Galeano enviou o seu lume ata o final

Eduardo Galeano CC-BY Donostia Kultura

Eduardo Galeano, de 74 anos de idade, finou este luns en Montevideo, por mor dun cancro de pulmón que arrastraba dende había anos e polo que fora ingresado nos últimos días. Morre o mesmo día que Günter Grass, a case doce mil quilómetros un do outro, nun triste día para as letras universais. Visitou moitas veces Galicia; en 2012 pasou por Ourense e Compostela para presentar o seu último libro, Los Hijos de los Días, unha colección, a xeito de calendario, de 366 textos breves, argumentos morais en forma de aforismos, de contos, de chistes, sobre a pobreza, a ecoloxía, o racismo, os dereitos civís ou América Latina. Sobre a xustiza e a dignidade, palabras pensadas "para que a razón pase por riba do medo", como el mesmo sinalou nesa ocasión. 

Las venas abiertas de América Latina, unha lectura da historia do continente como un proceso de espolio dos seus recursos, marcou toda unha xeración, sendo prohibido pola censura nas ditaduras arxentina, chilena e uruguaia. A pesar de que el mesmo recoñeceu en moitas ocasións as eivas dunha obra que quixo ser un tratado de economía política para o que Galeano non tiña (aos seus 31 anos) a preparación necesaria, o libro segue mantendo un innegable peso simbólico na esquerda americana e nos procesos políticos en marcha, baseados en boa medida na recuperación da soberanía. Non é casual que en 2009 Hugo Chávez lle regalase un exemplar a Barack Obama, como xesto de desafío e afirmación, un acto que situou ese mesmo día a obra entre as dez máis vendidas en Amazon.

Las venas abiertas de América Latina, unha lectura da historia do continente como un proceso de espolio dos seus recursos, marcou toda unha xeración

A reivindicación da xustiza social está presente en toda a obra de Galeano, que aínda en 2013 dixo que "sigo crendo que a contradición máis importante que move o mundo é a contradición que separa os indignos dos indignados, e xa saberá cada quen de que lado quere ou pode estar". Por Los Hijos de los Días pasaban moitos deses indignados, dende os indíxenas en América Latina ás sociedades ameazadas pola débeda externa, pero tamén os republicanos españois que liberaron París ou as coruñesas Elisa e Marcela, que casaron en 1901. Ou o Rosa Luxemburgo, "que tanto loitou para que houbese xustiza con liberdade e liberdade con xustiza". En Compostela Galeano dixo que ao igual que alguén recolleu o zapato que lle caeu cando a levaban para matala, "todos os días alguén recolle da lama esa mesma bandeira de xustiza e liberdade en calquera lugar do mundo".

Aínda en 2013 dixo que "sigo crendo que a contradición máis importante que move o mundo é a contradición que separa os indignos dos indignados, e xa saberá cada quen de que lado quere ou pode estar"

Esa sensibilidade polas loitas sociais facía que non fose estraño que o escritor accedese, gustoso, a apoiar causas locais coma a loita contra a megamina de Corcoesto, como sucedeu en 2012. O que define, en definitiva, a traxectoria de Galeano como escritor, como xornalista (Marcha, Brecha...) e como persoa é o seu humanismo e a súa mirada limpa, denunciando nun dos seus moitos aforismos que "este é un mundo que te domestica para que desconfíes do próximo, para que sexa unha ameaza e nunca unha promesa". Esa actitude vital insubornable e obras como Memoria del fuego (1982-86) ou El libro de los abrazos (1989) foron engrosando, ao longo de varias xeracións, unha lexión de seguidores nunha e outra beira do Atlántico, que converteron a Galeano nun referente moral, nun referente de dignidade e da esperanza de que os actos teñen consecuencias.

No derradeiro relato de Los Hijos de los Días, Galeano lembra o consello que daba o romano Serenus Sammonicus para acadar a inmortalidade: colgar do peito a palabra Abracadabra, que en hebreo significa “envía o teu lume ata o final”

Como bo uruguaio, Galeano sentía auténtica paixón polo fútbol. O escritor (hincha do Nacional de Montevideo) definíase como “un mendigo do bo fútbol” e reivindicouno en varias obras (Su majestad, el fútbol ou El fútbol a sol y sombra), entrevistas e artigos xornalísticos: "Para a dereita, o fútbol era a proba de que os pobres pensan cos pés; e para a esquerda, o fútbol tiña a culpa de que o pobo non pensara. Esa carga de prexuízo fixo que se descualificara unha paixón popular". Galeano era un habitual do Café Brasilero, no centro de Montevideo, tamén frecuentado por Benedetti, finado hai seis anos. Uruguai perde con el un dos seus grandes referentes culturais durante as últimas décadas e durante os vindeiros días comezará unha serie de homenaxes.

Galeano deulles o seu alento e as súas palabras a milleiros de lectores, durante décadas, en todo o mundo. Atreveuse mesmo a definir a utopía e a súa procura, algo que ben pode servir para o que loita todos os días coma para o que escribe, dicindo que "a utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte corre dez pasos máis aló. Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar". No día da súa morte pódese lembrar o relato que pecha Los Hijos de los Días (2012), no que Galeano lembra o consello que daba o romano Serenus Sammonicus para acadar a inmortalidade: colgar do peito a palabra Abracadabra, que en hebreo antigo significa “envía o teu lume ata o final”. 

Galeano, asinando libros en Compostela © Lilith Mulleres
Eduardo Galeano, apoiando a loita contra a mina de Corcoesto, hai tres anos CC-BY-SA Plataforma pola defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.