'Cinemas de Galicia': máis cine e máis filmes galegos polo país

Cinemas de Galicia © Agadic

A Consellería de Cultura e Educación, a través de Agadic, pon en marcha o circuíto Cinemas de Galicia. A aposta supón unha nova rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica que nace coa idea de achegar o cine a localidades que non dispoñen de salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos filmes galegos.

As Pontes, Foz, O Carballiño e Sanxenxo serán os concellos nos que comece esta iniciativa

Así, o proxecto arranca de principio cunha fase inicial de implantación en catro concellos, un por cada provincia. As Pontes de García Rodríguez, Foz, O Carballiño e Sanxenxo son os titulares dos cinco espazos que acollerán a programación inaugural da rede e a través dos que se achegan 1.232 novas butacas para o audiovisual galego: Casa do Peso e Cine Alovi nas Pontes, Salón de Actos do Cenima de Foz, Auditorio Municipal do Carballiño e Pazo Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo. E cunha entrada para as proxeccións cun prezo único de 3 euros.

Na presentación deste proxecto, o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, advertiu que esta primeira experiencia ata final de ano pretende ser tan só o inicio dun circuíto "chamado a medrar en número de socios municipais, a incrementar a cifra de público galego para os produtos audiovisuais e a ampliar a oferta cultural e de ocio en Galicia”.

A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández; o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; a concelleira de Cultura das Pontes, Sara Ramos, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, interviñeron tamén na presentación desta iniciativa, que xorde a partir dun proceso consensual cos principais representantes do sector en Galicia, así como da colaboración entre a Xunta, as administracións locais, as produtoras e as empresas distribuidoras.

Proxectaranse un mínimo de oito filmes en cada concello e cinco delas, cando menos, serán galegas

En canto ao desenvolvemento práctico do programa, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o conselleiro explicou que esta primeira programación bimestral de Cinemas de Galicia incluirá a proxección en cada un dos catro concellos dun mínimo de oito películas, das que cando menos cinco serán galegas.
 
Os programadores están a traballar xa na configuración das súas carteleiras, para o que na web de Agadic teñen á súa disposición un catálogo de 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopan 11 destacados títulos galegos en fase de explotación comercial: Inevitable, de Jorge Algora; La tropa de trapo en la selva del Arco Iris, de Álex Colls; El árbol magnético, de Isabel Ayguavives; Arraianos, de Eloy Enciso; O ouro do tempo, de Xavier Bermúdez; Costa da Morte, de Lois Patiño; 9 ondas, de Simone Saibene; A cicatriz blanca, de Margarita Ledo Andión; Meñique, de Ernesto Padrón; Los increíbles, de David Valero, e Encallados, de Alfonso Zarauza.

Esta oferta galega, conformada polas propostas recibidas nunha convocatoria aberta a filmes rexistrados no ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) con data de estrea posterior ao 30 de xuño de 2013, compleméntase con sete fitas europeas, seleccionadas en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e avaladas por festivais e premios internacionais: 10.000 KM, de Carlos Marqués; Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!, de Guillaume Galiene; Ida, de Pawel Pawlikowski; La gran belleza de Paolo Sorrentino; Le week-end, de Roger Michell; Madre e hijo, de Calin Peter Netzer; e Stockholm, de Rodrigo Sorogoyen.

Ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, outra das finalidades desta rede é "servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais". Neste sentido, segundo explicou Vázquez Abad, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.

Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para os oito pases obrigatorios que ofrecerá cada concellos. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100% no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.

Presentación de Cinemas de Galicia © Agadic

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.