"A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir"

Pepe Penabade, nun momento da obra © Volta e Dálle

"Unha das funcións primixenias da arte teatral é a de lles facilitar ás espectadoras un cuestionamento da súa realidade con vistas a transformala". Así o cre a compañia Volta e Dálle, que o pasado mes de xuño estreou en Teo, no Auditorio da Ramallosa, a obra Dura Lex, dirixida por Comba Campoy e Carlos Santiago, que escribiu o texto, e protagonizada por Pepe Penabade. Trátase dun monólogo cómico sobre o sistema xudicial no que o xuiz Salomón Da Silva tras ser expulsado da Maxistratura decide crear unha máquina de facer xustiza, a Dura Lex Pro 1.0.

Despois de non obter unha axuda de AGADIC á que aspiraban, a compañía levou a cabo unha pequena campaña de crowdfunding para poder cubrir os custes da produción. Ao abeiro desa campaña Volta e Dálle púxose en contacto con distintas entidades que pensaban que podían estar interesadas na filosofía do proxecto, entre elas Esculca. Así naceu a idea poñer en escena unha función moi especial, que sumará arte e debate, reflexión e realidade, denuncia e realidade ficcionalizada.

A recadación da billeteira será para Esculca, que a destinará a axudar a pagar os gastos xudiciais de movementos sociais penados por exercer o seu dereito á manifestación

O vindeiro xoves 22 o Teatro Principal de Pontevedra, que foi cedido polo Concello para a ocasión, acollerá a representación desta obra e, a continuación, un coloquio co xuiz Xermán Varela e o avogado Guillerme Presas, de Esculca, sobre as relacións entre o Poder e a Xustiza e as consecuencias da Lei de protección da seguridade cidadá (Lei Mordaza), aprobada no Congreso cos únicos votos do PP e que estará vixente a partir de marzo. Ademais, ao longo desta primavera aprobarase previsiblemente o novo Código Penal, un novo recorte de liberdades que complementará a Lei Mordaza e ao que lle foron presentadas 888 emendas, 45 á totalidade. A recadación da billeteira será para Esculca, que a destinará a axudar a pagar os gastos xudiciais de movementos sociais penados por exercer o seu dereito á manifestación.

Guillerme Presas afirma que "o que máis nos preocupa é o que xa está sucedendo e que se vai intensificar nun futuro inmediato: a represión do activismo e da protesta popular, a represión do dereito de manifestación, do dereito de participación pública, e do dereito á liberdade de expresión". "A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir", engade.

"A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir", engade

O avogado destaca a oportunidade de dar a coñecer a realidade e os desbates de actualidade a través das artes escénicas, e grazas a eventos coma este que sumen unha función teatral e un coloquio. "Esa é a idea: conseguir que a mensaxe chegue máis alá, non só ás persoas afectadas e ás persoas sensibilizadas por estes problemas, senón tamén a un público máis amplo, para que se decate da densidade e a transcendencia das cuestións que nos veñen por diante", di.

Presas xulga especialmente importante elevar a voz e mobilizarse neste momento: "Estamos a vivir un momento histórico. Quen podía pensar hai uns poucos anos que hoxe veríamos a banqueiros como Rodrigo Rato sentados no banco dos acusados? Pódense conseguir cousas, pero hai que mobilizarse". "Existe un cambio na sensibilidade social. Aí están fenómenos coma o de Podemos, ou a esixencia de maior transparencia no exercicio do poder e das accións públicas" -destaca- "E en consecuencia hai unha reacción por parte do poder; o poder está a decatarse de que as cousas xa non son como eran. E reacciona. E nós hoxe temos que dar a voz da alarma ante esa reacción do poder".

 

A obra

"O poder está a decatarse de que as cousas xa non son como eran. E reacciona. E nós hoxe temos que dar a voz da alarma ante esa reacción do poder"

Dura Lex é un proxecto de comedia satírica que xorde da idea de interrogar a xustiza desde un punto de vista teatral, "da constatación de que algo non cadra no funcionamento da Xustiza na nosa sociedade", destacan dende a compañía, que sinala os "xuízos paralelos na prensa, tribunais aparentemente coaccionados por poderosos grupos de intereses, tratamento desigual das persoas conforme a súa extracción social, corruptelas e demandas de prevaricación no estamento xurídico e unha longa ladaíña de fenómenos recorrentes na esfera da xustiza, semellan relar a raíz do ordenamento xurídico democrático".

Na xénese da obra colaborou o propio xuíz Xermán Varela, que participará no coloquio en Pontevedra. "Asesorounos no comezo do proxecto, porque coñece moi ben os intersticios do sistema xudicial e tamén as súas eivas", destaca Comba Campoy. A obra pasou xa por Betanzos, Pontevedra, a Pobra do Brollón, Monforte ou Mondoñedo, e unha das representacións, no barrio pontevedrés do Gorgullón xa se completou cunha charla a cargo de Guillermo Presas e Fran Conde, un dos 15 imputados por esixir unha investigación no caso de Diego Viñas

Cartaz de Dura Lex © Volta e Dálle
Pepe Penabade, nun momento da obra © Volta e Dálle
Pepe Penabade, nun momento da obra © Volta e Dálle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.