Cada familia galega gasta en cultura 270 euros menos que antes da crise

Gasto medio por fogar en bens e servizos culturais Dominio Público Praza Pública

Os galegos e galegas gastamos cada ano en cultura un 32% menos que antes do inicio da crise. En concreto, o gasto por familia en bens e servizos culturais pasou de 832,5 euros en 2007 a tan só 563,3 euros en 2013, segundo os datos do INE que recolle e analiza o Observatorio da Cultura Galega, que vén de publicar un informe sobre a Evolución do gasto cultural dos fogares galegos.

A evolución é semellante á seguida no conxunto do Estado nos últimos seis anos, nos que o gasto descendeu dende os 1.020 ata os 673 euros, unha redución do 34%. Ata o 2009 o gasto en bens e servizos culturais mantíñase aínda en niveis altos, roldando os 800 euros por fogar en Galicia, pero nos catro anos seguintes as caídas foron moi importantes. O gasto en cultura en Galicia, moi por debaixo da media estatal, sitúase só por riba da rexistrada en Estremadura, Murcia, Castela-A Mancha e Castela e León. 

2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
778,9 832,5 820,4 799,3 768,2 705,4 644,9 563,3

Gasto medio por fogar en bens e servizos culturais en Galicia (en euros). Fonte: INE

Analizando polo miúdo os datos, podemos ver que a evolución do gasto nos últimos anos non foi a mesma para cada produtos ou servizo cultural. Así, os libros e as publicacións periódicas sufriron o descenso en maior medida. Se en 2007 cada familia gastaba 88,7 euros por ano en libros non de texto, en 2013 este gasto reducírase a 47,7 euros, case a metade. Iso si, entre 2012 e 2013 este gasto creceu levemente (2,5 euros por fogar). En canto ás publicacións periódicas impresas, o gasto pasou de 125,9 a 69,6 euros. Tamén cae, e moito, o gasto en espectáculos, dende os 73,8 euros ata os 39 euros.

Se en 2006 os libros e publicacións periódicas impresas representaban máis da cuarta parte de todo o gasto en cultura, nos últimos datos dispoñibles este capítulo non representa máis do 15% do total

Algo mellor resistiu o gasto dedicado a adquirir produtos audiovisuais, fotográficos e cinematográficos, que pasou de 118,6 euros en 2007 a 68,9 en 2013, e que mesmo chegara a ascender ata os 143,8 en 2010. O único capítulo que crece é o dedicado a gastos relacionados coa informática e Internet, que era de 195,1 euros en 2007, e que se situou en 198,7 en 2013. Con todo, tamén a crise económica tivo efectos, e fixo que este grupo de gasto leve en descenso dende o seu máximo acadado en 2009.

Se en 2006 os libros e publicacións periódicas impresas representaban máis da cuarta parte de todo o gasto en cultura, nos últimos datos dispoñibles este capítulo non representa máis do 15% do total. Tamén o gasto en espectáculos pasou de ser o 9% de todo o gasto cultural das familias, a ser apenas o 6,5%. Pola contra, o peso do capítulo de informática e Internet creceu dende o 24% ata o 33%.

Gasto medio por fogar en bens e servizos culturais Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.