O CDG estreará en outono 'O Profesional', dirixida polo propio Manuel Guede, en substitución de 'As Furias'

Imaxe d'O Profesional © CDG

Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG), Anxo Lorenzo (secretario xeral de Cultura) e Juan Carlos Fasero (director do AGADIC) presentaron esta mañá a nova produción da compañía pública. O Profesional é unha obra do serbio Dusan Kovacevic ambientada en 1990, dez anos despois da morte de Tito e cando estaba a piques de estoupar a guerra en Iugoeslavia (da que fan vinte anos). Montarase en coprodución coa Companhia Teatral de Braga, que xa a estreou en 2007, e terá un custe "bastante" inferior ao da peza prevista polo anterior equipo xestor do Centro Dramático Galego (CDG) , aínda que Guede, Lorenzo e Fasero non quixeron dar unha cifra exacta.

A montaxe lusa do 2007 fora dirixida tamén polo propio Guede

A montaxe lusa do 2007 fora dirixida tamén polo propio Guede, que deste xeito realizará unha relectura da obra, desta volta con catro actores galegos. Estrearase o 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en carteleira ata o día 21 do mesmo mes, para iniciar despois unha xira por 11 prazas (9 galegas e 2 portuguesas) cun mínimo de 34 funcións. Guede agradeceu expresamente ao director da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, a súa xenerosidade e colaboración na cesión de dereitos, así como da escenografía, parte do atrezzo, vestiario e espazo sonoro, entre outras achegas artísticas, que facilitará unha importante redución nos custes finais.

Guede prevé que o CDG estree "dúas ou tres" obras ao ano, grazas ao emprego "de diferentes fórmulas encamiñadas á optimización de recursos”

Na rolda de prensa, tamén se anunciou que o Consello Asesor do CDG pasará a ser un espazo "verdadeiramente representativo da profesión, a formación e a programación teatral", coa participación como vogais de membros das principais asociacións profesionais do sector (Escena Galega e Asociación de Actores e Actrices de Galicia), do centro de ensino de referencia que é a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) e de representantes dos colectivos de programadores. Guede prevé que o CDG estree "dúas ou tres" obras ao ano, grazas ao emprego "de diferentes fórmulas encamiñadas á optimización de recursos”.

Imaxe d'O Profesional © CDG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.