Denuncian a falta de bibliotecas en Vigo e demandan a súa apertura en varios barrios

Biblioteca pública Xosé Neira Vilas © Concello de Vigo

Necesita Vigo máis bibliotecas? Así o denuncia unha petición online aberta en change.org que xa supera as catro mil sinaturas. Sinala que a cidade só conta con dous centros públicos, a Biblioteca Central, no Casco Vello, e a Biblioteca Xosé Neira Vilas, no Calvario, fronte aos oito dos que dispón A Coruña, con menos poboación. A petición subliña que na cidade olívica non existe unha rede municipal de bibliotecas como hai en calquera cidade española do mesmo tamaño ou máis pequena. "É unha vergoña para Vigo, e para todas as cidadás e cidadáns desta cidade", engade.

A petición dirixe persoalmente a súa demanda aos principais candidatos e candidatos á alcaldía da cidade nos comicios do 24 de maio, Abel Caballero (PSdeG-PSOE), Elena Muñoz (PP), Serafín Otero (BNG) e Rubén Pérez (Marea de Vigo), solicitándolles que "se comprometan a crear unha rede de bibliotecas municipais en Vigo".

"As bibliotecas garanten o dereito de todas as persoas a acceder á cultura (libros, música, cines e actividades culturais) independentemente dos seus recursos económicos ou de en que barrio vivan. Apoian o traballo dos colexios, promoven a lectura, facilitan tanto a formación das persoas maiores como a  da mocidade. Axúdannos na procura de emprego, dánnos un lugar de encontro para a xente do barrio onde informarnos das actividades e  promover e preservar a cultura local", defenden os impulsores da petición. Conclúen que "a cidadanía de Vigo non pode seguir sen contar cun servizo de bibliotecas nos barrios, xa que isto entorpece o desenvolvemento cultural e intelectual de toda a poboación e a sitúa na cola das cidades de España en canto a Servizos Públicos de Bibliotecas".

A oferta de bibliotecas complétase en Vigo con algún centros dependentes de Afundación, a universidade e outras entidades, coma a Fundación Penzol, o Museo do Mar de Galicia ou o Instituto de Investigacións Mariñas. Porén, só conta con dúas xestionadas directamente polo Concello. 

Biblioteca Central de Vigo © Concello de Vigo
Biblioteca pública Xosé Neira Vilas © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.