Queres viaxar sen moverte do sitio? Vén ao Womex

A Cesária Évora Orchestra Dominio Público Praza Pública

Despois do Opening Concert, celebrado este mércores pola noite, e da primeira xornada de feira na Cidade da Cultura, comezan os agardados concertos de WOMEX 14. Aínda se pode obter un bono de 55 euros para ver os concertos abertos ao público na Quintana, no Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro ou a Sala Capitol, e tamén entradas individuais para a Quintana, a 20 euros.

Na Praza da Quintana actuarán este xoves Raúl Rodríguez, os rusos Otava Yo, o hondureño Guayo Cedeño & Coco Bar, os ingleses Spiro, os mongoles Ajinai, e os cubanos Mayito Rivera & The Sons of Cuba. Ademais, nos outros escensarios repartidos pola zona vella, poderemos ver á caboverdiana Cesária Évora Orchestra (no Auditorio Abanca), co repertorio da diva da morna. E tamén, no mesmo escenario á formación franco-alxeriana El Gusto Orchestra. Tamén comeza no Teatro Principal o Atlantic Connections, unha sección de WOMEX que pon en diálogo ambas as dúas beiras do Océano. Participan nesta primeira noite o portugués Custódio Castelo; o vallisoletano afincado en Galicia Germán Díaz, un dos mellores zanfonistas de Europa; e desde Colombia e Bélxica, La Chiva Gantiva, coa súa poderosa enerxía.

Raúl Rodríguez (1974, Sevilla) é músico e antropólogo cultural. Fillo da cantante Martirio, aprendeu a amar a música na casa, na contorna da contracultura sevillana dos '70s. Produtor, guitarrista e creador do Tres Flamenco (un novo instrumento creado por el), traballou con Kiko Veneno, Martirio e Santiago Auserón, entre outros, e en proxectos propios como Caraoscura e Son de la Frontera. Este outono publica ‘Razón de Son’, o seu primeiro traballo en solitario. Otava Yo. Esta banda rusa formada por Aleksey Belkin, Aleksey Skossyrev e Dmitry Shikhardin no 2004, naceu inspirada nas cancións tradicionais rusas. Queren crear novas reinterpretacións da música folk, accesible a todas as audiencias, para revivir as vellas tonadas soviéticas. Hai quen os chama “bufóns modernos”, e quen describe a súa música como “ritmo comunitario”.

Guayo Cedeño & Coco Bar. O guitarrista hondureño Guayo Cedeño é un dos grandes mestres deste instrumento en América Central, coñecido polo público internacional polos seus discos e directos onda Andy Palacio & The Garifuna Collective e Aurelio Martínez. Spiro. Este grupo acústico contemporáneo nace nas sesións da escena folk de Bristol no 93, co nome de The Famous Five. Agora, 16 anos máis tarde, están a piques de sacar o terceiro álbum.

Ajinai. Esta agrupación de Mongolia non é a típica formación folclórica, malia tocaren algúns dos instrumentos tradicionais mongois, coma o morin khuur, unha sorte de violin trapezoidal de dúas cordas, que se toca cun arco feito de crins de cabalo, e é considerado obra mestra do patrimonio inmaterial pola UNESCO. Mayito Rivera & The Sons of Cuba. Por máis de 20 anos, Mayito foi a voz e o rostro de Los Van Van, e actualmente interpreta diversos xéneros, coma rumba, son, salsa, bolero ou timba, ao estilo moderno ou tradicional.

 

Venres

O venres a Praza da Quintana acollerá o guineano Sékouba Bambino, dende Macedonia a Džambo Aguševi Orchestra, o belga-congolés Baloji, os etíopes Ethiocolor, dende Curaçao e os Países Baixos os Kuenta i Tambu e os luso-angolanos Batida.

Sékouba Bambino. Descende dunha familia de “griots”, coñecidos como jelis nas linguas Mandé. O griot ou jeli é un cantante ou poeta que está considerado como o depositario da tradición oral destes pobos. Memorizan cancións e tradicións populares, mais tamén as traen a contextos contemporáneos, e fan sátira e crítica política. Džambo Aguševi. Este virtuoso da trompeta provén dunha familia cunha longa tradición musical.

Baloji. Vén da República Democrática do Congo e tamén de Bélxica. O seu álbum Hotel Impala trata sobre a cuestión da identidade dun home
nos seus trinta, e reflicte episodios da súa vida. Ethiocolor. Esta banda tradicional etíope xunta Kirar (un tipo de lira), Bass Kirar, Washint (frauta), Kebero (percusión tradicional) e Massinqo, co bailarín tradicional Melaku Belay como líder.

Kuenta i Tambu. Inspirados pola música tradicional caribeña de Curaçao e a danza europea, Kuenta i Tambu crearon un novo son. Atoparon un intelixente equilibrio entre sons electrónicos e ritmos tocados polos tradicionais tambores Tambú. Batida. É unha ocorrencia do angolano/portugués Pedro Coquenão. Un proxecto vibrante e moderno que se asenta firmemente enraizado no pasado. Batida combina mostras da música angolana dos 70 coa danza electrónica moderna.

 

Sábado

O sábado a Quintana volverá encherse de ritmos chegados de todos os continentes e, algúns, de moi preto. Os estadounidentes Orkesta Mendoza, os mexicanos Troker, o galego Davide Salvado, os colombianos Tribu Baharú, a israelí Ester Rada, os mexicanos Bostich + Fussible from Nortec Collective.

Orkesta Mendoza. O líder Sergio Mendoza leva unha das mellores bandas de música latina que traballan hoxe en día. El e asúa orquestra xeran unha febril enerxía e ofrecen unha aproximación aos sons clásicos do mambo e a cumbia. Troker é unha banda de son poderoso, que fai “jazz cun groove de hip hop e funk, que ao final queda destruído polo rock no escenario. 

Davide Salvado. No 2011 editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, e está a presentar agora O Ladrón de Amorodos, o seu novo espectáculo a trío xunto ao acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista e gaiteiro Cristian Silva. Tribu Baharú. É un combo afro-champetúo de músicos do Caribe colombiano, influenciados por ‘El Picó’ (Sound System) “e toda a súa música brava”, unha cultura con máis de seis décadas de traxectoria en Colombia.

Ester Rada. O son de Ester Rada, cruzamento de culturas, reflicte fondamente a súa herdanza de israelí nacida en Etiopía. Bostich + Fussible from Nortec Collective. Máis dunha década despois de crearen o son que definiu a fronteira, o colectivo mexicano Nortec muta. En Tijuana Sound Machine, Nortec dá unha volta máis mediante a experimentación con novas tecnoloxías.

Mayito Rivera & The Sons of Cuba Dominio Público Praza Pública
A Cesária Évora Orchestra Dominio Público Praza Pública
Dende Mongolia, Ajinai Dominio Público Praza Pública
Batida © Thiago Canhoto
Ester Rada Dominio Público Praza Pública
Baloji Dominio Público Praza Pública
Nortec Collective: Bostich+Fussible Dominio Público Praza Pública
Kuenta i Tambu Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.