Festival do Norte, aínda cos oídos zoando

Montaxe da carpa principal do festival © Iñaqui Abella Diéguez

Aínda con oídos zoando, e o corpo estremecéndose en espera de que as nubes descarguen o que nos perdoaron toda a fin de semana, queda reflexionar como nesta edición 2012 o FDN subiu un chanzo na súa relación co gran público. Aproveitando a popularidade do dúo Alaska & Mario e a revolta Enemiga, o evento conseguiu reunir, en momentos puntuais e de forma masiva, un público diferente ao festivaleiro, publico que supón un apoio imprescindible para poder manter no tempo esta cita co indie.

Nese apartado, o do pop independente, tanto La Casa Azul coma Lory Meyers cumpriron sobradamente expectativas sobre os seus directos, que segundo a opinión xeral, as súas posta en escena, execución e relación co público non teñen rivais neste momento. O resto do FDN segue sendo a pasarela na que coñecer novas propostas e ter a oportunidade de coñecer, en pequeno comité, as bandas que serán constante en eventos de corte similar ao longo do ano.

 

Venres 27

Dirtysocks

Saídos hai anos dos locais municipais de ensaio de Compostela, Dirty Socks enfrontáronse ao papelón de abrir o festival ao tempo que entraban no recinto os asistentes máis madrugadores. Circunstancia que non supuxo a máis mínimo problema para esta banda que, con sobrada profesionalidade, encadeou os seus temas para ir, canción a canción e retrouso a retrouso, sorprendendo aos congregados co seu paseo entre o noise e o postrock, con acenos de new wave entremedias.

O cruce de apreciacións de buscarlles parecido con bandas populares e comentar, ademais da súa insultante xuventude, frondosidade de flequillos e a estampada camisa do guitarrista, foi cedendo a medida que Dirty Socks tiraba de distorsión e de enerxía na voz para marcar a súa personalidade particular e o publico, inzado de medias con rotos, comezaba a bailar buscando o sol que entraba polo marxe da carpa con Lost Sense, imposible non seguir o retrouso, e a popularizada nun famoso concurso Bells Under Water, e de cando en vez alguén preguntaba se tiñan xa disco físico, ninguén sabía do EP, soamente de vídeos no youtube.

 

Varry Brava

Para compensar os matices escuros e profundos da banda anterior, apareceron no escenario da carpa pequena uns murcianos superanimados vestidos con americanas de cores e gafas de sol enormes, e co descaro contaxiado dos precedentes, activaron a caixa de ritmos e inundaron o Fexdega do espírito electropop que nesta edición marcou o festival.

Varry Brava montan a súa discoteca particular sobre as táboas e iso contaxiase entre o público ao que animan de continuo para que se tire a bailar. unha acelerada versión de Fiesta de los maniquies serve para recoñecer influencias e buscar entre as cancións matices de nova ola madrileña e chiclepop noventeiro dos que se amosaron excelentes continuadores do legado que esas épocas deixaron, houbo entre o publico un conato de coreografía canto tiraron do tema Calor e risas malvadas cando anunciaron que estaban a presentar o seu disco titulado 'Demasié', nese momento xa tiñan contaxiada a toda a carpa que pedía festa.

 

Klaus & Kinski

Máis murcianos a seguir, para Klaus & Kinsi, que coñecían o festival de pasadas edicións, congregárase un numero considerable de asistentes, e entre as queixas polo frío e timidez patolóxica de Marina foron navegando entre Tierra tragalos, disco anterior e Herreros y fatigas, disco actual, pouco a pouco, deixando aos fans tratando de seguilos nos seus cambios de ritmo, gorgoritos e alardes vocais, agora unha cumbia, agora un bolero agora palmadas.

Grande acollida para o estilismo de Marina, que entre canción e canción semellaba irnos dicir algo superocurrente e importante para logo verse superada pola vergoña e quedar nun gracioso e comedido agradecemento. A preciosista instrumentación e vocalismo de Klaus & Kinski obrígaos a levar uns atrís xigantescos para asombro daqueles que non coreaban as cancións.

 

Cando tocaba xa mudarse de escenario comezou a facerse patente unha circunstancia anómala: parte dos asistentes levaban camisetas co nome dun dos grupos do cartel, e non de xeito irónico (onde se mirara tal nun festival indie?). Os seguidores de Los Enemigos!!

Pegasvs!

Se no interior da carpa pequena podíase gozar dun son contundente que da o matiz de directo a calquera concerto, afastarse un par de metros do recinto convertía o son nunha cortina difusa bastante difícil de soportar.

Cando tocaba xa mudarse de escenario comezou a facerse patente unha circunstancia anómala: parte dos asistentes levaban camisetas co nome dun dos grupos do cartel, e non de xeito irónico (onde se mirara tal nun festival indie?). Os seguidores de Los Enemigos!! de todas as idades, ianse reunindo e comprobando a temperatura do evento, mentres, no escenario grande comezaban os crepitares e chispazos que acompañan ao Final de la noche de Pegasvs!, constelación do norte para Festival do Norte, e podíase ver no ceo, se mirabas dende unha esquina escura e apartada.

Nome artístico de Lucíana y Sergio, estes, con maquinas e teclados en posición enfrontada marcáronse un elegante set de electropop coa medida perfecta de experimentación, distorsión e crepitares para que o público, xa en numero considerable, fose collendo posicións de cara a posteriores actuacións.

A pouco que pares a escoitar a Pegasvs podes distinguir as letras con claridade e sumarte a acompañar os retrousos entre a oleaxe electrónica retrofuturista, que non paraban nin para saudar ao público, os gracias! entre filtros e vocoders pasaron a formar parte das anécdotas da noite. E cantar Atlántico a escasos metros da ría ou La melodía del afilador entre ourensáns descoñecidos mellora a experiencia do disco en dez partes cando menos.

 

É difícil explicar o ben que se sente un cantando a coro, en falsete, as tráxicas e románticas historias de La Casa Azul

La Casa Azul

Cun equilibrado reparto entre as cancións de La polinesia meridional e os himnos nos que se foron convertendo gran parte dos seus traballos anteriores, Guille Milkyway, cun teclado colgado as costas e flanqueado polos seus droides, físicos e proxectados, cumpriu expectativas, aínda que todo o mundo laiábase de non ter escoitado a súa outra canción favorita de La Casa Azul, cada quen unha máis doce e melosa.

É difícil explicar o ben que se sente un cantando a coro, en falsete, as tráxicas e románticas historias deste compositor. A posta en escena dotouse dunha pantalla xigante as costas de Guille que o ía enmarcando en paisaxes, oníricas escenas de películas antigas cidades xaponesas, vídeos musicais dos setenta e… no momento axeitado, de luces de cores coas que se sincronizaba para enmarcarse co multiustrumentismo acostumado: iniciou o set cun teclado colgado a modo de guitarra, pasou a guitarra e rematou levando o ritmo a golpe de baqueta.

E como non podía ser doutro xeito, co publico entregado a cantar, non parar de sorrir e descubrir o amor.

 

Cumprindo tópicos de reunión de lendas deron un concerto directo para un publico entregado de principio. Desgreñando éxitos e con Josele tirando de autoridade para evitar que os eufóricos asistentes tomaran aquelo por un karaoke

Los Enemigos

“Nos han vuelto a expulsar. Lo llaman crisis, pero todos sabemos que nuestro sitio nunca estuvo en el paraíso. Aquí afuera, en nuestra orilla, tanteamos en la intemperie y despertamos otra vez. Somos las razas de Caín y tenemos hambre. Somos Los Enemigos y hemos vuelto”. Tal era a promesa da revolta enviada polos Enemigos en setembro do ano pasado como preludio a esta xira de reunión.

No exterior do Fexdega púxose de manifesto que Los Enemigos son Los Enemigos e dan concertos de Los Enemigos, aínda que neste momento Josele teña algo menos de pelo, algo máis de barba e subira de talla a niveis saudables, poucos cambios máis, incluso levaba a camiseta de Los Deltonos, Fino leva un baixo chulo, Manolo un sombreiro moi divertido e Chema ten unha batería con parches. Los Enemigos están de volta, tocan coma se non tivera pasado o tempo. Mesma sensación entre o público que lembra as letras coma se tampouco levara dez anos sen os ver. Cumprindo tópicos de reunión de lendas deron un concerto directo para un publico entregado de principio. Desgreñando éxitos e con Josele tirando de autoridade para evitar que os eufóricos asistentes tomaran aquelo por un karaoke. Los Enemigos tamén estiveron acompañados por unhas columnas de luces parpadeantes para, por exemplo, poñer unha conta atrás cando toca ou darlle algo movemento os riffs de guitarra.


Sábado 28

Disco Las Palmeras

Tamén coa tarefa de abrir a xornada, o noise-shoegazer lugués, agochados tras seus flocos, Disco Las Palmeras puxeron a proba a resistencia das equipas de son e dos tímpanos dos presentes aproveitando o seu privilexiado momento de fama.

Como medida do éxito de Disco Las Palmeras, fago notar que as cinco da tarde, en varios coches do aparcamento, tiñan o seu disco como fondo para acompañar o refrixerio de media tarde

Dúas guitarras e batería son suficientes para ir atacando os temas do disco Nihil Obstat, do que cada directo gaña un pouco máis de pop e as letras vanse abrindo camiño sobre o muro de son, en himnos coma Desde hoy perfecto, Los Economistas ou A los indecisos.

Como medida do éxito, fago notar que as cinco da tarde, en varios coches do aparcamento, tiñan o seu disco como fondo para acompañar o refrixerio de media tarde. Neste momento o público de primeira hora triplicaba o do día anterior, máis madrugadores todos ou rendidos a contundencia deste directo.

 

Los Pilotos

Coa carpa ateigada de xente guapísima, cortes de pelo novos e catiuscas superlimpas, tivemos tempo de coñecernos e buscar sitio mentres o spin off de Los Planetas protagonizado por Banin e Floren trataba de se poñer a andar, e dende que comezaron, un pouco tarde a causa das mil conexións que saían da mesa de ordenadores e efectos, división de opinións para o directo-instrumental-electro-experimental destas iconas do indie.

Pezas largas e de desenvolvemento recorrente mais acaidos para pechar festivais a golpe de bombo que para ir quecendo ambiente, nun par de momentos o batería perdeu o compás e non había xeito de que levase o ritmo das cancións na súa carreira de redobres, unha vez superada circunstancia tal, gran parte da ateigada carpa botaba encantada sobre o arrullo das modulacións da guitarra de florent, quen a medida que se ía sentido mais cómodo aumentaba as florituras deste electro ambient surf de moi difícil dixestión.

 

Nancys Rubias

Minutos antes un breve chuvasco concentrara a todo o mundo no interior da carpa, que ameazaba rachar polas costuras. Última banda do escenario pequeno e non queda sitio para máis xente, todo o mundo quere coñecer persoalmente as Nancys Rubias e comprobar nas súas propias carnes como é o histrionismo de Mario Vaquerizo en directo. Baixa o pano dos patrocinadores, sobe unha vella cortina rotulada co nome da banda e de súpeto… Nancys Rubias: Nancy Superstar (Mario), Nancy O (a rapaza do triangulo), Nancy Reagan (teclados) e Nancy Ramone (guitarra), cravan o mesmo espectáculo que xa pasearan polos escenarios hai máis de cinco anos, claro que isto non é problema para pasalo ben e asombrarse do descaro e a frivolidade da banda.

Case todo son versións de clásicos punks (temazos!) coa letra modificada por unhas frases ocorrentes e petardas, fórmula perfecta para o éxito

Case todo son versións de clásicos punks (temazos!) coa letra modificada por unhas frases ocorrentes e petardas, fórmula perfecta para o éxito. “Me siento Charo Moedano”, primeira frase de Mario para o publico de “Vilarcia de Aurosa” tras sobreporse duns problemas escénicos, e pouco máis: torso espido e melena en muíño para satisfacción da carpa absolutamente volcada, que trata de continuo entre canción e canción de chamar a atención do cantante.

 

Pollock

Carpa grande de novo e frío intenso fóra do calor humano para ver aos valencianos Pollock, rock indie de corte anglosaxón e amplamente recoñecidos en multitude de festivais, conseguiron reunir un terzo do público que se vira na carpa anterior. Grupo de fans nas primeiras filas que corean as cancións e fan que non notan o curioso acento que se marcan estes émulos de Artic Monkeys e The Kooks. A verdade é que tras os concertos anteriores, cada un de seu pai, andabamos algo desorientados para avaliar isto na súa xusta dimensión, e tamén había que comer algo.

 

O ritmo hipnótico e o cruce de voces foron concentrando as miradas cara o escenario para comprobar como se poden construír cancións a golpe de intensidades e de crípticas mensaxes apocalípticas, e tamén para se asombrar de que cante o batería

El Columpio Asesino

Xa de noite volvemos atopar gran numero de público, a metade del concentrado en explicarlle a outra metade por que El Columpio Asesino pagaban a pena para ter chegado tan pronto. O ritmo hipnótico e o cruce de voces foron concentrando as miradas cara o escenario para comprobar como se poden construír cancións a golpe de intensidades e de crípticas mensaxes apocalípticas, e tamén para se asombrar de que cante o batería (onde se vira?). Para resaltar da actuación de El Columpio Asesino a seriedade e crueza coa que comezaron e que se impuxo case todo o minutaxe, elevando volume e distorsión para poñer a botar ao público algo máis que os éxitos da banda, Toro ou Te voy hacer bailar, que souberon reservar para o final, cando xa se vían moito máis a gusto e permitíronse soltarse e interconectar co público, especialmente o guitarrista transformado en eufórico gogo de si mesmo.

 

Lory Meyers

E para pechar os concertos do Festival do Norte, Lory Meyers, comezaron algo atenazados polo frío, pero en vista do acolledor acompañamento que estaban a ter entraron en calor de seguido.

Estivemos a piques de perder a Noni, o frontman, nun momento que xa sen camiseta baixou ao foso e atopou algunha dificultade para volver, momento que precedera ameazando con montar un tablao e sacar os pantalóns, ou o revés

Lory Meyers aínda conservan a súa posta en escea das salas pequenas, traxes negros e garabatas estreitas, que inciden no aire sesenteiro das súas composicións, pero teñen acomodado o seu directo aos grandes escenarios, menos discos completos, historias conectadas a través das cancións ou intimismo, e máis canción popular tras canción popular facendo ao publico corear, deixarlles cantar parte do tema ou alongar as cancións cando a totalidade do publico canta extasiado. Estivemos a piques de perder a Noni, o frontman, nun momento que xa sen camiseta baixou ao foso e atopou algunha dificultade para volver, momento que precedera ameazando con montar un tablao e sacar os pantalóns, ou o revés.

 

Fangoria

E con Fangoria tivemos a sorte de acudir a unha pre-estrea da súa nova xira Noite de variedades que máis que un concerto é un espectáculo propio sobre si mesmos. Unha longa demora mentres instalaban parafernaliña variada no escenario, escaleiras, pasarelas, cortinas … arrincou chíos dun público pouca paciente, e de repente, tras unha voz en off inclasificable, comezaron as variedades.

Casualmente as Nancys Rubias estaba no escenario e chegou o grande momento do festival, nin La Casa Azul, nin Enemigos, nin Lory Meyers, Alaska e Mario cantando “pan, circo… y boogie-boogie!!”

Alaska e Nacho Canut teñen concibido un vodevil que vai pasando polas súas diferentes épocas, dende pegamoides ata a parte máis mediática, con cambios de vestiario, corpo de baile, strippers, autohomenaaxe, algo de burlesque e mil cousas que non vimos. Un espectáculo deste tipo, dividido en catro partes, pódese alongar ata o interminable e quedounos a versión máis curta. Por outro lado, destacar que cada parte do espectáculo esta preparado para unha parte da familia, en Vilagarcía arrincou con Como pudiste hacerme esto a mi e seguiu con La tribu de las chochoni, conectaron coa maioría do festival do norte cando asomaron as cancións de Una temporada en el Infierno.

Catro cambios de vestiario despois, e cando semellaba que todo ía rematar, Alaska propúxose tocar con algún dos grupos do festival unha mítica canción de Almodovar & Macnamara, casualmente as Nancys Rubias estaba no escenario e chegou o grande momento do festival, nin La Casa Azul, nin Enemigos, nin Lory Meyers, Alaska e Mario cantando “pan, circo… y boogie-boogie!!”

Dominio Público Praza Pública
La Casa Azul CC-BY Darío Real
Los Enemigos CC-BY Darío Real
Fangoria CC-BY Darío Real

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.