0 Gardados para despois

“O regreso de Manuel Guede tiña que ser máis humilde, non foi afortunado que emporcallase o concurso público do CDG”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


O intérprete Antonio Durán Morris recibirá o premio Pedigree 2012 da IX edición do Festival de Cans, que se celebrará entre o 23 e o 26 de maio. O actor, que vén de recibir o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina por Doentes, recoñece a súa satisfacción polo galardón dun festival, Cans, que viu “medrar dende os comezos”. Praza aproveita a ocasión para falar co actor do sector audiovisual, das artes escénicas, do CDG, de Vidal Bolaño e, como non, da omnipresente crise.

Que significa para Morris recibir este galardón en Cans?

É un premio moi significativo a nivel de corazón, porque eu me sinto parte dese festival. Eu formei parte da comisión encargada de inspeccionar os locais que acollería un festival que, naquel momento, era simplemente unha idea. Lembro como iamos Alfonso Pato, Julián Hernández, Suso Iglesias e mais eu de galpón en galpón... Convidábannos a cear en todos, vaia borracheira que apañamos![Ri] Francamente, ver como creceu todo isto para min é incrible. Converteuse nun festival de referencia. Primeiro porque naceu dunha idea creativa, non da administración, e co apoio de toda a vila. E segundo porque é un festival cun presente brillante, pero que tamén está baseado no futuro. O futuro do sector sempre pasa por Cans, onde conviven actores veteranos coa xente nova. Iso é o futuro. Ademais, co galardón únome a unha lista de premiados con nomes moi importantes.

"O futuro do sector sempre pasa por Cans, onde conviven actores veteranos coa xente nova. Iso é o futuro"

Cans baséase no futuro. Coa que está a caer, o futuro pinta en bastos para o sector?

Creo que pinta en bastos tal e  como está concibido. Temos que reinvertarnos. Teño unha sensación estraña. En Galicia produciuse moito e acadáronse cotas de calidade moi altas. Se botamos unha ollada á época do bipartito... Neses anos rodouse moitísimo en Galicia, pero realmente consumiuse moi pouco. Temos que rendibilizar os traballos que se fan. A administración e os produtores teñen que facer que as películas se vexan. No bipartito fixéronse moitas cousas, creáronse liñas de axuda ao talento...

"Neses anos rodouse moitísimo en Galicia, pero realmente consumiuse moi pouco. Temos que rendibilizar os traballos que se fan"

Axudas que están no aire...

Si, están no aire. Temos que reflexionar nunha cousa. Hai que facerse unha pregunta: Por que películas como 18 comidas ou Todos vós sodes capitán, que saíron desas pequenas axudas, foron máis coñecidas que outras con gran apoio da  institucións e que non tiveron moita saída. Hai que reflexionar, tanto a administración como a propia profesión.

Na gala dos Mestre Mateo repetiu vostede aquilo que xa se escoitara nos María Casares: “Non somos o problema, somos parte da solución”. Esa idea entra na cabeza das administracións ou os políticos seguen a ver o sector audiovisual e o teatro como, con perdón, un gran no cu?

Si, si. Para eles somo iso: un gran no cu. Creo que ten que haber un diálogo. Somos parte da solución todos e ten que haber unha interlocución entre a profesión, as empresas, as produtoras, os actores... Xesús Ron, que foi quen pronuncio esa frase nos María Casares, rematou a súa intervención cunha idea ben clara: “Poñámonos a traballar”. Hai que esixirlle un plan conxunto aos políticos, aos produtores e a todo o sector. Un plan consensuado para saber por onde tirar. Iso discutíase moito no bipartito. Había que buscar cuestións a curto, medio e longo prazo. Iso haino que recuperar, haxa máis ou menos cartos.

"Hai que esixirlle un plan conxunto aos políticos, aos produtores e a todo o sector. Un plan consensuado para saber por onde tirar"

Disque o sector audiovisual é un sector estratéxico. Pero é un sector estratéxico sen estratexia?

Si, pero tamén falta unión na profesión, hai que buscar esa idea de “todos a unha”. E co tema das axudas... É que non se pode quitar ese tipo de axudas. Pero hai outro problema tamén e outra idea que hai que quitar do medio. Imos ver, no audiovisual temos que acabar con esas frases de que temos grandes directores, grandes actores que están facendo cousas importantes fóra, que reciben premios... Fóra, están fóra! Repetimos unha evidencia: que todo deus tivo que liscar. Que a xente do audiovisual galego estea facendo cousas boas fóra non é unha vitoria, é unha derrota. Temos que recuperalos.

No teatro, vostede como presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), formou parte da creación da chamada Plataforma das Artes Escénicas, que se deu a coñecer naquela manifestación do Día do Teatro que se produciu trala polémica destitución de Cendán no CDG. Como é o balance desta plataforma?

É una estrutura distinta. No teatro as cousas son moi particulares, todo está moi mesturado. Os actores metéronse a empresarios coas compañías, o cal pode ser un problema a longo prazo, pero non lle vexo unha solución agora mesmo. Creo que nestas circunstancias debemos reinventarnos e por iso xorde a plataforma. Temos que ser capaces de reflexionar, canalizar o que hai, para que todos os que estamos na plataforma e na profesión teñamos unha oportunidade. Veremos a ver como evoluciona a Plataforma, a onde vai... Agora estamos, nas artes escénicas á espreita do que pase no Centro Dramático...

"Que a xente do audiovisual galego estea facendo cousas boas fóra non é unha vitoria, é unha derrota. Temos que recuperalos"

Volveu Manuel Guede e na súa presentación lanzou grandes titulares: “O CDG non está para experimentos”, “Non é a casa de todos”, “Blanca Cendán non ten interse informativo”...

Estivo moi pouco afortunado. O regreso de Guede tiña que ser máis humilde, non foi afortunada esa forma de emporcallar o concurso público para a dirección do CDG. Iso non foi exactamente como dixo el, hai distintas valoracións. Nese proceso, había que mudar as puntuacións e os baremos. Ernesto Chao e Montoto opuxéronse con razón aos baremos, pero todos estabamos de acordo co concurso público. Foi moi desafortunado emporcallar o concurso público, e tamén foi moi desafortunudado que os responsables políticos quedaran calados. Por outro lado, eu coñezo a Guede, traballei con el e considero que é un amigo. Creo que a súa chegada, como xestor, é boa cousa. Oxalá coa súa experiencia sexa quen de petar nas suficientes portas para sacar os orzamentos necesarios para o CDG. Eu cheguei a temer que o pechasen!

"Foi moi desafortunado emporcallar o concurso público, e tamén foi moi desafortunudado que os responsables políticos quedaran calados"

Sobre a destitución de Blanca? O camiño de Blanca non foi bo, xa dende o comezo. Cumpriu con A ópera dos tres reás, foi unha boa experiencia... O que non foi bo é que entrase dese xeito tan feble. Coa administración é mellor entrar doutro xeito, cun camiño para ver cara a onde tirar. Blanca é unha artista, unha actriz... Eu aconselleille varias veces como amigo que o deixara. “Déixao, vante volver tola”, díxenlle, basicamente porque andaban a meter o CDG nun canellón sen saída. E a destitución... Non se entende que dean unha rolda ao seu lado [Fasero e Anxo Lorenzo] para presentar unha produción e aos dez días a destitúan dicindo que todo era unha desfeita económica. Por que o era? Por que non? Deberíamos saber o por que! E non o sabemos, temos que saber que pasou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“Pedir as Letras Galegas para Vidal Bolaño non é unha reivindicación, é un deber”

No Gala dos Mestre Mateo, ao recibir o premio ao mellor actor por Doentes, reivindicou a Roberto Vidal Bolaño para as Letras Galegas.

Vidal Bolaño foi un home moi crítico. Parece que sempre botaba os dardos contra o mesmo lado, pero el foi un home moi crítico coa profesión. Fundou Antroido, a primeira compañía profesional e na súa escrita era un home cun forte discurso. Foi precursor da profesión, ten moitos títulos publicados e representados. Era a pluma máis persoal do país e a nivel de cultura, un home importantísimo. Eu bótoo moito de menos. Eu e toda a profesión. Pedir as Letras Galegas para un home coma el, coa súa calidade e co seu discurso excepcional, non é unha reivindicación, é un deber.

E se é un deber, que pode facer para que se lle dedique un 17 de Maio?

Nós, na executiva da AAAG, queremos facer unha proposta e enviarlla a Real Academia Galega. A cuestión é dar un primeiro paso e despois irán aparecendo apoios. Xa hai xente preparando cousas. A partir de dicir aquilo na Gala, comecei a recibir varios mails que coincidían no mesmo, que apoiaban esa idea.

“Se a Catedral de Santiago se abriu para Martin Sheen, como non se abriu a Vidal Bolaño?"

Prestoulle dicir ás claras nos Mestre Mateo que o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz, impedira a rodaxe dunha secuencia de Doentes na Catedral e en toda a arquidiocese de Santiago?

Si que me prestou, si. Eu coñecín a historia de Roberto coa Igrexa. Realmente pareceume moi triste todo aquilo. Era un dereito traballar neses tellados que son preciosos e non ter que empregar uns miserables cromas. Empobrece moitísimo a película. Encerrámonos Pico e mais eu, que somos actores que nos críamos neste país, no Jofre de Ferrol para facer unha secuencia contra uns cromas verdes imaxinando que alí estaban os tellados. Era de xustiza. A un creador hai que respectalo. Se a Catedral de Santiago se abriu a Martin Sheen, como non se vai abrir a Vidal Bolaño? É un home que falou da nosa historia,  da de Galicia e de Compostela. Hai que respectar o seu legado.