Os mortos viventes volven á Coruña polo festival FKM

O percebe mutante do FKM © FKM

O Festival de Cinema Fantástico Freakmazine (FKM) volve á Coruña. O que comezou como unha mostra pequena de cine de culto de xénero fantástico, de terror e de ciencia ficción aséntase xa como unha cita imprescindible, que gaña en participantes, público, figuras convidadas e unha morea de actos e actividades paralelas. Desde este mércores e ata o domingo, a cidade énchese de propostas, algunha tan "impactante" como o paseo que varios zombis dan pola cidade para sorpresa de moitos cidadáns.

O FKM aséntase como unha cita clave do cine fantástico e de terror na súa sexta edición

"É un festival especializado cunha chea de eventos que abranguen todo tipo de perfís e de público. Temos desde obradoiros para nenos, ata obradoiros, masterclass e homenaxes a clásicos, ademais de estreas e, claro, moito cinema", resume Tonecho Otero, codirector dun evento que procura "ofrecer unha programación que poida chegar a toda a xente".

Nesta sexta edición, o FKM semella máis asentado ca nunca, gañando unha importancia que aumenta a cada ano grazas "a moito traballo e a moito esforzo". "Cada vez hai máis patrocinadores que apostan por nós e iso axuda a consolidarnos", insiste un codirector que destaca o feito de que o festival abranga varias zonas da cidade, con pases en diferentes espazos e unha marcha zombi que é o evento público "máis importante". Desde cinco euros, os interesados poden ser maquillados por profesionais e percorrer as rúas da cidade nunha especie de procesión de mortos moi vivos. É, tamén, unha publicidade impagable para un certame que moitos descobren grazas a esa especie de Santa Compaña.

A marcha zombi do sábado volve ser un dos mellores e máis "impactantes" reclamos do festival

Moitos dos directores de curtas premiados no FKM pasan logo a facer longametraxes, xérase unha publicidade e o festival pasa a ser coñecido en todo o mundo. Os últimos galardóns recaeron en cineastas irlandeses ou australianos e neste ano hai filmes de case todos os continentes, desde Cuba ata Noruega pasando por Turquía. Co tempo, as distribuidoras coñecen o certame e a intención é que cada vez se animen a presentar na Coruña as súas obras, un escaparate para películas que é difícil inserir no circuíto habitual.

O FKM iníciase este mércores na Fundación Luís Seoane coa exposición de Reflejos del Abismo, de Luís Sendón, e rematará o vindeiro domingo coa entrega de premios das curtametraxes. Pero hai moito máis. Haberá pases -de entrada libre e sen previa inscrición- nos Cantóns, no CGAI -con protagonismo para o Marqués de Sade- e unha morea de actividades como a sesión vermú que o sábado chegará á praza de España nunha xoranda na que os mortos viventes percorrerán as rúas máis céntricas. A partir das 18 horas, na sede da fundación Abanca, comezará a maquillaxe que rematará coa procesión de zombis cara a María Pita. E os premiados recibirán o percebe mutante, unha figura que xa se converteu en referente, unha especie de monstro enxebre xurdido dos mares galegos e que varía un pouco o seu aspecto cada ano.

Colin Arthur, que traballou con Kubrick ou Amenábar, será un dos convidados estrela

E tamén haberá convidados ilustres, como Colin Arthur, coñecido por traballar con directores como Standley Kubrick, Ray Harryhausen ou Alejandro Amenábar ou en filmes como La historia interminable ou Alien. Un mestre dos efectos especiais que dará unha masterclass onde ensinará as súas técnicas de modelado e maquillaxe.  "É unha estrela da historia do cinema", destaca Otero, que insiste en que a idea que o FKM "siga medrando" e que para iso tamén é importante "contar con figuras" coma esta. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.