17 bens patrimoniais galegos, na 'lista vermella'

Sanatorio de Cesuras © diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com

A Asociación Hispania Nostra traballa dende 1976 promovendo a conservación e o acrecentamento do Patrimonio Cultural e Natural en toda España. A entidade naceu como unha resposta á demanda de participación da sociedade civil nas tarefas de conservación do Patrimonio, que impulsara o ano anterior o Consello de Europa ao organizar o Ano do Patrimonio Arquitectónico Europeo.

A asociación elabora e mantén actualizada unha lista vermella de elementos patrimoniais ameazados, en perigo ou con eivas na súa conservación. Hispania Nostra destaca 17 bens culturais ameazados en Galicia, aos que vén de incorporar o lalinense Pazo de Bergazos, tamén chamado Pazo dos Gil Taboada, unha casa construída a finais do século XVI e que se atopa en estado de abandono, cunha recente caída dun dos seus muros, No lugar naceron algúns persoeiros ilustres, coma Felipe Antonio Gil Taboada, que chegou a ser arcebispo de Sevilla e Conselleiro de Estado de Felipe V.

Os restantes bens patrimoniais galegos presentes nesta lista son os xardíns do Balneario de Mondariz, a igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín), a Casa Becerra (Vilagarcía de Arousa), o mosteiro de San Paio de Albeos (Crecente), o mosteiro de Santa Comba de Naves (Ourense), o mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia), o pazo do Casal (Brión), o barrio de Ferrol Vello, a Torre de Hércules, as pinturas murais medievais de Moraime (Muxía), o Sanatorio para tuberculosos de Cesuras, a igrexa de San Mamede de Vilasouto (O Incio), o Pazo episcopal de Diomondi (O Saviñao) e a Torre da Fortaleza de Sarria.

Entre as boas novas, atopamos que nos últimos meses tres bens patrimoniais galegos saíron da lista: Castelo de Pambre, a Basílica da Ascensión de Augas Santas (Allariz) e o Forno dos Mouros (Toques), debido a que o seu estado mellorou ou se incrementou a súa protección ou mecanismos de conservación.

O Pazo de Bergazos atópase en estado de abandono © historiadeza.wordpress.com
Pinturas murais medievais no mosteiro de Moraime (Muxía) © antiguaymedieval.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.