0 Gardados para despois

Recoñecer a Hildegart, recoñecer a historia silenciada das mulleres

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Ateneo Ferrolán acollerá esta fin de semana un congreso sobre a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira, coincidindo co centenario do seu nacemento. Unha vintena de comunicacións afondarán en distintos aspectos da vida e do pensamento desta muller, que morreu aos 18 anos, asasinada pola súa propia nai. Ademais, este venres Aurora Marco explicará na conferencia “Romper barreiras. Voces femininas a comezos do XX" o contexto social e político no que creceu Hildegart e no que se abriu paso como muller. E o sábado Rosa Cal ofrecerá unha segunda conferencia, neste caso centrada na figura da nai: "Aurora, una mujer con un proyecto de vida propio: Hildegart".

A pesar da importancia da figura de Hildegart e da súa singularidade, son poucas as publicacións e investigacións que estudaron a súa obra e o seu pensamento. Este Congreso e a homenaxe pública que se realizará o sábado buscarán encher este oco, situando a Hildegart e a súa actividade no lugar que merecen ocupar na historia. En boa medida as circunstancias do seu asasinato e a propia relación coa súa nai escureceron os demais aspectos da vida desta muller prodixio. Rosa Cal, unha das historiadoras que máis traballou este tema, opina que "a figura de Hildegart e a súa historia quedou ligada ao sensacionalismo e aos acontecementos morbosos, o que moitas veces foi un obstáculo para afondar nela".

"Vendo o programa definitivo estou abraiada polo número e a calidade das achegas. É ademais o primeiro congreso que se fai sobre a figura de Hildegart. Isto é un éxito conseguido polo Ateneo", di Rosa Cal

"Cando me chamou Eliseo Fernández para participar neste congreso eu preguntei 'ides dar unha visión populacheira e sensacionalista? Porque se é así eu non vou'. E díxome que non, que o obxectivo era precisamente o contrario", comenta. "Vendo o programa definitivo estou abraiada polo número e a calidade das achegas: investigadoras galegas, de toda España e mesmo de universidades de Estados Unidos ou Australia. É ademais o primeiro congreso que se fai sobre a figura de Hildegart. Isto é un éxito conseguido polo Ateneo, por Eliseo e por todo o equipo desta entidade", destaca.

Para Aurora Marco, Hildegart é unha figura inxustamente descoñecida, e este Congreso "moi oportuno e moi necesario" chega tarde "como chegan tarde todos os acontecementos que teñen que ver coa recuperación da historia das mulleres". "A figura de Hildegart é fundamental nas primeiras décadas do século XX, e creo que é máis coñecida fóra que en España", comenta. "Grazas a este Congreso -di Aurora Marco- "teremos a oportunidade de coñecer os contributos desta muller, que foi excepcional en moitos campos, e tamén poderemos coñecer outras figuras femininas importantes". O programa deste encontro destaca neste senso que "ao tempo que tentar encadrar o seu pensamento no eido da sexualidade e da crítica de esquerdas á II República, o Congreso quere recuperar tamén a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa xeración".

Disto falará Aurora Marco na súa conferencia, que abrirá o evento, este venres ás 19 horas. A historiadora afirma que "se nós acudimos á enciclopedia, ás historias da literatura, da música ou das artes plásticas atopamos unha moi notable ausencia de mulleres, agás algunhas grandes figuras" e sinala que nesas primeiras décadas do século XX "na educación, na pedagoxía, no sindicalismo, no agrarismo, na música, na literatura, no deporte..., as mulleres tiveron que rachar con todas as barreiras que impedían que a súa actividade fose recoñecida".

Para Aurora Marco, o recoñecemento a Hildegart chega tarde "como chegan tarde todos os acontecementos que teñen que ver coa recuperación da historia das mulleres"

Aurora Marco chama a "desbotar unha idea, moi estendida, que afirma que se as mulleres non figuran nas historias é porque non había mulleres". "Si que había" -di- "O que pasa é que non había fontes ás que acudir. Pouco a pouco fomos reconstruíndo historias, acudindo a fontes orais, a historias locais e sobre todo á prensa". "As mulleres estaban aí e loitaron polos seus dereitos, polo traballo, polos seus salarios, porque se recoñecesen as súas obras... Era un tempo no que existía unha gran sororidade entre as mulleres e no que moitas levaron a cabo unha actividade moi valiosa, que fixeron grandes achegas ao progreso", subliña.

 

A obra de Hildegart

Rosa Cal espera que este encontro contribúa a incrementar o coñecemento sobre a obra de Hildegart, que publicou ao redor de vinte libros con apenas 18 anos. Estas obras poderán verse nunha das exposicións que o Ateneo acolle en paralelo coa celebración deste congreso. "Entre eles hai ensaios políticos, reflexións sobre a obra de Marx, sobre o malthusianismo..., e todos de moita calidade", destaca a historiadora, que tamén salienta o traballo que Hildegart realizou no campo da educación sexual: "O ambiente da época facía moi difícil que unha muller falase sobre sexo, parecía que se o facían estaban en pecado mortal", di.

Aurora Marco chama a "desbotar unha idea, moi estendida, que afirma que se as mulleres non figuran nas historias é porque non había mulleres"

En 1932 créase a Liga Española pola Reforma Sexual, presidida polo doutor Gregorio Marañón, e Hildegart é escollida secretaria. "Isto pona en contacto con xente de Alemaña, de Reino Unido, dos Estados Unidos. Vive nun ambiente internacional, algo que poucos podían facer naquel tempo" -explica Rosa Cal- "Estuda os primeiros programas para a limitación do número de fillos ou para a loita contra as enfermidades venéreas, que estaban comezando nos Estados Unidos. En España todo estaba máis atrasado, acababamos de saír da ditadura de Primo de Rivera".

A Liga pola Reforma Sexual pedía "iguais privilexios e obrigas para homes e mulleres en canto á súa vida sexual", a "liberación das relacións maritais da dominación da igrexa" ou "a comprensión científica das variacións na constitución sexual (intersexualidade) e unha correspondente actitude racional, por exemplo, cara a homes e mulleres homosexuais". Hildegart defendeu o divorcio, a anticoncepción e a liberación feminina de toda clase de tabús e prohibicións sexuais e consideraba que este conflito superaba en importancia a todas as revolucións que coñecera a humanidade. Publicou múltiplos textos, entre eles a monografía La rebeldía sexual de la juventud, que vendeu 8.000 exemplares só en Madrid na semana da súa publicación.

Rosa Cal salienta o traballo que Hildegart realizou no campo da educación sexual: "O ambiente da época facía moi difícil que unha muller falase sobre sexo, parecía que se o facían estaban en pecado mortal"

A súa actividade na política partidaria foi tamén intensa. Con 15 anos Aurora afilia a Hildegart á UGT e ao PSOE, e pouco despois a aínda adolescente comeza a publicar con frecuencia artigos en El Socialista, Heraldo de Madrid e La Libertad. Comezou a amosarse moi crítica co propio Partido Socialista e achegouse ao anarcosocialismo. En 1932 foi expulsada do PSOE e afiliouse ao Partido Federal Republicano.

 

A relación coa nai

O Congreso buscar poñer en valor a figura histórica e o pensamento desta muller "todo o lonxe que sexa posible do sensacionalismo e da superficialidade", indo máis aló da morbosidade e os clixés que rodearon nas últimas décadas a relación que mantiñan Aurora e Hildegart, nai e filla. Porén, no encontro falarase disto, necesariamente, e de feito a intervención de Rosa Cal estará centrada neste tema. Cal explica que Hildegart "foi a obra real das ideas preconcibidas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira" e que foi "tratada para ser unha excepción desde o momento no que foi concibida".

"Foi unha filla desexada, unha filla preconcibida, estudada, decidida. Era un proxecto de Aurora, totalmente. Supoño que hoxe en día case todos os fillos son tamén proxectados, pero isto non era tan habitual hai cen anos", comenta, facendo fincapé na figura desta muller, que planificou a vida de Hildegart por completo. "Aurora era unha muller moi formada, en parte grazas a que lera os libros que tiña seu pai, que era procurador, avogado e concelleiro en Ferrol, de ideas progresistas. Na súa casa non houbera ideas relixiosas", di. "Era unha muller dun temperamento moi forte, cando quería algo ía a por el. Buscou para o seu proxecto un colaborador fisiolóxico, que era algo necesario na época, hoxe non sería necesario, faríase por fecundación in vitro", comenta.

"Aurora estaba enferma, era incoherente. Ela quería liberar as mulleres, pero en cambio tiña escravizada a súa filla. E Hildegart decátase diso, decátase de que a súa nai está enferma e que ten que separarse dela"

O 9 de xuño de 1933, Aurora Rodríguez asasinou a súa filla Hildegart. "Creo que a arela de independencia desta última foi o motivo que levou a Aurora a matala. Condicionada pola paranoia que soportaba non foi quen de respectar o éxito da súa obra", afirma Rosa Cal. "Aurora estaba enferma, era incoherente. Ela quería liberar as mulleres, pero en cambio tiña escravizada a súa filla. E Hildegart decátase diso, decátase de que a súa nai está enferma e que ten que separarse dela", engade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.