Festival de sorprendente calidade, algo que a estas alturas xa damos por sentado.

É un auténtico privilexio para Santiago de Compostela que se realicen eventos desta magnitude. Se en anos anteriores a calidade musical -e histórica- foi pasmosa (LaLa Brooks das Crystals, Maxine Brown, Barbara Lynn, The Chiffons...), nesta edición non se perdeu un chisco de bo gusto, elegancia e excelencia. Unha cerimonia cada vez mais prestixiosa para emocionarse cunha epifanía de soul, blues, rhythm & blues, rock and roll, country... e o que faga falla.

Seguen presentes este outono os grandes nomes da música popular contemporánea, as mellores bandas da actualidade musical internacional e ese saudable oco para os conxuntos que traballan esta morea de gloriosos xéneros en terras galaicas.

 

I

Vaiamos por partes: O sábado 20 de setembro comezou a festa na compostelá Sala Capitol. Abriron os galegos The Lakazans, que mesturan con descaro clásicos do blues, soul, rock ́n roll e country, ademais de algunha que outra canción propia. Músicos competentes, dúas boas voces femininas e un excelente armonicista que cumpriron á perfección a súa función de ir caldeando a velada.

Unha temperatura que se elevou cando saíron ás tablas os portugueses TT Syndicate. Trátase dun grupo realmente divertido que supurou rhythm & blues polos catro costados e cuxo delirante e engomiñado frontman mesturou bo humor, rock and roll e monólogos en portuñol para delicia dunha audiencia cada vez mais entregada. Boa música interpretada dende Oporto para o mundo.

Tras isto chegou o prato forte da noite: a banda de Sonny Knight, os Lakers. Despois de unha intro estilo soul do “Sweet Leaf” de Black Sabbath (!!) que deixou á audiencia coa boca aberta, o home saíu ao escenario desprendendo magnetismo e carisma. Natural de Mississippi (USA), este ex-camioneiro, ex-combatente de Vietnam e músico cunha carreira marcada pola mala sorte (mais de tres décadas intentando ocupar o posto que lle corresponde entre o mais alto da música negra) deixounos claro que aos seus 66 años ao fin está saboreando o éxito que inexplicablemente lle foi negado todo este tempo.

Knight non parou de roer nun chicle en todo o concerto, sen por isto mermar o mais mínimo a súa mais que evidente calidade vocal e, toalla en man para secar o inevitable suor que provoca a súa música, ametrallou ao público con munición pesada de xenuino funky e soul. Un excelente setlist no que se incluíu, a parte dos mellores temas do seu álbum “I’m Still Here”, unha versión do “Day Tripper” dos Beatles tallada en ébano, un “Did You Sleep Last Night?” de Leadbelly que nos puxo a pel de galiña a todos, e mesmo unha deliciosa “Sugar Man” de Sixto Rodriguez moi ben levada ao seu terreo, xa que as carreiras de ambolos dous artistas teñen moitísimo en común no que á relación entre calidade e éxito se refire.

En total, mais de unha hora de directo sen tregua, na que o esixente público do festival deu renda solta ao baile desenfreado e rendiu pleitesía a un deses casos de soulman esquecidos e xustamente recuperados grazas a festivais como o Outono.

 

II

Na segunda noite do festival (sábado 27) xa se respiraba a expectación. Moito mais público ateigou a Capitol para ver a unha auténtica lenda da música. Pero antes, había que ir entrando en materia, e iso proporcionáronnolo The Absenters. Estes coruñeses saben tocar e a simpática (e visiblemente emocionada) Carla Green sabe cantar. Mágoa que o técnico de son non lle dera un pouco mais de volume. En fin... non me ía queixar, xa que en poucos minutos aparecería ante min unha das grandes lendas do soul de todos os tempos, cuxo nome merece estar xunto ao de Aretha ou Etta James.

A mesmísima Irma Thomas en persoa, arroupada por un grupo de excelentes “músicos mercenarios” españois (Julián Maeso ao teclado, entre outros...), obsequiounos cunha das noites mais emocionantes do festival.

73 anos moi ben levados os desta muller, que tras descalzarse uns zapatos que parecían incomodala, trasladounos esa noite directamente a Nova Orleans. Unha noite calenturienta, máxica, sensual e sudorosa, plena de Música con maiúsculas, como se a Capitol de Santiago virase de súpeto nun escuro tugurio de Louisiana.

E a Thomas desencadearía pouco a pouco o seu propio Katrina, saído dunhas cordas vocais sobrenaturais, que devastou como un furacán sónico os nosos oídos e as nosas almas.

Soul do bo, lento ou rápido, pantanoso ou sofisticado... Todo xenial. Dende “Breakaway”, “Cry On” e “Hitting on Nothing”, tan ben versioneadas fai uns anos polos Detroit Cobras, ata os seus inmortais éxitos dos 60’s “Take a Look” ou “It’s raining”, pasando, por suposto, polo seu “Time is on my Side”, que como moi ben explicou, xa gravara moito antes que Jagger e Richards a fixeran pasar por súa.

Que excelente concerto nos dou esta señora...! Humilde, aínda que presumindo de galardóns (ese Grammy, ese Blues Hall of Fame...). Sempre sorrinte, aínda que malhumorada nalgún momento concreto (“No more smoke...”, amenazou ao técnico que se pasou co fodido falso fume...), auténtica e honesta como poucas (recoñeceu que tiña que facer uso dun Ipad para lembrar esas letras que non cantara en anos... “e como sigades bebendo, vós tampouco lembraredes...”), e ás veces sibilina, improvisando casi a capella un "I've Been Loving You Too Long” de Ottis Redding para horror duns músicos que non o esperaban.

Non importou... Todos eles cumpriron acompañando moi eficazmente a esta monarca do soul e estimulando a cada tema a alma da audiencia como só esta música pode facelo. E como colofón, unha apoteósica “Forever Young” de Dylan, que chegou a provocar torrentes de bágoas en mais dun duro rockeiro. Todos nos emocionamos con ela, e agradecida, retirouse acompañada dun marido/manager/gardacostas, curioso personaxe que xa aparecera varias veces no escenario cunha copa de coñac na súa man chea de aneis de ouro.

En resumo, un xenial e emocionante concerto, no que os seus músicos deron a talla sobradamente (e levantaron mais de unha ovación), e ela brilou como o que é: unha raíña.

 

III

O terceiro día (11 de outubro) púxose a guinda deste suculento pastel. Uns espectaculares Mad Martin Trío interpretaron o seu rockabilly a todo volume mentres parecían pasalo de marabilla, e é ben sabido que iso é algo que adoita contaxiarse ao público. Bombardeáronnos cun setlist propio e alleo, interpretado con enerxía e bo facer. Moi boas sensacións deixou o case recen nacido conxunto compostelano para gozar do seguinte prato.

Hannah Williams e os seus Tastemakers son un sólido conxunto británico no que destaca sobre todo a súa líder e voz (tamén ocasional trompetista). A carismática Hannah Williams, descalza sobre o escenario da Capitol, foi unha desas cantantes que o sacrifican todo por transmitir sentimento cunha voz desgarradora, aínda que esta saia da súa gorxa como un torrente sen domar e desbocado. a súa excepcional voz mostra un abano de matices que van do áspero ao suave, do íntimo ao salvaxe, pero sempre dándoo todo cunha actitude impecable e unha personalidade arrolladora.

Cancións de amor e desamor que non poden ser senón auténticas e vividas, dada a intensidade coa que a vocalista as interpretou. Ás veces case chorando, outras mirando a un membro concreto da audiencia con lascivia (pasándose a lingua polos beizos), moitas veces rindo, bailando e gozando da música, e outras xogueteando co público para ver se facían mellores coros no sector dereito ou no esquerdo.

En definitiva, devorando un escenario que semellaba dominar á perfección. A banda, moi correcta, á altura da súa cantante. Interpretaron temas do seu aclamado álbum “A Hill of Feathers”, ademais de fantásticas versións, como o “I’m a Good Woman” de Barbara Lynn ou o “Sunny” de Bobby Hebb.

Soul e Funk perfectamente interpretado, aínda que se cadra (permítanme esta subxectiva crítica) abusaron demasiado das baladas, edulcorando en exceso a velada, pero permitindo á Williams demostrar que é un dos vozarróns do actual panorama internacional.

O desenfreo; elegante, iso sí; poríano os Giants e o gran Ray Gelato, que teñen o honor de ser chamados “Os padriños do Swing”. O telón foise abrindo e apareceu unha Big Band de sete traxeados membros interpretando Swing, Jump n’ Jive, Mambo, R&B, Tarantela e outras diversas músicas que fixo imposible o non bailar á audiencia.

Se Irma Thomas nos transportara a Nova Orleans o sábado anterior, esta noite Ray Gelato fixo o propio co Cotton Club do Harlem dos anos 40 e 50, e case se podía sentir o espírito de Louis Jordan e Louis Prima no escenario.

Bebendo de vez en cando un vaso de licor ao mais puro estilo crooner, secando o suor co seu pano, e arengando ao público con chasquear de dedos e palmas, Gelato e uns fantásticos Giants parecían sacados dunha película de Scorsese.

Seguramente o Joe Pesci mais enlouquecido tería disfrutado con versións de swing italianizado como “Buona Será Signorina”, “Angelina”, “Oh Marie” ou “I Ain’t Got Nobody”, popularizadas por Louis Prima, “Tu vuo’fa l’americano?” de Carosone ou “That’s Amore” de Dean Martin. E tamén con temas propios como a latina “Mambo Gelato" ou “Bar Italia”. Creo que con tal repertorio, está claro que este británico de nacemento quere resaltar as súas orixes italianas.

Ray Gelato dou mais de unha lección, xa fora pola súa estupenda voz (cantando, ou cun recurrente scat), ou polo seu saber estar no escenario, cunha clase que só se pode ver remitíndonos á vella escola. A metade de concerto, e botando man dunha metáfora púxilística, Gelato regalounos un duelo de saxos tenores entre el (recordemos que a súa gran vocación sempre foi a de saxofonista) e Ollie Wilby, dándonos a oportunidade de ver un excepcional combate entre dous grandes músicos, sen menosprezar aos demás ventos, baixista e piano.

Cara ao final soou a gloria “Night Train” (outra canción versioneada por Prima!) un “Sing, Sing, Sing” ao Benny Goodman (non esquezamos que foi escrita por... Si, outra vez: Mr. Louis Prima!!) que levou á audiencia ao delirio, sobre todo polo impecable solo de batería de Seb Krom, e tras un “Zooma Zooma” que fixo parecer á Capitol a voda de “O Padriño”, xa se vía vir: a inevitable “I’m just a gigolo” deixounos cun excelente sabor de boca.

Un festival extraordinario, outro ano mais. Non quero nin pensar a quen nos van traer no outono do 2015 (porque non repetir en verán, ou en primavera...?) pero eu de vos, amantes da música, xa iría mirando pa adquirir unha entrada. A boa música está garantida.

Irma Thomas © Cris Andina
Lakazans © La Diapo
Absenters © Cris Andina
Ray Gelato © La Diapo
Sonny Knight © La Diapo
TT Syndicate © La Diapo
Mad Martin Trio © La Diapo
O público, no concerto de Ray Gelato © La Diapo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.