As 'lúas' de Guadi Galego comezan a xirar por Galicia

Guadi Galego Dominio Público Praza Pública

O último disco de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto (Fol Música), converteuse nun dos grandes éxitos da música galega do pasado ano ao vender máis de 3.000 copias dende o seu lanzamento no mes de novembro. Agora, "co disco xa asentándose entre o público", a artista inicia a súa xira en Galicia da man de Culturactiva cunha "serie inicial" de cinco concertos. Este primeiro treito da xira galega comezará por Oleiros, onde o centro cultural A Fábrica, en Perillo, se converterá o vindeiro día 6 no primeiro espazo no que se poderán escoitar ao vivo as cancións do disco.

Tras o concerto de Oleiros na noite do vindeiro venres o sábado, día 7, será a quenda para Vilagarcía, onde o espectáculo se desnevolverá dende 9 da noite no Salón García. A primeira fin de semana de directos de Guadi Galego pecharase no Auditorio de Ourense, o domingo ás oito e media. A cantante retomará o roteiro o día 21 no auditoro da Xunqueira de Redondela ás nove da noite dentro do ciclo Rede de Músicas Soltas. Unha semana despois, o día 28, as lúas escoitaranse na vila natal da artista, Cedeira, ás oito e media da tarde.

Nestes concertos Guadi Galego presentará unhas cancións que fan gala dun son máis maduro que nos seus anteriores traballos e que, segundo a artista, teñen un "nexo común": "a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a natureza e o risco". Trátase dun "exercicio de inspiración" para "atopar vías non exploradas" nunha "música chea de sinceridade" que, ata o momento, está a atopar unha gran resposta do público.

Oleiros, Vilagarcía, Ourense, Redondela e Cedeira acollerán os primeiros concertos

No que xa é o seu segundo traballo como solista Guadi Galego presenta, tal e como sinalou en Praza Pública co gallo do lanzamento do disco, un "pop de autora un chisco sofisticado e con cheiro a música popular". Nas súas composicións, di, hai un reflexo de toda a súa traxectoria: "queda todo, mais todo se transforma e muda de forma", sintetiza, nun contexto no que "quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez.

O primeiro sinxelo do traballo, Matriarcas, xurdiu dende o convencemento "rotundo" de que en Galicia existe un matriarcado, toda vez que "segundo o dicionario da RAG matriarcado é o réxime social, político e xurídico no que a nai, e en xeral a muller, exerce un papel preponderante na familia e leva a xestión do poder na sociedade". "É evidente que non sempre en presenza, pero si en esencia, a muller está en todo o que ten que ver coa sociedade, a economía familiar e a sensibilidade" do país, afirma.

Cartaz dos concertos © Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.