Os Premios Martín Códax da Música xa teñen finalistas

Foto de familia dos candidatos e candidatas, este mércores nas Bodegas Martín Códax © Premios Martín Códax da Música

Os Premios Martín Códax da Música anunciaron na noite deste mércores os artistas, grupos e proxectos finalistas en cada unha das súas 18 categorías. Un total de 54 candidatos e candidatas pasan agora a unha segunda rolda de votación na que novamente terán a palabra os socios e socias de Músicos ao Vivo. Os e as gañadoras definitivas daranse a coñecer o 17 de decembro nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Entre os e as finalistas, atopamos proxectos que xa foron premiados na anterior edición, como Transivalnians, Machina ou Narf, e outros que repiten como finalistas, como Xoel López, Caxade, Pablo Díaz, Cró ou Wöyza. O acto estivo conducido por Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos ao Vivo, que agradeceu “a implicación dos músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante que nesta edición logrou reunir a 360 proxectos e que volve converter a web dos premios na plataforma de música galega máis importante do momento". Antelo engadiu que “este segundo certame pasará á memoria como a edición da consolidación. O que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade".

 

Finalistas

  • Pop e indie: Ataque Escampe / Silvia Penide/ Los Chavales
  • Rock: Cró / Narf Trío / The Cornelius
  • Blues, funk & soul: Cats and Monkeys / Bakin Blues Band / Victor Aneiros
  • Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá / Felipe Villar Trío / Xan Campos Trío
  • Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza / Som do Galpom / Aid Alonso
  • Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430 / Sounding Images / Samuel Diz
  • Folque: Vaamonde, Lamas e Romero / Cuarteto Caramuxo / Caxade
  • Música tradicional galega: Treixadura / Davide Salvado / Malvela
  • Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores / Trilitrate / 2uS
  • Canción de Autor: A Cada Canto / Xoel López / Xoán Curiel
  • Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc / Xiqui Xoque Fiú Fiú! / Golfiños
  • Electrónica: Sub Rosa / Pálida / Chrysalid9
  • Metal: Aphonnic / Nao / Machina
  • Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi / Dakidarría / Transilvanians
  • Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos / Los Satélites / Claxxon
  • Premio Organistrum Salas: Aturuxo / Garufa Club / Sala Capitol
  • Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Festigal / Festival Sinsal Son Estrella Galicia
  • Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: GZMúsica / Planeta Furancho / Tres Peixes Voando
As estatuas de Víctor Lorenzo que recibirán os e as gañadoras Dominio Público Premios Martín Códax da Música

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.