Gonzalo Hermo: "Aquí está a miña voz poética”

Gonzalo Hermo, nun momento da entrevista © Carlos Rey

A voz lírica que dá vida á mediametraxe Crac é a protagonista. Entre o recendo dos libros, o son baixo dunha música e as voces alleas que ollan algunhas obras, Gonzalo Hermo, sentado nun recuncho da libraría Couceiro, fala sobre Celebración, o seu segundo libro de poesía. Gonzalo naceu en Taragoña e estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade traballa no Instituto da Lingua Galega. Con tan só vinte e sete anos publica a súa segunda obra, tendo ademais colaborado en diversos proxectos, como por exemplo co deseñador Gonzalo Vázquez. No ano 2011 a editorial Barbantesa publicou Crac, obra na que está inspirada a mediametraxe de Lázaro Louzao. Participou en diversos recitais e mesas redondas, nas cales, coma neste encontro, se atopa cavilando sobre un dos xéneros literarios mais visuais, descritivos, interpretativos e acolledores: a poesía.

Que é para ti Celebración?

Desde que comecei a escribir o libro, tiven a sensación de que ía ser unha despedida nun sentido profundo. Non sabería dicir moito máis ca iso, que se trata dunha sorte de despedida, e coido que o proceso de escrita non me axudou a revelar moito máis. Ben pensado, tampouco hai nada do que estrañarse. A poesía é sempre un tatexar, un dicir sabéndose estraño.

"A poesía é sempre un tatexar, un dicir sabéndose estraño"

“O poema é un acto de vinganza” dicías en Crac. Mais en Celebración percíbese unha certa esperanza nos teus versos. Cal cres que é a diferenza principal entre ambas?

Crac é un axuste de contas co pasado, por iso se entende como un acto de vinganza. Ao final, o que se desprende do libro é que estamos feridos e que non nos queda outra que termar dese dano para sempre. Hoxe unha actitude coma esa paréceme desmobilizadora. Por iso o novo libro pódese entender como a outra cara da moeda: estamos vivos, todo aínda é posible. E iso hai que celebralo.

"O novo libro pódese entender como a outra cara da moeda: estamos vivos, todo aínda é posible. E iso hai que celebralo"

No poema “Despois de Crac” dis: “no teu libro son eu pero con voz como en play-back”. Isto resumiría a intención de Celebración con respecto a Crac?

Cando miro para atrás, e lembro aquel rapaz que escribiu Crac sendo aínda un adolescente, efectivamente véxome como outro. A imaxe é esa: son eu pero coa voz distorsionada. O libro quere celebrar a mudanza porque mudar significa estar vivo. O que se tenta evitar é a tentación da saudade.

Esteticamente tamén son diferentes. Cres que a maneira de organizar os versos, é dicir, a visualización do poema en si, repercute no seu entendemento?

Si. Os poemas de Crac son como bloques de palabras e efectivamente é un libro máis monolítico. Aquí hai espazos entre os versos, unha escritura máis relaxada, entendo que porque o libro tenta xogar co que se di, pero tamén co que non se di. En todo caso, non é unha estratexia de escrita premeditada. Xurdiu de maneira espontánea.

“Non tememos a morte. Levámola dentro. Celebrámolo”. Estes versos están vencellados co título?

O título vén dese poema. Tardou en saír. Olalla Cociña, que estivo moi presente no proceso de escrita, díxome que Celebración lle remitía ao filme homónimo de Vinterberg. Non me importou, porque como dixo o outro día María do Cebreiro na presentación d’Os inocentes, os títulos interesantes repítense moito. E creo que Celebración é o título idóneo para este libro.

Con esa idea de frío, e coas constantes repeticións que fas, como os insectos, que pretendías transmitir?

O libro refuga da mímese premoderna e tamén da expresividade romántica. Francisco Cortegoso explicouno moi ben a propósito do seu libro Memorial e danza: o poema enténdese como materia que acontece. É un todo autónomo que só rende contas a si mesmo.

“Na poesía sempre hai unha batalla corpo a corpo coa linguaxe”

Tamén falas da carne e da linguaxe. A alusión a estes termos segue o mesmo camiño có do frío e os insectos?

O corpo e a linguaxe son temas centrais na miña poesía, iso é certo. Pero probablemente o sexan para calquera poeta que escriba no momento presente, sexa dun xeito máis ou menos consciente. Penso que na poesía, máis ca en ningún outro xénero literario, a escritora, o escritor ten que manter unha batalla corpo a corpo coa linguaxe.

Na metade do libro hai un debuxo que ocupa dúas páxinas, que representa?

A ilustración foi cousa de Mauro Trastoy, o deseñador da obra. Trátase dunha granada partida á metade, que se abre cando abrimos o libro xustamente polo medio. Transmite á perfección esa idea de carnalidade que gravita pola obra toda. Estou moi satisfeito co traballo de Mauro.

Algúns dos poemas están dedicados a cadansúa persoa. Influíron eses individuos de algún xeito na creación da obra?

Si. Hai poemas que partiron de conversas, lecturas ou débedas coas persoas que se citan. É algo que sentín a necesidade de recoñecerlles. Un libro raramente é obra dun suxeito illado. Estamos no mundo sempre en relación aos outros.

Alúdese a un ti constantemente. Falamos dun ti universal ou, pola contra, dunha única persoa?

Todo o libro está articulado para que poida ser calquera ti. Hai xente que entende a poesía como sinónimo de diario persoal, como unha maneira de relatar sucesos autobiográficos de xeito afectado para que semellen trascendentes. Non me parece mal. Sempre e cando o poema se manteña por si mesmo. A min interésame o poema e non a vida do poeta. É unha cuestión de gustos, supoño.

Celebración é o primeiro libro publicado pola editorial Apiario. Cales pensas que son as vantaxes e os inconvenientes de ser pioneiro nesa nova andaina?

Eu só lle vexo vantaxes. Hai xente que probablemente nunca iría dar no meu libro, pero que si lles vai chegar porque a editora lles desperta interese. Hai que recoñecer que un proxecto que comeza a súa andaina non vai ter a distribución de Xerais ou de Galaxia, pero editar con Dores e Antía foi un privilexio. Houbo un trato de creador a creadoras que raramente se dá nas editoras “grandes”.

Poderiamos dicir que escribes dende unha sorte de intuición?

Si. Admiro os poetas que calculan cada contido, cada verso. Pero mentiría se dixese que é o meu caso. Polo xeral, parto dunha imaxe que me interesa, unha idea que me chamou a atención, e déixome levar. O resultado, algunhas veces, pode ser sorprendente.

Tamén se estreou este ano a mediametraxe Crac, inspirada no teu primeiro libro. Podes falar dela?

Foi un proxecto que fixo Lázaro Louzao e no que eu só participei poñéndolle voz aos poemas. O que fai Louzao é recoller o ambiente xeral que se desprende do libro e vertelo a unha linguaxe audiovisual. O resultado é moi interesante porque, aínda que ás veces poida semellar que o texto e as imaxes van por camiños separados, sempre hai un punto en que ambos coinciden. E eses momentos son verdadeiramente máxicos.

“A poesía é un resorte capaz de agromar do lugar onde aínda non é posible un nome”

Que é  para ti a poesía?

A poesía é un resorte capaz de agromar do lugar onde aínda non é posible un nome. Con e contra Adorno, podería afirmarse que, despois de Auschwitz, só é posible escribir poesía. No inmediato presente, cando aínda non podemos artellar unha narrativa que explique a totalidade dos feitos, a poesía xorde como unha posibilidade da lingua que revela o noso estar aquí, abertos ao mundo.

Lembras o teu primeiro contacto coa poesía?

Lémbrome de ler a Rosalía sendo moi novo e quedar tremendamente impactado. Debeu ser polos doce ou trece anos, nun momento en que Follas novas conectaba moi ben con aquela angustia adolescente. Eu non paraba de pensar: “oxalá puidese algún día chegar a escribir algo así...”

Entón dende cativo sabías que querías ser poeta?

Era unha cousa máis que facía, tamén me gustaba moito ir á praia (risos). A primeira sensación de estar a converterme nun poeta, idea que non acabei aínda de asumir completamente, chegou cando Antón Lopo me convidou a publicar na Revista das Letras. Nunca lle estarei abondo agradecido por aquela oportunidade, que o cambiou todo.

Cres que a poesía é un xénero minoritario?

Contra o que adoita pensarse, nunca foron bos os tempos para a lírica. A poesía é un xénero que esixe moito dos lectores e non é estraño que sexan unha minoría os que estean dispostos a asumir o esforzo. Dise que é un tópico, pero é verdade: os lectores de poesía son poucos, pero escollidos.

En canto á túa formación poética, que autores dirías que che influenciaron?

Estou moi inscrito na literatura galega desde novo. Os meus referentes máis inmediatos son galegos, de Manuel Antonio a Ferrín. O Cunqueiro de Herba aquí ou acolá. A poesía dos anos 90. Tamén houbo autores europeos que me marcaron dun xeito especial: Marguerite Duras, Paul Celan, Elfriede Jelinek. Pode ser curioso, pero o certo é que conecto moito coa escrita das mulleres.

Lembras algún poema da túa autoría que te identifique dunha maneira máis persoal?

O poema que abre Celebración é moi significativo. Non sabería dicir por que, pero véxome nel mellor ca en ningún outro.

“Non me vería escribindo en castelán”

Por agora só escribiches en galego, tes pensado seguir facéndoo na túa lingua?

Non teño ningunha dúbida (sorrí). Ademais de ser monolingüe, o galego é a lingua na que decidín escribir, a tradición na que quero situarme. Non me vexo escribindo en castelán.

Como autor cal cres que é a repercusión que vai ter Celebración?

A que pode ter un libro de poesía en galego. Non me queixo en absoluto. A obra está a despertar un certo interese e sempre é curioso comprobar o que a xente pensa dun libro que decidiches dar ao prelo. Creo que é o máis interesante de publicar a túa obra, que deixe de ser túa e pase a ser dos outros.

Gonzalo Hermo © Carlos Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.