0 Gardados para despois

Paz-Andrade ensaísta: os soños dun ilustrado

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Tampouco debemos deixar intocado o transfundo do problema. A forma de encapsulamento social en que Galicia viviu relegada, polo menos ata a segunda metade do século XIX, vén de moi atrás. A pescuda podería retrotraerse aos comezos do réxime feudal. Ou, cando menos, aos abruptos anais do século XV. É aquí onde se insiren os principais eslavóns da fractura interna, que ía aniquilar á vez a estrutura produtiva e a organización social do Reino. Nada parece máis contrario á expansión que o clima de opresión. Máxime cando dúas clases minoritarias como a nobreza e o clero son as que apertan as torcas sobre as ansias de emancipación da inmensa maioría". Foi Valentín Paz-Andrade quen escribiu estas palabras, no seu ensaio La marginación de Galicia, editado en 1970.

Paz-Andrade denunciou sempre o “xugo”, -tal como o define en La marginación de Galicia-, que oprimira o país, impedindo o desenvolvemento do seu potencial

Este libro complementa outro anterior, Galicia como tarea, do 1959. Paz-Andrade denunciou sempre o “xugo”, -tal como o define en La marginación de Galicia-, que oprimira o país, impedindo o desenvolvemento do seu potencial. E a súa análise, desenvolvida na súa obra ensaística e xornalística, continúa, en boa medida, vixente. “Nunca, desde os tempos dos ilustrados, se fixera no pensamento social galego unha tentativa tan sistemática de propoñer non de forma retórica senón concisa e argumentada, unha vía de industrialización para Galicia”, escribe o historiador Ramón Villares no limiar da edición facsimilar de Galicia como tarea que Xerais tirou do prelo este ano con motivo do Día das Letras Galegas.

O xermolo deste volume, -“o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”, tal como definiu o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín-, naceu da participación de Paz-Andrade no 1957 nunhas conferencias en Bos Aires sobre economía e cultura galega, convidado polo Centro Galego con motivo das Xornadas Patrióticas. Dous anos despois foi publicado na capital arxentina por Ediciones Galicia, coa coordinación de Luis Seaone.

“O grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista”, tal como definiu o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín

“Foi un libro moi valorado entre os seus destinatarios do exilio porteño e doutros exilios, pero padeceu no interior as dificultades da súa edición afastada e da escasa distribución na Terra, así como unha recepción non moi calorosa no campo do galeguismo cultural. Quixo Paz-Andrade asegurar a súa argumentación no 1970, na casa editora transcontinental, de La marginación de Galicia, pero tampouco se chegou a converter en obra de referencia á hora de construír unha interpretación moderna de Galicia, a que podería servir de base para o ‘novo nacionalismo’ dos sesenta e setenta do pasado século. Ese mérito corresponderíalle ao libro de Xosé Manuel Beiras, O atraso económico de Galicia, (1973), que ten algunha parentela coa obra económica de Paz-Andrade pero que se diferenza claramente del no seu enfoque analítico e nas consecuencias políticas que se derivan de cadansúa visión de Galicia”, comenta Villares no limiar.

O propio Beiras, nunhas declaracións que cita Xan Carballa na súa Biografía de Valentín Paz-Andrade (Galaxia), asegurou que “o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir aínda hoxe a patoloxía endémica deste país”. A proposta de Paz-Andrade para a industrialización de Galicia aséntase en dous piares, segundo resume Villares: a abundante man de obra e a riqueza nun recurso básico como é a auga: doce, para a produción hidroeléctrica, e salgada, para a industria pesqueira, que el mesmo tentou impulsar implicándose na creación de Pescanova. E, “dada a debilidade da banca e do aforro rexional, apela o autor, apoiado nas teorías de M. Keynes, á necesidade dunha creciente intervención del Estado no investimento industrial, para o que é preciso que o Instituto Nacional de Industria (INI) supere a súa baixa proporción de investimentos ata daquela realizados en Galicia”, explica Villares.

O propio Beiras asegurou que “o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir aínda hoxe a patoloxía endémica deste país”

Os argumentos de Galicia como tarea amplíanse en La marginación de Galicia. O problema comeza, segundo o autor, coa “marxinación do home”. O “desequilibrio demográfico” ten que ver, na súa opinión, non coa “falacia” do “exceso de poboación” como causa do subdesenvolvemento, senón cunha elevada densidade concentrada nunhas determinadas zonas que, unida ao dominio da economía, naquela altura, polo sector agropecuario, atopa o seu escape na emigración. “A súa achega á causalidade da emigración galega arguméntase mediante o recurso a obras de ilustres científicos sociais, (Hicks, Fromont, Landry), que xa postulaban entón a necesidade de entender as migracións como un resultado das diferenzas de renda entre lugar de orixe e lugar de destino, o que hoxe se chamaría ‘privación relativa’, e non mediante alusións á miseria, ao desexo de aventura e por aí adiante”, xulga Villares.

A “marxinación do capital” é, segundo Paz-Andrade, outro dos eixos da cuestión. Non abonda, entende, co tópico da Galicia como terra rica que vive pobremente

A “marxinación do capital” é, segundo Paz-Andrade, outro dos eixos da cuestión. Non abonda, entende, co tópico da Galicia como terra rica que vive pobremente. O marco administrativo provincial, “pezas dunha cuadriculación artificial”, constitúe, ao seu ver, un dos primeiros obstáculos. Como o dualismo interior, no que conviven “núcleos industrializados” con retagardas “de atraso e autoconsumo”. Ou o feito de que o país quedou á marxe ou participou “escasamente” nos “grandes despregues financeiros que comandan os núcleos favorecidos pola polarización do poder económico, o oligopolio da enerxía e a transmigración do aforro”. A descapitalización lastra, así, o avance industrial. En canto ao agro, a modernización técnica, a diversificación de cultivos ou a mellora das infraestruturas, xunto coa creación dunha rede de Caixas Rurais ben organizada, son algunhas das súas propostas.

"Só o galego pode utilizarse como vehículo para a relación con Brasil, onde tal vez se acumula a maior dispoñibilidade de recursos naturais do mundo, e, tanto o nivel demográfico como o desenvolvemento económico, adquiren aceleradamente dimensións espectaculares"

Mais unha das dimensións da orixinalidade destes ensaios, para o seu tempo, reside na súa consideración da cultura como un dos factores nos que debe asentarse ese desenvolvemento posible. E a marxinación do idioma, é, por isto, unha das principais pexas a superar. A súa estratexia, ao respecto, é a do “galaico-portugués”. O castelán, -di en Galicia como tarea-, “fálase en vinte nacións do novo Continente. Pero a máis extensa e poboada da área ibero-americana fala portugués. Só o galego pode utilizarse como vehículo para a relación con Brasil, onde tal vez se acumula a maior dispoñibilidade de recursos naturais do mundo, e, tanto o nivel demográfico como o desenvolvemento económico, adquiren aceleradamente dimensións espectaculares. Ninguén pon en dúbida que, algún día, seguramente non moi afastado, a hexemonía económica mundial será exercida, ou cando menos compartida, por aquel favorecido anaco do mundo cuxa conquista iniciou Pedro Álvarez Cabral”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

“Non esqueza que, de primeiras, sempre fun xornalista”

Paz-Andrade conta tamén cunha recoñecida obra especializada no tema da pesca, con títulos como Principios de economía pesquera, de 1954, ou Sistema económico de la pesca en Galicia, de 1958. Mais a economía non esgotou a súa vocación ensaística. No 1982 publicou, en Ediciós do Castro, Castelao na luz e na sombra’. “Xuntou o mellor das súas condicións de xornalista coas de intelectual investigador e deunos un volume de seiscentas páxinas, que aínda que con algunhas mínimas precisións, é todo un manifesto intencional”, asegura Xan Carballa na súa biografía.

Paz-Andrade reivindicouse sempre, de feito, como xornalista, malia ser tamén avogado, escritor, político e empresario. Tucho Calvo analizou nun libro publicado no 1997 o seu legado periodístico, froito dunha traxectoria que comezou sendo estudante en Compostela como colaborador na Gaceta de Galicia. Con 18 anos era xa xefe de redacción do semanario La Provincia de Pontevedra.

Aproveitou despois o seu servizo como soldado na  guerra de Marrocos para escribir crónicas para El Noroeste, da Coruña. Pero a súa maior achega á historia da prensa galega é, sen dúbida, o xornal Galicia. “Non esqueza que, de primeiras, fun xornalista. Sempre fixen simultáneas, e até concomitantes, a pluma e a toga”, confesáballe a Tucho Calvo nunha entrevista.

"O Galicia foi un proxecto dunha enorme modernidade, cun consello de administración plural e diverso, non sometido aos intereses de ningunha empresa nin ningún partido político"

A Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña a exposición A Galicia do Galicia (1922-1926) que, comisariada por Xosé Luís Axeitos, percorre a historia deste diario, referencia xa case mítica do xornalismo do país. “O Galicia foi unha empresa de grande altura. Era o tempo do agromar nacionalista: das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e o grupo Nós... Comezaba a moverse algo, e o Galicia foi o voceiro de todo ese movemento. Foi un proxecto dunha enorme modernidade, cun consello de administración plural e diverso, non sometido aos intereses de ningunha empresa nin ningún partido político”, subliña o comisario.

Non hai que esquecer -engade Axeitos-, o acerto que supuxo o “simbolismo icónico e o deseño do xornal, que o converte nun referente obrigado se queremos estudar as vangardas. As súas letras acabaron sendo as letras Galicia de Castelao, o propio traballo de Castelao como caricaturista, a súa mensaxe anticaciquil, popularizouse con este xornal, que era tamén un referente na información internacional en Galicia”. Valentín Paz-Andrade, Antón Vilar Ponte e Xosé García Acuña impulsaron este proxecto, cunha achega económica do cónsul honorario de Chile na Coruña, Ernesto Cádiz Vargas.

O acoso gobernamental acabou, porén, acabando co Galicia. Conta Tucho Calvo no seu libro que o gobernador civil de Pontevedra decretou a suspensión do xornal no 1925 “sen expediente” e “sen que fosen oídos os seus responsables”

Xunto a Castelao, colaboraron nas súas páxinas Manuel Antonio, Vicente Risco, Rafael Dieste ou Antón e Ramón Vilar Ponte, entre moitas outras figuras da cultura e a política da época. O acoso gobernamental acabou, porén, acabando co Galicia. Conta Tucho Calvo no seu libro que o gobernador civil de Pontevedra decretou a suspensión do xornal no 1925 “sen expediente” e “sen que fosen oídos os seus responsables”. Na Transición houbo, incluso, un intento de refundación, a partir dun proxecto asinado pola Fundación Penzol e o Laboratorio de Formas de Galicia. O Instituto Galego de Información (IGI) ía ser a súa sede, mais finalmente non foi adiante nin nese momento nin nos 90, cando houbo unha nova tentativa.

O xornalismo de Paz-Andrade incide, por outra banda, nas inquietudes que expresou nos seus ensaios. Mostra disto son, por exemplo, os seus textos na revista Industrias Pesqueras, da que foi director, ou en La Voz de Galicia, El Sol, El Pueblo Gallego ou La Noche. Nos anos 60 non deixou nunca de reclamar o despegue socioeconómico do país desde Cuadernos para el diálogo, Faro de Vigo ou Actualidad Española.