"Ningunha lingua ten forza para facer un país; o galego vira en evasión que non deixa facer nada máis"

Teresa Barro © Xerais

Teresa Barro (A Coruña, 1936) estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, e licenciouse nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1964 emigra a Londres, onde segue a traballar como tradutora. Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, coma Grial, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres.

"Galiza é un país sen estrear aínda, que ten que se facer a si mesmo e aprender a tecer o seu potencial"

Conta-nos como vês Galiza, desde a distância de morar há muito tempo em Inglaterra? Como seria uma Galiza Imaginária em que te sentisses cômoda?

Paréceme que a Galiza é un país sen estrear aínda, que ten que se facer a si mesmo e aprender a tecer o seu potencial. Estou en desacordo con esa visión da Galiza Nai, vítima, vencida e maltratada, que preponderou no galeguismo e que continúa no nacionalismo galego. Coido que esa visión é patriarcal e insire pasividade. Eu cheguei á conclusión de que o principal problema da Galiza é o patriarcado e que terá que liberarse del para empezar a ser fiel a si mesma e ás suas posibilidades. Ainda que non hai país no mundo que non sexa patriarcal, eu coido que na Galiza o patriarcado adentrou moi fondo, non sei se por influencia da Igrexa, talvez, ou se poderá haber algunha outra razón. Ese patriarcado abáfaa e tíralle folgos, lévaa a renunciar e a temer a liberdade. Para min a Galiza é unha figura ou entidade espiritual que está ainda sen expresar e sen ¨saír ao mundo¨. Intúo que a mensaxe que dará ao mundo estará relacionada co entendimento do espírito, e que será unha música distinta e de nível elevado.

"O patriarcado abafa Galiza e un dos seus efectos é a falta de visión do futuro"

Un dos efeitos dese patriarcado que, na miña opinión, abafa a Galiza, é a falta de visión do futuro. O patriarcado ancora no pasado e, como non quer que nada mude, aborta o futuro. O pasado é o que manda. Isto é un grave erro que leva ao fatalismo e ao determinismo. Sen entender que o futuro se pode e se debe construir, sexa cual sexa o pasado, nengun país pode ir adiante. A Galiza que eu ¨vexo¨ e que non me parece unha utopia, senón moi posíbel, é unha Galiza que decida ter unha economia axeitada e pensada para que cada persoa poda estudar o que lle atraia e traballar no que goste, ou, mellor ainda, no que lle apaixone. Isto precisaria cambiar por completo o sistema de ensino, saír da dependencia que insire o patriarcado, cultivar o espírito de independencia, e aceitar que o direito ao traballo é fundamental e que, mesmo por iso, hai que exixir a cada país ou nación que se responsabilice dos seus ¨fillos¨ e que se asegure de que todos eles van encontrar traballo axeitado. Quereria ver unha Galiza con forte agricultura, industria, comercio e redes de comunicación de todo tipo. Paréceme que cando se pensa na economia da Galiza haberia que pensar en como facer o diñeiro e non só en como distribuílo ou gastalo, e que sempre hai que contar non só co que hai, senón co que poderia haber, e estimular ese potencial. Saír do patriarcado querería dicer tamén deixar atrás o espírito de clan, os tribalismos e iso que se chama ¨individualismo¨, que vén sendo loitar só pola finca dun e por non deixar que lle movan os marcos. Habería que cultivar a auténtica individualidade, o espírito de amizade e a crenza no ben común, e aplicar a todo a paixón propria da criación. Todo iso significa amar a liberdade e saber que o futuro ten sempre algo de novo e descoñecido que hai que respeitar e potenciar.

E como é a tua experiência em Inglaterra? Que é o que mais aportou para a tua pessoa?

Inglaterra foi para min o descobrimento doutro mundo moi distinto do que eu coñecía. Foi o comezo dunha ¨socialización¨ a escala internacional, como a que fai cada persoa cando se ¨socializa¨ e vai descobrindo que hai outros mundos amais do da súa familia. Aínda depois de tantos anos (50) que levo vivindo na Inglaterra, ségueme interesando e até sorprendendo, quizais, sobre todo, por ser tan distinta ao meu país. Cando eu cheguei a Londres por primeira vez, en 1964, encontrei unha Inglaterra na que se notaban aínda moito os golpes da recente perda do imperio e da segunda guerra mundial. A maneira en que asimilaron todo iso foi admirábel, moito máis se se compara co mal que se levou a perda do imperio español. Gosto inmenso da seriedade intelectual, de que non sexa fácil dar gato por lebre, da análise e crítica política, social e intelectual continua, do entendemento da historia e polo tanto do propio país, e do espírito de loita, debate e organización, o de saber que hai que dar batallas e estar dispostos a facelo o mellor posíbel. Sei moi ben que lle debo moitísimo do que son a esa experiencia, que foi difícil e que non cambiaria por nada. Inglaterra tamén me serviu de contraste co meu país e iso estimuloume a pensar e ver a Galiza dun xeito distinto a como a veria sen esa experiencia.

Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a cultura galega, em particular-?

Estimo que todos os camiños de criación son interesantes e necesarios. Creo que na Galiza fai falta análise e crítica en todos os terreos, no das artes tambén. Se algunha vez a houbo, desapareceu. Agora son as universidades as que semellan ter todo o poder para decretar o que está ben, e iso non pode dar bon resultado. Non é desexábel que o académico invada e se apropie de todo, porque acaba secando a cultura e a criatividade.
Eu coido que haberia que educar o sentimento, a faculdade do sentir, como se educa o intelecto. Como o patriarcado decretou que o sentimento era feminino e ¨cousa de mulleres¨, ficou sen cultivar. Creo que as artes todas abren a imaxinación e os horizontes e cultivan e refinan o sentimento. Por iso teñen unha importancia fundamental que non se lles recoñece.

"Non acredito nese auto-odio ao que se lle atribúe o abandono da lingua galega"

Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)?

Creo que o galego e o portugués son a mesma lingua e que, por circunstancias políticas e históricas, ficaron separadas. A lingua portuguesa seguiu vivindo unha vida normal e espallándose por outros continentes co imperio portugués. Galiza, en cambio, quedou formando parte do reino de Castela e León, e o galego foi perdendo forza e vitalidade fronte ao castelán. Penso que é un desatino afirmar que, nesas circunstancias, o galego seguiu tendo unha vida e unha evolución normal. O que sucedeu co galego teria sucedido en calquer outro país nesas circunstancias históricas, e non foi culpa de ninguén. Botarlle a culpa dun proceso que levaba moitos séculos en marcha ao réxime de Franco, ou a que os pais da Galiza rural non querían que os fillos falasen galego, paréceme un disparate histórico e unha negación da realidade. Comparar a situación da Galiza coa da Catalunya paréceme outro grave erro histórico: os cataláns seguiron falando o catalán porque non formaron parte do reino de Castela e seguiron facendo a súa vida, mentres que Galiza quedou incorporada a Castela e, amais, separada de Portugal, considerado traidor na España ¨unificada¨ por se ter independizado da ¨nai patria¨. Portugal virou o inimigo desprezado, e ese inimigo desprezado tiña a lingua que se falaba na Galiza. Isto tivo que influír moito, moitísimo, na imaxe que na Galiza se tiña da lingua galega, e, que eu saiba, non está estudado. Non acredito nese auto-odio ao que se atribúe o abandono da lingua e, ainda que creo que ter lingua propria é unha riqueza e que aga a pena defendela e potenciala, penso que habería que analizar o asunto sen negar realidades e sen ¨orgullo de familia¨. A lingua é importante, mais ás veces semella que se Galiza falase galego xa non habería máis problemas de nada. Ningunha lingua ten forza abondo para facer un país e Galiza, aínda que perdese a língua, teria unha forte personalidade, como a teñen Irlanda ou Escocia a pesares de que perderon o gaélico e falan o inglés. Ás veces sospeito que o da lingua virou unha evasión e que non deixa pensar en outras cousas.

"Ningunha lingua ten forza dabondo para facer un país; ás veces penso que o da lingua virou nunha evasión que non deixa pensar en nada máis"

Cando se oficializou a lingua galega e se meteu no ensino non se quixo admitir a realidade de que esa lingua non podia estar en bo estado, ao ter ficado cada vez máis isolada no medio rural e en mans de persoas con pouca cultura. Nesas condicións, o lóxico era que non adquirise recursos e vocabulario moderno, e que a lingua perdese vida e creatividade. Esta perda de recursos segue hoxe, a pesares do ensino e a oficialización. O galego está contaminadísimo de castelán (e agora de inglés), até o punto de que é mais castelán disfrazado de galego que outra cousa. A fonética galega que eu ouvín de moi nova nas aldeas isoladas era igual á do portugués. Esa fonética formaba parte do que entón xa se chamaba, con desprezo, ¨gallego cerrado¨. Esa fonética galega perdeuse e non se fixo nada por recuperala. O resultado é que agora o galego fálse con fonética castelá, con vogais máis fechadas que as do castelán. A fonética galega segue viva no portugués e haberia que imitala e aprendela para falar galego. O galego quedou con pouco vocabulario, nin novo (hai en galego vocabulario automobilístico, por exemplo, ou médico, ou técnico?) nin vello. Non se insulta en galego, e non porque falte vocabulario niso, e é cousa sabida entre os estudosos da relación entre dúas ou máis linguas que, á hora de insultar, hai unha forte tendencia a acudir á verdadeira lingua dun, aínda que habitualmente se fale outra. Que ¨gilipollas¨ sexa insulto habitual entre nacionalistas galegos dá idea do estado en que se encontra o galego e do pouco que se coida. E tamén o de que todas as frases e expresións novas veñan do castelán e non xurda ningunha en galego. O lóxico seria acudir ao portugués para curar o galego e pólo ao día, mas para iso haberia que cambiar a mentalidade e renunciar a entrar no mundo da língua portuguesa con espírito imperial, de que o idioma é ¨noso¨, sen ter en conta o que pensen ou sintan os que falan portugués, aos que o galego (o que agora se presenta como galego) parécelles castelán mal amañado. Para min é un exemplo do patriarcado que impera na Galiza a afirmación de que o galego é o pai do portugués, é dicor, o patriarca con dereito a mandar en todos. Coido que a lingua galega precisa cultivo coidadoso e axeitado e que o que se está facendo é negarse a ver a doenza e non aplicarlle remédio.

"O galego está contaminadísimo de castelán), até o punto de que é máis castelán disfrazado de galego que outra cousa"

Como é a tua experiência como tradutora?

Para min a tradución é música, a interpretación dunha partitura, e iso tanto se é traducion ¨aburrida¨, de documentos, que é a que fago profesionalmente, como se é literaria. En todo o Estado español, e na Galiza tamén, non se aprecia a tradución nen se entende que traducir é unha arte, e confúndese con descifrar outro idioma. Todo o mundo pensa que con saber outro idioma xa se sabe traducir, que vén sendo como crer que con saber algo de solfexo xa se sabe tocar o piano. A ¨loita¨ entre dúas linguas que hai sempre no proceso de tradución é fascinante: hai que entrar a fondo e con grande sensibilidade na lingua extranxeira da que se traduce, mais hai tamén que oporlle resistencia para non se deixar levar por ela. A min traducir descánsame a mente, supoño que porque é escribir, mais sen o pánico que me entra cando escribo as miñas cousas, onde sempre penso que non me van sair.

Fala-nos da tua visão sobre o feminismo… Tens trabalhado, mais em concreto, sobre a figura de Rosalía. Como a vês na actualidade?

Cando eu pensaba nos asuntos das mulleres antes de ¨descubrir¨ e analizar o patriarcado, sempre chegaba a un punto en que non cadraban algunhas das pezas. Despois, cando vin que fora o patriarcado o que decretara a inferioridade das mulleres e do feminino para establecer xerarquía e ditadura xa desde que nacíamos, as pezas todas encaixaron perfectamente. Iso mudou algo o meu pensamento feminista e ampliouno.
Penso que se non saímos dese patriarcado que rexe o mundo desde tempos inmemorais, as mulleres, por moito que consigan dentro do sistema, seguirán reducidas e inferiorizadas, e que a sociedade patriarcal buscará a maneira de telas prisioneiras. O patriarcado decretou a superioridade dos homes e a inferioridade das mulleres para que o autoritarismo e a inxustiza que se aprenden na familia se repitan logo en todas as estruturas da sociedade e parezan naturais e de orixe divina. A cuestión era establecer superioridade e inferioridade nata e irremisíbel. Paréceme que, aínda que as mulleres consigan máis igualdade, mentres sigamos no patriarcado as estruturas seguirán funcionando contra elas. Penso tamén que na sociedade patriarcal, os homes, ainda que ¨superiores¨, están amputados e presos no papel decretado para eles, e que o masculino está igual de falseado que o feminino.

"Se non saímos do patriarcado que rexe o mundo, as mulleres seguirán reducidas e inferiorizadas"

Paréceme fundamental, para que as cousas muden, que haxa algunhas mulleres, ou moitas, que escollan dedicarse con paixón a outras cousas que non sexan a familia e a maternidade. Nestes momentos vexo mulleres que precisan atender a todo sen a mínima tranquilidade, e que están divididas por dentro e non saben o que queren, porque a sociedade, que non vai deixar que abandonen o papel de coidadoras da familia e de nais ¨patriarcadas¨, dilles que poden e deben telo todo. Tamén sería fundamental que as mulleres entendesen a maternidade como un labor de creación e educación, e non de reprodución automática da sociedade establecida. Espero, e estou segura de que vai ser así, que nalgun momento as mulleres deixen de colaborar co patriarcado e de admirar o mundo ¨masculino¨ e se atrevan a facer as cousas de outro xeito.

"A figura de Rosalía aínda non está recoñecida como debera"

Para min o feminismo non se centra só nos problemas das mulleres, senón na potenciación do feminino auténtico, non do imposto e falseado polo patriarcado. Penso que o decreto de que o feminino era inferior ao masculino amputou o mundo e a sociedade humana. O patriarcado quere un mundo de mando e submisión, de absorción e anulación do ¨outro¨, e para min forma parte do feminismo loitar contra iso. Aspiro, como feminista, a que o feminino teña forza e se manifeste sen medo. E isto paréceme de importancia primordial para que o mundo funcione mellor.
En relación a Rosalía, sempre afirmei que foi unha grande feminista, e até coido que escribín un artigo hai moito tempo que se titulaba ¨Rosalia feminista¨. Eu non creo nos catecismos de ningún tipo, nos feministas tampouco, e penso que non pode haber unha definición única do que é ser feminista. Unha figura como a de Rosalia puido parecer ¨atrasada¨ porque non se axustaba aos canons de certo tipo de feminismo, mais ser escritora ¨seria¨ no século dezanove, e non cantar ¨ás pombas e ás frores¨, era xa feminista en canto que ninguén cría que fose oficio de mulleres e que estas puidesen achegar nada. Esa foi a razón de que moitas escritoras do dezanove escollesen publicar con pseudónimo masculino, para que as tomasen en serio. Rosalía tivo a grande valentía de presentarse como muller, e de usar con forza o sentimento e a emoción sabendo que iso levaría a que a acusasen de ¨sentimentalismo¨. Penso que ainda non está recoñecida a figura de Rosalia como debera.

Es a autora de um livro sobre astrologia. Comenta-nos o que achas interessante sobre ela…

A Astroloxia sempre foi parte importante da miña vida e semellaría que nacín con ela dentro, pois que non lembro que en ningún momento a descubrise. Desde moi nova andaba procurando e lendo con paixón todo o que había sobre ese tema, en revistas, libros ou onde fose. Logo tiven a oportunidade de estudala en serio, en Londres, na Faculty of Astrological Studies, nuns estudos que me apaixonaron e me descobriron un mundo novo que nen sospeitaba que existise. A partires deses estudos vin a Astroloxía como a matemática do espírito, en canto que é, entre outras cousas, un sistema que ensina como funciona o espírito. Vin, por exemplo, con grande claridade, que todos nacemos cunha ¨partitura¨ que temos que aprender a ¨tocar¨, que cada un de nós nace como un instrumento musical en bruto que hai que perfeccionar, e que se non se fai esa tarefa individual e importantísima, logo nas relacións cos demais e co mundo e a vida vaise desafinar e actuar a destempo, ou querendo destacar máis que ninguén ou renunciando a facerse a un mesmo. A Astroloxía axudoume moito tamén a entender o masculino e o feminino e a interacción e relación entre esas duas enerxias. Para min, a Astroloxia é pura beleza, como a música ou a poesía. A Astroloxía forma parte integral da miña vida, non hai día que non analice ou pense nalgo astrolóxico, e axudoume a coñecerme a min mesma no sentido en que os filósofos dician que habia que facelo, e a entender a vida e o mundo e saber de onde vén o vento en cada momento.

"Todo, o pensamento e a acción, semella vir como un lóstrego"

Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

Nestes momentos estou moi centrada en escribir e en facelo sobre todo nos meus blogs (Desde Albion para Galiza e Viento de marzo), que me permiten unha grande liberdade que aprecio moitísimo. E logo, o que veña… Estou sempre disposta a empezar cousas novas e a miña vida está en xeral marcada polo repentino e inagardado: todo, o pensamento e a acción, semella vir como un lóstrego.

"No país enténdese o debate por non deixar falar os demais e eliminar o opoñente"

Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

Gusto muito en Palavra Comun da liberdade que se adiviña e a falta de imposición de ningún tipo que semella ter. Véxolle alento criativo e poético, e iso é moi importante. Talvez sería interesante que tivese algunha sección de debate, e quero dicir de debate auténtico (que fai moita falta no noso país), con argumentacións e sen partir de que hai que gañar e impor a opinión propia, con ánimo de ver e analizar os asuntos desde distintos ángulos e partindo de que a verdade hai que procurala todo o tempo, que custa muito aproximarse a ela, e que hai que facer ese esforzo entre todos con ánimo de aprender e prefecccionar. Mais isto si que me parece unha utopía nun país no que por debate se entende non deixar falar os demais e eliminar o oponente. Estou segura de que, mesmo porque Palavra Comun ten alento creativo, irán xurdindo temas novos e interesantes.

Teresa Barro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.